Das 22 carpinterías de ribeira que chegou a ter Moaña, non queda ningunha, pois as embarcacións tradicionais en madeira foron substituídas maioritariamente nas últimas décadas por opcións de poliester ou metal. A recente rehabilitación das carpinterías de Casqueiro e Carlagho, no paseo marítimo de Moaña, é unha oportunidade para coñecer o patrimonio das embarcacións tradicionais en madeira, e tamén a arquitectura dunhas edificacións tradicionais que estaban feitas maiormente de madeira e pedra.
Falamos en primeiro lugar con Pablo Martínez, expresidente da asociación Sueste, para coñecer máis das carpinterías de ribeira de Moaña.
– Fálanos sobre a historia das carpintarías de ribeira rehabilitadas en Moaña.
Son dúas as carpinterías de ribeira rehabilitadas: a de Casqueiro, que é onde nos atopamos actualmente e a de Carlagho, que veremos posteriormente.
A concesión é do ano 1942, concretamente de decembro, e déuselle a dous señores que decidiron entre eles facer un reparto do espazo: por un lado Riobó e por outro lado a que coñecemos como Carlagho. E a sorte que tiveron ambos foi dispar. Casqueiro traballou moitos anos construíndo barcos, mentres que no caso de Carlagho, tivo que emigrar a Brasil. Despois o fillo maior retomou a construción de embarcacións, pero xa con embarcacións de poliéster. Había unha terceira nave e un obradoiro de ferreiro e que desapareceron.
Estas carpinterías, no caso da de Carlagho,estivemos usándoa dende o ano 2000 aproximadamente, un grupo de persoas que nos dedicamos ás embarcacións de madeira e posteriormente fundamos a Asociación Sueste.
A carpintería de Casqueiro empregámola a partires do ano 2009 aproximadamente.
– Que embarcacións se facían nesas carpinterías?
Estas dúas carpinterías, especialmente a de Riobó, dedicáronse á construción de embarcacións de madeira. Como é lóxico, son carpinterías de madeira, estaleiros de ribeira e construíron dedicándose especialmente á construción de embarcacións para a pesca e especialmente á pesca da sardiña.
Non debemos esquecer que aquí en Moaña, no século pasado, entre o 1940 e o 1970, houbo unha flota pesqueira importantísima. Falamos dunha flota de algo máis de cen barcos. Barcos de Ardora, como algúns dos que podemos ver nestas fotografías. Barcos que algúns deles se construíron aquí. Tamén se fixo algún barco que posteriormente serviu para o transporte de pasaxe na nosa ría. E logo, construíronse bateas do segundo tipo que houbo, que eran as bateas de caixón.
– Que uso se lle dá ás carpintarías rehabilitadas?
A carpintería de Ribeira de Riobó-Casqueiro agora mesmo está ocupada por unha serie de pezas dunha asociación, que foron mariñeiros profesionais e que están na procura de conseguir un museo do mar para Moaña. Teñen maquetas, algunhas de bastante valor e unha serie de fotografías que son da asociación Nós, que llas cederon para esta musealización.
Este é un local para uso múltiple: conferencias, concertos, exposicións… Pode servir de aula. Este é o uso que se lle dá a este estaleiro, mentres que o estaleiro de Carlagho está como museo vivo, é dicir, alí hai unha serie embarcacións, algunhas en proceso de rehabilitación e outras gardadas. Poden acceder persoas e entidades pedindo permiso.

Interior musealizado dunha das carpinterías rehabilitadas
– Como foi o proceso de rehabilitación das carpintarías para espazo museístico?
Foi un proceso longo no tempo. Houbo un momento no que se quixo realizar un paseo marítimo, ao que a asociación Sueste non se opuña para nada, pero o que buscamos dende un primeiro momento foi a rehabilitación e a posta en valor destas carpinterías de ribeira. Isto creou un conflito social aquí en Moaña bastante grande, e aínda arrastramos as consecuencias.
No 2017, a Asociación Sueste solicitou á Xunta de Galicia o inicio da incoación do expediente de catalogación das carpinterías. Este expediente iniciouno a Xunta de Galicia en decembro do 2016 e foi aprobado e catalogado no 2017.
Xusto uns días antes desa mesma publicación da catalogación foi cando lle prenderon lume a este estaleiro, que tamén afectou ao outro. Este estaleiro (Casqueiro/Riobó) quedou absolutamente queimado. Só se mantiveron as súas paredes de pedra. O outro estaleiro (Carlagho) foi tamén bastante danado, pero aguantou porque o lume foi neste de aquí e pasou ao outro.
