
Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, nas instalacións da empresa no polígono do Ceao en Lugo
Carmen Lence leva 6 anos á fronte de Leite Río, nos que tivo que facer fronte a situacións difíciles, como a fuxida inicial de granxas cara a Inleit, a pandemia da covid-19, a folga do transporte, ou o incremento de custos a consecuencia da guerra de Ucraína.
Pero nese contexto de inestabilidade, a empresa lucense soubo aproveitar o vento a favor da marca branca e o desabastecemento de leite nos lineais vivido en 2022 para posicionarse como unha envasadora imprescindible para algunhas das principais cadeas de distribución en España.
Cunha produción de leite contida no campo e prezos da materia prima á alza, Leite Río aposta pola diversificación e valora entrar no segmento do queixo e dos produtos de maior valor engadido. Carmen Lence xustifica tamén as actuais diferenzas de prezo entre granxas grandes e pequenas.
– O Grupo Lence mantivo un importante crecemento nos últimos 5 anos que quere continuar nos próximos exercicios. En base a que produtos? Cal é a estratexia?
– Somos moi conscientes de que a vantaxe competitiva desta empresa é a nosa capacidade de producir marca de distribución de moi boa calidade a un prezo competitivo e cun excelente servizo ao cliente. Levamos moito tempo facendo marca branca e sabemos como facelo. Unha parte do noso crecemento virá de seguir medrando coa marca de distribución.
Ao mesmo tempo, cremos no valor que achegan as marcas de fabricante e, en particular, no valor que achegan as nosas marcas Leyma e Río. Leyma é unha marca rexional que vai apostar por sacar produtos innovadores baseados na tradición galega. Mentres que Río vai seguir apostando pola gama de leite funcional OptiMilk, baseada en leite ultrafiltrada para maior achega de proteínas e calcio do propio leite, sen engadidos.
Tamén consideramos crecer de forma inorgánica con produtos que completen o noso portafolio.
– O consumidor cada vez ten unha maior preocupación pola súa alimentación e saúde. Que peso considera que terán os produtos lácteos funcionais nos próximos anos?
– Moitísimo, e por iso apostamos por ese camiño. Segundo un informe de Euromonitor International (2024), o mercado global de alimentos funcionais medra a un ritmo anual do 7%, e os produtos lácteos están entre as categorías máis dinámicas, especialmente aqueles con beneficios engadidos como alto contido en proteínas, sen lactosa, enriquecidos con probióticos ou vitamina D. O informe destaca que o 62% dos consumidores europeos buscan activamente produtos que fortalezcan o seu sistema inmunolóxico, e o 57% asocia os lácteos funcionais cunha dieta equilibrada e un estilo de vida activo.
O mercado global de alimentos funcionais medra a un ritmo anual do 7% e Río vai seguir apostando pola gama de leite funcional OptiMilk
Neste contexto, os lácteos funcionais consolídanse como unha categoría estratéxica para a industria alimentaria, especialmente cando están aliñados con outras tendencias de consumo: clean label, conveniencia e sustentabilidade. Para marcas con capacidade industrial e de innovación, como as nosas, isto representa unha oportunidade clara de crecemento e diferenciación.
– A marca branca gaña peso e Leite Río soubo aproveitalo, sobre todo despois do momento de escaseza de leite nos lineais dos supermercados vivido no ano 2022, pero cales son os riscos de destinar máis do 50% do leite recollido a marcas de distribución?
– Eu máis ben preocuparíame de cales son os riscos de non facelo. Destinar máis do 50% do leite recollido a marcas de distribución en España ten sentido desde o punto de vista de adaptación ao mercado: a realidade é que a MDD aglutina xa preto do 60% das vendas de leite en volume, e as marcas de fabricante perderon arredor dun 20% de cota nos últimos anos, retrocedendo desde máis do 55% en 2019 ata apenas superar o 40% en 2023. A preferencia pola MDD explícase non só polo prezo senón tamén por unha percepción de calidade equiparable dos consumidores españois segundo estudos recentes. Nese contexto, participar fortemente en MDD é practicamente unha esixencia competitiva.
A marca de distribución aglutina xa preto do 60% das vendas de leite en España; apostar por esa liña é adaptación ao mercado
Con todo, unha aposta exclusiva ou excesiva pola marca branca non é o que queremos, porque nós estamos aquí para algo máis que para vender leite. Tamén nos importa o compromiso co rural, a soberanía alimentaria, a igualdade de xénero, a innovación e o crecemento con impacto. Manter a marca propia é esencial para expresar quen somos e que é importante para nós. Polo tanto, aínda que responder á demanda crecente de MDD é necesario, conservar unha marca de fabricante sólida é fundamental para ter un impacto positivo e crecer con propósito.
– Cal é o peso das principais cadeas no sector lácteo actual? Pregúntollo porque por parte dos gandeiros sempre se dixo que mandaban as industrias, pero realmente isto é así a día de hoxe?
