Carmen Lence non agocha o que pensa. É un xen que herdou tamén do seu pai, Jesús Lence, de quen colleu a empresa Leite Río fai agora 5 anos, logrando neste tempo duplicar a súa facturación pero mostrando ao mesmo tempo unha maior sensibilidade co sector produtor.
Sempre que pode, Carmen Lence, que agora ocupa ademais o cargo de vicepresidenta da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL), non perde a oportunidade de defender aos gandeiros, a eses aos que merca o leite e que considera os seus partners (socios), na terminoloxía de empresa americana coa que volveu para Lugo a facerse cargo dos negocios familiares, cando o seu pai morreu.
Volveuno facer este martes, no transcurso dunha visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ás instalacións da empresa, que é unha das beneficiarias do PERTE Agroalimentario. Mirando cara os posibles efectos no campo e sen citar a ningunha cadea en concreto, Carmen Lence calificou de “irresponsabilidade” as baixadas de prezo nos lineais por parte da gran distribución.
Nas últimas semanas as cadeas de supermercados están a baixar o prezo do leite nos liñais, tensionando a todo o sector
A vicepresidenta da Fenil censurou unhas prácticas comerciais que poñen en risco a sostibilidade da cadea láctea, xa que Carmen Lence teme que esta volta ás andadas dos grandes supermercados, utilizando o leite de novo como produto reclamo, acabe por desincentivar a produción e poña en perigo de novo o subministro, como aconteceu no outono do 2022.
Se os prezos seguen repuntando en Europa, Carmen Lence non prevé baixadas do leite nas granxas para os vindeiros meses
Con todo, se o prezo no resto de países europeos segue a subir, Carmen Lence non teme novas baixadas nos contratos no campo de cara aos vindeiros meses, aínda que evitou confirmar se Leite Río manterá os prezos de renovación en agosto.
Mensaxe ás cadeas de distribución
“Realmente non me parece que sexa o momento para baixar o prezo do leite”, dixo rotunda Carmen Lence, que avogou por “manter unha cadea de valor rendible para todos”. “Aquí o que vimos é que durante moito tempo se utilizaba o leite como produto reclamo. Cando eu cheguei no ano 2019 estaba o leite máis barato ca auga. E as consecuencias diso foi que algunhas das cadeas de distribución máis importantes de España quedaron, literalmente, sen leite, porque obviamente ninguén vai traballar para ser cada vez máis pobre e a algúns gandeiros compensáballes máis desfacerse das vacas que dar leite”, lembrou.
Cando eu cheguei no ano 2019 estaba o leite máis barato ca auga; custou moito subir o prezo nos supermercados
“Custou moito conseguir subir o leite no lineal e grazas a que houbo esa escaseza chegouse a un prezo do leite no que toda a cadea de valor pode vivir, que é o que ten que ser. O consumidor ten que entender que detrás do prezo do leite no lineal hai un montón de familias que viven diso e ese prezo ten que pagar todo ese valor que se crea”, defende.
“Polo tanto, paréceme que é unha irresponsabilidade facer ese tipo de ofertas porque isto pode levarnos a que volvamos ao mesmo e nós non queremos porque temos un risco enorme de que se sigan pechando ganderías. Hoxe en día a idade media dos gandeiros é de 55 anos e temos un problema importante para atraer xente nova e man de obra ao sector. Se as ganderías non son rendibles evidentemente volveremos ter outra crise de falta de leite, polo que temos que ser responsables todos, empezando polos consumidores e pasando pola gran distribución e as industrias”, pediu.
Estabilidade de prezos no campo
Ante a inminente renovación de contratos no campo, Carmen Lence evitou confirmar se Leite Río manterá prezos, como están a facer outras industrias que operan en Galicia, como Naturleite (cun prezo base de 44 céntimos) ou Inleit (que parte de 40 céntimos).
O Grupo Lence está a pagar neste momento a 42 céntimos de base, pero na oferta remitida ás explotacións para renovar contratos o día 1 de agosto propuña baixar a 40 céntimos. “Teremos que facer correccións ou non en función de como estea o mercado nese momento. Eu espero que Europa siga subindo porque nós temos que ser competitivos e se o leite aquí está moito máis caro ca fóra acontece o que pasou neste último ano, no que estivo entrando moitísimo leite en forma de queixo e mesmo leite envasado procedente de Portugal, que segue entrando neste momento”, asegura.