Posteriormente, o Concello fixo unha solicitude á demarcación de Costas para facerse con estes terreos, solicitando financiación para as rehabilitacións das carpinterías a distintos organismos públicos, como a Deputación de Pontevedra, conseguindo financiación para esta rehabilitación, que é a que temos agora mesmo.
Foi inaugurado recentemente. Estamos nos inicios do seu uso. O importante é a posta en valor destes estaleiros e que os rapaces novos dos colexios poidan vir por aquí a ver como eran as embarcacións tradicionais e incluso como se rehabilitaron e como foron feitas. É un programa que temos en colaboración co Concello de Moaña para facer estas visitas.
– Cal é a situación actual das carpintarías de ribeira?
Realmente quedan moi poucas carpinterías de ribeira en madeira. Penso que aquí na Ría de Vigo queda unha na zona de San Adrián (Vilaboa). Na ría de Pontevedra penso que non queda ningunha, na ría de Arousa hai dúas, un par delas na ría de Muros e debe quedar tamén unha carpintería no norte de Galicia…
Quedan poucas. É dicir, as carpinterías nuns casos derivaron a outro tipo de construcións, como pode ser o poliéster ou incluso o ferro. Outras desapareceron. É un traballo que non ten continuidade e que precisamente, o labor que facemos as asociacións, as asociacións como a nosa Asociación Sueste, é de mantemento desa cultura e posta en valor desa cultura, das carpinterías de ribeira dos barcos.
E non só os barcos e a madeira, senón tamén, pois todo o relacionado con eles, a historia, cultura, etnografía, música, etc. Todo o que teña relación cos barcos e coas carpinterías de ribeira, para nós ten un gran valor.
– E como foi o pasado das carpinterías de ribeira en Moaña e no Morrazo?
En Moaña, carpintería de ribeira en activo non queda xa ningunha. Foi unha vila onde tivemos moitas carpinterías. Temos agora mesmo catalogadas como 22 carpinterías de ribeira que houbo aquí no Concello de Moaña, pero en activo realmente non queda ningunha.
No Morrazo contínúa unha que fai traballo de rehabilitación e reconstrución de bateas de madeira; é unha carpintería que se atopa no concello de Vilaboa, concretamente en San Adrián. Salvo iso, practicamente non queda ningunha porque o mundo da pesca foi mudando moitísimo ao longo destes estes últimos anos.
Moaña tivo unha gran flota pesqueira que foi desaparecendo paulatinamente porque os mariñeiros moañeses foron á pesca de altura ou despois ás plataformas petrolíferas, abandoando a pesca de litoral, quitando a demanda de construción de novos barcos e as carpinterías non tiñan o suficiente traballo para poderse manter.
Outras carpinterías evolucionaron á construción en poliéster, incluso en ferro e actualmente, pois si que seguen traballando, pero as de carpintería de ribeira tenden a desaparecer…
– Que tipo de embarcacións se fan ou se reparan hoxe en día en madeira?
Repárase algún barco de madeira e algún puntual tamén se constrúe pero as novas embarcacións xeralmente son en poliéster ou ferro. Quedan todavía barcos de madeira e eu espero que nun futuro máis ou menos próximo se volva tamén á carpintería de ribeira.
Barcos de madeira aínda se conservan navegando, algúns están traballando e seguen en activo como barcos pesqueiros, barcos bateeiros…
Que non se constrúa en madeira é unha cuestión puramente económica, é dicir, o mantemento dun barco de madeira é máis custoso que un barco de poliéster. De aí que a construción en madeira fora en declive, de aí que a Asociación Sueste con outras asociacións, esteamos nese empeño de manter viva esa profesión, como a profesión das embarcacións de madeira tradicionais.

Algunhas das embarcacións gardadas nun dos estaleiros rehabilitado
– Con que madeiras se traballaban os barcos nas carpinterías de ribeira?
Os barcos que eran de madeira normalmente estaban construídos en carballo e eucalipto para certas partes, pero sobre todo, para a gran parte, especialmente o forro, usábase o piñeiro do país.
– En canto ao patrimonio flotante de embarcacións tradicionais de madeira, os mariñeiros e a veciñanza de Moaña conservan este tipo de embarcacións?