– Un estudo da Universidade de Santiago de Compostela, liderado polos profesores Sineiro e Santiso, subliña o papel crecente que teñen as grandes cadeas de distribución na formación do prezo do leite en orixe. A súa capacidade de influencia intensificouse nos últimos anos grazas ao dominio da marca de distribuidor (MDD) no lineal: por exemplo, a cadea líder en España concentra aproximadamente un 30% das vendas de leite UHT baixo a súa propia marca. Esta concentración outorga aos distribuidores unha posición negociadora moi forte fronte á industria transformadora.
De feito, producíronse denuncias por parte de organizacións de gandeiros e consumidores, que alertaban de posibles prácticas de concertación de prezos entre as grandes cadeas, especialmente durante o período inflacionista tras a invasión de Ucraína. Porén, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) descartou esas denuncias, ao non atopar indicios suficientes para abrir un expediente sancionador. Aínda así, o ditame da CNMC non nega a concentración de poder de negociación na distribución, pero isto, por si só, non constitúe unha práctica sancionable.
– O consumo de leite baixa e o de queixos medra. Algunhas empresas competencia directa do Grupo Lence, como por exemplo CAPSA, están posicionándose no sector dos queixos. Leyma hai anos tamén producía queixos e ségueos mantendo, aínda que sexa de maneira testemuñal, na súa carteira de produtos. Teñen algún plan para reflotar este mercado?
– Somos moi conscientes desta evolución do mercado e témola en conta nas nosas decisións estratéxicas. Unha das vías de crecemento que estamos explorando activamente é a diversificación do portafolio a través de adquisicións. Avaliamos operacións que non só nos permitan ampliar gama de produtos, senón tamén reforzar a nosa posición en categorías en expansión, como a do queixo. A nosa entrada neste segmento podería vir da man dunha adquisición que aporte capacidades industriais, coñecemento do mercado e sinerxías loxísticas e comerciais coas nosas operacións actuais.
– A que nivel de produción están a traballar as tres factorías do Grupo Lence neste momento? Teñen capacidade para aumentar a produción nelas?
– Actualmente, as nosas tres factorías non están a traballar aínda ao 100% da súa capacidade, e iso é algo que forma parte do noso plan de crecemento. Para poder aproveitar todo o seu potencial precisamos realizar certas melloras técnicas e operativas, e precisamente aí se enfoca parte do investimento dos 20 millóns de euros que temos previsto.
– A que se van destinar eses 20 millóns?
– Unha parte deste investimento irá destinada á modernización das plantas existentes, mellorando eficiencia, sustentabilidade e capacidade produtiva. Outra parte importante dedicarase á adquisición de novas envasadoras para poder ofrecer formatos e produtos variados e adaptarnos mellor ás demandas do mercado. Este investimento non só busca medrar en volume, senón tamén en valor engadido, reforzando a nosa posición e preparándonos para competir con máis forza nun mercado cada vez máis esixente.
“Máis do 70% dos titulares de explotacións superan os 55 anos e xubilaranse na próxima década. Isto pode xerar escaseza de leite no futuro”

– O crecemento previsto polo Grupo Lence ata 2030 vai implicar a necesidade de mercar máis materia prima. Como ve a situación de prezos, de oferta e de competencia no campo nos próximos anos?
– É certo que o crecemento que prevemos ata 2030 implicará unha maior necesidade de materia prima, e iso obríganos a mirar con atención o que está a ocorrer no campo. En Galicia, o número de granxas caeu máis dun 60% nos últimos 20 anos, aínda que as que permanecen están máis profesionalizadas e producen máis. Aínda así, o problema estrutural está no relevo xeracional: máis do 70% dos titulares de explotacións superan os 55 anos e xubilaranse na próxima década. Isto, sumado ao abandono do rural, pode xerar escaseza de leite no futuro.
Grupo Lence é a única empresa galega entre as catro que máis leite recollen en Galicia, e iso é unha responsabilidade. Non só formamos parte da economía local, senón que somos un piar para moitas familias gandeiras. Se só nos conformásemos con sobrevivir, estariamos deixando a porta aberta a que empresas de fóra, con intereses alleos á nosa terra, condicionen o futuro do sector. Pero se seguimos medrando e reforzando o noso peso tanto no campo como na distribución, seremos un actor imprescindible.
O noso compromiso é seguir medrando para reforzar o noso papel como empresa estratéxica para o sector lácteo galego
Por iso, o noso compromiso é claro: seguir medrando, non só para asegurar o subministro de leite que precisamos, senón para reforzar o noso papel como empresa estratéxica para o sector lácteo galego. Queremos ser un aliado de longo prazo para os gandeiros, contribuír a manter viva a economía rural e asegurar que o leite galego siga sendo galego.
– Galicia estase a converter na reserva de leite de España, por iso tamén leva anos atraendo proxectos industriais. É dicir, aumenta a competencia e diminúe a produción. Pode a falta de leite dispoñible frustrar o obxectivo de crecemento do Grupo Lence?
