Todos os proxectos que rodean a José Manuel Ledo e a súa muller levan un selo en común: a calidade e a proximidade. Un deles é a carnicería, Ledo, asentada en Agolada e a cal xestionan dende hai uns sete anos.
Neste negocio venden carne de vacún e de porcino que crían nas súas propias ganderías, aínda que no caso do vacún precisan mercar tamén a outro provedores da zona para abastecer á súa clientela. “Mercamos a ganderías da zona de Agolada e Rodeiro (Pontevedra), algunhas alimentan os animais co noso penso e outras non, pero tratamos de que os animais presenten unhas calidades similares aos nosos para manter o nivel que ofrecemos aos nosos consumidores”.
Na súa propia gandería, manexan unhas 40 vacas reprodutoras, as cales son alimentadas cos pensos que elaboran eles mesmos, e nos porcos xestionan lotes pequenos, de maneira que lles permita ter entre 4 e 5 porcos á semana para a carnicería. “Todas as labores, combinando a xestión da gandería, a fábrica de pensos e as ganderías facémolas entre a miña muller máis eu, ademais dos transportes”, destaca Ledo. Engade que na carnicería contan cunha traballadora polas mañás, que é o horario que teñen aberto ao público.
Ademais da carne fresca, neste local pódense atopar produtos elaborados coma chourizos, criollos, hamburguesas ou zorza, “todo de elaboración propia e coa máxima calidade”.
Fan distribución dos produtos de carnicería para establecementos de toda Galicia

José Manuel Ledo.
Unha das máximas que manteñen en Ledo é ofrecer alta calidade en todos os seus produtos. O segundo valor que destacan é a proximidade, por iso levan os seus produtos aló onde llos piden. Venden, ademais de no propio local, a restaurantes da zona de Agolada e arredores, e serven a carnicerías de todo Galicia. De feito, coa súa carne chegan a numerosos puntos de Galicia. “O reparto combinámolo co penso, de paso que imos levar a algún punto aproveitamos as viaxes para levarlles carne”, explica.
O transporte lévano a cabo nunha furgoneta a cal buscan mellorar proximamente. “Queremos incorporarlle a máquina de frío, de maneira que a metade da furgoneta sirva para a carne e na outra vaia o penso, sen que ningún produto se vexa afectado”, relata. Engade que os transportes téñenos organizados por días da semana: “Un día á semana imos a Ourense e Vigo, outro A Coruña e Santiago e outro a Pontevedra, no caso de Lugo facemos unha xestión diferente porque nos queda máis a man”.

Furgoneta na que realizan o reparto tanto de pensos como de carne
Ledo recalca que percibe que a clientela que teñen por Galicia “repite”, moito marcado por esa proximidade e o feito de “levarlles nós mesmos os produtos, escoitar o que opinan, precisas ou consideran é un valor engadido para os nosos produtos e a nosa carnicería”.
Contacto
- Teléfono: 613 277 959