Neste momento está entrando leite envasado de Portugal e hai algunha empresa galega de base cooperativa tirando os prezos da marca blanca
En todo caso, Leite Río comprométese a “seguir pagando por enriba da media de Galicia” porque, dixo a súa responsable, “nós estamos aquí para crear valor e para facelo durante moito tempo”. “Queremos que haxa estabilidade e que se se produce unha baixada que esta teña sentido, por exemplo porque teñan baixado os pensos ou a electricidade”, argumentou.
Por iso Carmen Lence defende os descensos paulatinos realizados no último ano e que acumularon más de 15 céntimos. “A lei da oferta e a demanda é máis lei que a lei da gravidade e se o leite fóra está moito máis barato pérdese competitividade por parte das industrias e córrese o risco de que os gandeiros non vendan ás queixerías e comece a sobrar moito leite, caendo o prezo en picado, que é o que non queremos”, di.
O Goberno aprobou a Lei da Cadea e o obxectivo é que se cumpra; estamos estudando se hai que facer algunha modificación ou é necesario máis control
Pola súa banda, Pedro Blanco insistiu en que “o Goberno aprobou a Lei da Cadea Alimentaria e o obxectivo é que se cumpra. Estamos escoitando ás organizacións agrarias para ver se é necesario establecer máis medios de control ou algún tipo de modificación”, asegurou.
Novo PERTE agrario dotado con 300 millóns de euros
O delegado do Goberno en Galicia tamén anunciou que nas vindeiras semanas vai ser convocado un novo PERTE dotado con 300 millóns de euros dirixido á industria do sector agroalimentario, para favorecer a súa transformación mediante estratexias de diversificación, tecnificación e aproveitamento dos recursos.
O proxecto dirixido polo Grupo Lence e no que participan outras empresas do sector lácteo investirá 16,8 millóns de euros, cunha axuda de 9,7 millóns do Ministerio de Industria
“Os obxectivos serían os mesmos que os do primeiro PERTE, recollidos na finalidade dos fondos europeos Next Generation establecidos trala pandemia da covid-19: innovación, aforro enerxético, coa consecuente redución de emisións, e optimización de procesos e recursos, por exemplo coa diminución de refugallos e a mellora de tratamento de augas residuais”, avanzou.
Apostamos pola colaboración e por ser unha empresa tractora da industria láctea galega
As empresas lácteas que participan no proxecto SmarTZ4Milk recibiron 9,7 millóns de euros do primeiro PERTE, para un investimento total de 16,8 millóns de euros. “Estamos moi orgullosos de que grazas a este proxecto liderado polo Grupo Lence outras empresas lácteas galegas máis pequenas poidan recibir fondos para facer fronte a investimentos para poderen estar ao día que doutro xeito terían máis difícil facer. Para nós é un orgullo poder contribuír a que estas empresas máis pequenas do sector lácteo galego poidan medrar porque o que queremos é que en Galicia haxa un tecido produtivo e empresarial suficientemente forte para que os nosos fillos e fillas non se teñan que ir traballar a outro sitio”, salientou Carmen Lence no día no que a cidade de Lugo superaba oficialmente a barreira dos 100.000 habitantes.
Unha planta con capacidade para procesar 54.000 litros á hora enfocada ao envasado de marca branca
A planta Ceao II, unha das dúas que Leite Río ten no polígono industrial lugués, é o buque insignia do Grupo Lence. Durante anos estivo no punto de mira por problemas urbanísticos, mesmo con sentenzas que obrigaban a desmontala, pero superados eses atrancos a día de hoxe é o lugar das visitas protocolarias e onde Carmen Lence presume de tecnoloxía.
