Carrefour reunirase o luns na Coruña cos gandeiros para empezar a negociar

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego mantén na Coruña e en Lugo os bloqueos aos supermercados da multinacional francesa. Na reunión tamén participarán representantes das industrias subministradoras.

Carrefour reunirase o luns na Coruña cos gandeiros para empezar a negociar

Bloqueo dos gandeiros ao Carrefour da Coruña.

Finalmente responsables de Carrefour accederon a sentar a negociar cos representantes dos gandeiros para chegar a un acordo que poña fin ao bloqueo que os produtores manteñen sobre o Carrefour da Avenida Alfonso Molina desde hai 9 días, e desde esta madrugada tamén sobre o Carrefour de Lugo. O encontro será o luns, a unha hora aínda sen concretar, na Coruña, entre os responsables de compras de Carrefour España e dos gandeiros.

Segundo informa Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, ao encontro tamén acudirán directivos das industrias provedoras de Carrefour.

Os bloqueos a Carrefour na Coruña e en Lugo mantéñense

En todo caso, os gandeiros seguirán mantendo os bloqueos na Coruña, sobre o Carrefour de Alfonso Molina e sobre o Alcampo de Palavea, nos que participan uns 300 gandeiros en distintas quendas e uns 190 tractores, e sobre o Carrefour de Lugo.

O obxectivo dos gandeiros nas negociacións con Carrefour será lograr un acordo similar ao que xa lograron con Eroski e con Lidl: unha suba mínima de 2 céntimos que se lle deberá trasladar aos gandeiros e a aposta por potenciar a orixe galega do leite a través do Galega 100% nas súas marcas brancas.

No caso de Carrefour o punto de partida das negociacións é máis difícil debido ao compromiso da multinacional francesa de distribuír o leite e os produtos lácteos de Francia, claramente excedentaria, en mercados como o español, o que choca cos intereses dos gandeiros galegos e españois.

Unha vez que se conseguiu sentar a negociar a Carrefour, e á espera dos resultados da reunión, o seguinte obxectivo na axenda da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego é presionar a Alcampo e, sobre todo, a DIA para que tamén inicien negociacións que leven a unha subida do prezo do leite en orixe, que en Galicia está nunha media de 0,28 euros por litro, o máis baixo do Estado.

Os gandeiros do Deza irán a Lugo a apoiar o bloqueo do Carrefour

Por último, sinalar que gandeiros da comarca do Deza decidiron esta tarde desprazarse a Lugo para apoiar o bloqueo ao Carrefour da Avenida Infanta Elena. O bloqueo que mantiñan sobre o Eroski e o Lidl de Lalín xa o levantaron onte despois de que estas dúas empresas da distribución chegasen a un acordo cos gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información