A maioría das embarcacións en madeira que se conservan son para lecer. Algunhas foron rehabilitadas e outras foron construídas novas e o que facemos aquí é o seu mantemento, a súa rehabilitación ou incluso reconstrucción. Facémolo porque nos gusta e polo que comentaba antes, temos un programa para que os rapaces dos colexios da zona poidan visitalas e ver as embarcacións típicas que tiñamos aquí e que esta cultura non desapareza. Ese é o noso obxectivo. Se o conseguimos un pouquiño, pois para nós sería unha gran satisfacción.
Como comentabamos antes, quedan tamén embarcacións aínda en activo, como barcos bateeiros ou pesqueiros. Son principalmente embarcacións menores como estas que temos aquí gardadas.
O proceso de rehabilitación: respeto ás edificacións orixinais e busca do consenso social
Os arquitectos Iago Fernández e Óscar Fuertes deseñaron un proceso de reconstrución das carpinterías baseado en madeira de piñeiro e pedra, os materiais orixinais das edificacións. Falamos con Iago Fernández sobre ese traballo.
– Cóntanos como foi o proceso de deseño da rehabilitación das carpinterías de ribeira de Moaña.
Foi un proceso bastante longo e baseámonos moito na tese doutoral do meu socio, Óscar Fuertes (‘La carpintería de ribera en Galicia: la recuperación de sus arquitecturas’). Fixemos unha labor de investigación documental para saber como era ese edificio e plantexar esta reconstrución, tendo en conta os posibles novos usos que se lle poderían dar, a nivel cultural sobre todo.
A nivel social, atopámonos con que había dúas posturas un pouco enfrontadas. Patrimonio esixía a recuperación integral do que se perdera. Pero Costas e a poboación estaban esixindo deixar ese espazo de tránsito libre para o paseo marítimo.
Entón, no proceso de deseño, intentamos chegar a un consenso entre Patrimonio, Costas e a poboación de Moaña para chegar a unha solución que respectase todos estes puntos de vista, deixando continuidade ó paseo e mantendo a identidade e a volumetría xeral dos edificios.
– Que madeiras empregastes, tanto no interior como en exteriores?
En canto ás madeiras, o criterio foi usar o mesmo tipo de madeiras que xa había alí con anterioridade. Entón, decidimos utilizar piñeiro, que era a madeira que se usou neste tipo de construcións. Queríamos usar só piñeiro galego, pero non foi posible nas pezas de maior tamaño, e por iso tivemos que recurrir a un piñeiro que nos garantizara un comportamento máis fiable a longo prazo na estrutura, e recurrimos ao piñeiro silvestre de Pino Soria.
Intentamos por todos os medios utilizar piñeiro galego, pero polas dimensións que tiñan tanto as columnas como as vigas e os piares do asteleiro, non foi posible. Consultamos moitos aserradeiros dentro do mundo da madeira e non había posibilidade, pois ninguén corta a madeira de piñeiro galego nestas lonxitudes e por iso tivemos que recurrir a madeira de Pino Soria, que tiña a lonxitude que necesitabamos e trátase de madeira de calidade.
Considerabamos que tiñamos que utilizar madeira maciza, non queriamos utilizar laminados.
– E nos exteriores?
En cambio, no que son as fachadas, os acabados do entablado si que é todo piñeiro galego 100%. É dun aserradeiro de Ponteareas, Hermanos Castro, porque nos garantizaba que a madeira levaba un tratamento incoloro e para clase 3, para o ambiente mariño no que está a carpintería.
Tanto na estrutura como nas fachadas interesábanos un tratamento incoloro porque queriamos deixar a madeira con esa acabado case natural que ten, pois así respectase a apariencia orixinal que tiña no seu momento a carpintería.
– Que tratamentos leva a madeira e que mantemento precisará?
Utilizamos tratamentos para insectos, xilófagos e pudrición, para o tipo de exposición que ten a madeira é suficiente… Despois déuselle un lasur incoloro para que aguante máis, pero asúmese que esta madeira co tempo vai perder a cor. É un proceso lóxico que cremos que ten que ser así neste tipo de edificios.
É tamén importante destacar o obxectivo de mantemento a longo prazo. Estas fachadas non requiren de lixado, simplemente limpeza. Pódese limpar a fachada con auga a presión, un cepillado e despois pódense volver aplicar de novo os tratamentos. A intención é minimizar na medida do posible o mantemento do edificio a longo prazo.

Vista aérea das dúas carpinterías de ribeira rehabilitadas
Galego





Control OJD