A factoría ten unha capacidade instalada total de envasado de 54.000 litros/hora e está maioritariamente enfocada cara á marca branca. Dela saen anualmente uns 170 millóns de litros de leite con destino á maioría de cadeas de distribución: Gadis (Campo Nuestro), Ifa (Eliges), Alcampo (LR), Ahorramas (Alipende), Lidl (Milbona), Carrefour (Simply), Día, Coviran ou Consum, entre outras.
O Grupo Lence subminstra desde a súa planta de Lugo leite á maioría de cadeas de supermercados que operan en España
“Unha gran parte do que facemos aquí é para a gran distribución; é unha planta concebida para iso, é unha planta de volume”, explicou o director industrial, Ricardo Fernández, encargado de guiar a visita do delegado do Goberno en Galicia ás instalacións.
Unha parte da factoría traballa en continuo, as 24 horas do día os 7 días da semana, xa que nas plantas de envasado de leite é a maneira de optimizar as liñas de produción, dado que as paradas obrigan a facer limpezas e a perder produto.
Leite Río está a montar unha sexta liña de envasado incrementando até os 65.000 litros/hora a capacidade total da planta
A planta conta na actualidade con 5 liñas de envasado, 4 en brick e unha en botella, pero neste momento estase a ampliar cunha sexta liña de brick de tecnoloxía SIG Combibloc (no que o cartón xa vén preformado) con capacidade para procesar outros 12.000 litros/hora a maiores.
Trala pandemia, o Grupo Lence gañou novos clientes e foi medrando en recollida de leite e produción a medida que o facía tamén a marca branca nos supermercados en detrimento das primerias marcas de fabricante. O último contrato é para envasar a nova marca propia de Alcampo Cultivamos lo Bueno, que procederá de 60 granxas galegas certificadas en benestar animal (as 355 que recolle na actualidade o Grupo Lence contan co selo Welfair).
A planta Ceao II procesa actualmente entre 500.000 e 700.000 litros diarios de leite, a maioría de marca branca
Outro dos últimos contratos foi o de Lidl, que até agora se subministraba principalmente da planta de Pontedeume de Leche Celta e que neste momento se reparte os máis de 670 supermercados que o grupo alemán ten en España co Grupo Lence debido ao incremento da demanda (Milbona é unha das marcas brancas que máis está a medrar, xunto con Hacendado, pertencente a Mercadona).
Lidl Supermercados é a filial en España da alemá Lidl Stiftung, compañía integrada á súa vez no Grupo Schwarz, a cadea de supermercados líder en Europa e o cuarto operador mundial no ámbito da distribución alimentaria. Esta semana ten en oferta nos supermercados españois o seu leite semidesnatado Milbona a 73 céntimos, o que orixinou as protestas das organizacións agrarias.
O Grupo Lence recolle este momento uns 940.000 litros de leite diarios e só é superada por Lactalis en Galicia
A planta Ceao II, a máis grande do grupo, está centrada na marca branca, mentres que na de Leyma en Arteixo fanse os produtos de maior valor engadido, como os batidos e a liña de produtos enriquecidos con proteína OptiPro, desenvolvidos en colaboración coa Aula de Produtos Lácteos da USC e que representa a aposta da compañía pola innovación e a diversificación.
A maiores das súas marcas de cabeceira, Río de Galicia e Leyma, o Grupo Lence posúe outras segundas marcas como Solar, Xoia, Cremosita ou Gallega, que se fan sobre todo na planta Ceao I, con tres liñas de envasado e capacidade para procesar 300.000 litros ao día.
Danone ten un acordo co Grupo Lence para facer o trasvase de leite nas súas instalacións
En conxunto, o Grupo Lence recolle este momento uns 940.000 litros diarios e é a segunda empresa que máis leite compra en Galicia, só superada pola multinacional francesa Lactalis (1,3 millóns de litros).
Á chegada á planta o leite transportado polas cisternas que recollen ás 350 granxas ás que o Grupo Lence compra materia prima é analizado antes de ser descargado e almacenado nos silos. Logo do desnatado e do proceso de estandarización é envasado para os distintos clientes nos cartóns e botellas correspondentes. Tamén é habitual ver na zona de descarga camións de Danone, xa que a compañía francesa ten un acordo co grupo lucense para facer o transvase nas súas instalacións.