– Se pensásemos que o aumento da competencia pola materia prima en Galicia fora frustrar os nosos obxectivos de crecemento, o máis sensato sería vender a empresa e dar a batalla por perdida. Obviamente, esa non é a nosa maneira de pensar. No Grupo Lence somos ambiciosos, cremos na nosa capacidade para facer que as cousas pasen e levamos máis de 50 anos demostrando que non sempre é o máis grande, ou o que máis medios ten, quen sae coa súa.
Somos unha empresa solvente; non hai ningún motivo para pensar que outros están en mellor posición ca nós para gañar cota de recollida de leite
Non hai ningún motivo para pensar que outros están en mellor posición ca nós para gañar cota de leite. Somos unha empresa solvente, cunha moi boa reputación, dinámica e independente, con raíces profundas en Galicia e cun modelo que nos permite tomar decisións con axilidade. Sentimos paixón polo que facemos, divertímonos, e estamos orgullosos de facer unha diferenza moi importante na sociedade. Iso dálle unha forza que non aparece nos balances, pero que se nota en cada paso que damos.
– O 1 de agosto entraron en vigor as renovacións de contratos e un dos obxectivos principais de todas as empresas foi fidelizar aos seus provedores. Estaría disposto o Grupo Lence a asinar contratos a máis longo prazo, por exemplo 2 ou 5 anos, coas preto de 300 granxas que lle entregan o leite?
– No Grupo Lence estamos abertos a asinar contratos a máis longo prazo, cremos nas relacións estables e nos nosos provedores como socios. A fidelización non se logra só con palabras, senón con feitos, e para nós ofrecer estabilidade forma parte dese compromiso.
Cremos nas relacións estables e estamos abertos a asinar contratos a máis longo prazo, pero no contexto actual moitos gandeiros venos con cautela e prefiren manter certa flexibilidade
Dito isto, tamén somos conscientes de que moitos gandeiros, no contexto actual, prefiren manter certa flexibilidade. A posibilidade de que os prezos sigan subindo nun escenario de escaseza fai que algúns vexan os contratos longos con cautela. Entendémolo perfectamente. A nosa prioridade é clara: que as granxas que traballan con nós se sintan respaldadas, valoradas e parte dun proxecto común a longo prazo.
– A produción de leite por parte das granxas en Galicia, que ata agora tamén medraba ano tras ano, xa está a amosar síntomas de debilidade, cunha caída da produción do 2% en abril, do 3% en maio e do 4% en xuño. Preocupa isto en Leite Río?
– Si, preocúpanos e, sobre todo, ocúpanos. No Grupo Lence non só o observamos con atención, senón que xa estamos a analizar que podemos facer para reverter esta situación. Somos conscientes de que detrás destes datos hai múltiples factores, como a falta de relevo xeracional, a falta de man de obra, o exceso de regulación, etc. Por iso, estamos a explorar medidas que reforcen a nosa colaboración coas granxas. O noso compromiso co rural é firme, e sabemos que, se queremos medrar, temos que facelo da man dos nosos provedores.
– Cales considera que son as razóns de fondo que levan ao peche de explotacións e de que forma se podería incentivar o relevo xeracional no sector?
– A produción de leite en Galicia está estancada malia manter prezos altos, e a causa principal é a xubilación de gandeiros sen relevo xeracional. Cada ano desaparece o 6% das granxas, unha tendencia que só frean aquelas explotacións que logran implicar á seguinte xeración.
Os mozos que se quedan queren granxas máis grandes, profesionalizadas e tecnolóxicas, que lles permitan vivir dignamente, contratar persoal e reducir a carga física. Pero montar un establo novo require investimentos moi importantes, e se non hai relevo claro, moitos evitan modernizarse.
Para reverter a situación actual de peche de explotacións precisamos estabilidade de prezos
Para reverter esta situación precisamos estabilidade en prezos e contratos, apoio á modernización, programas de incorporación de mozos con formación e financiamento, educar á sociedade sobre o que é ser gandeiro hoxe, dándolle o valor e prestixio que merecen quen traballan no campo por ser quen garanten a soberanía alimentaria do país.
– Considera acertado establecer diferenzas de 4 ou 5 céntimos, ou incluso máis, entre granxas en función do seu volume de entregas?
– Ten sentido que, igual que os nosos clientes, a gran distribución, aproveita a súa capacidade de negociación para obter mellores condicións, os gandeiros con maior volume de entregas tamén o fagan. En calquera mercado libre, quen ten máis forza negociadora consegue mellores prezos. Ademais, unha granxa que entrega máis litros reduce os custos loxísticos de recollida e, nun contexto no que escasean transportistas dispostos a cubrir rutas con moitas paradas, é lóxico que as empresas estean dispostas a pagar máis por eses volumes concentrados.
Escasean transportistas dispostos a cubrir rutas con moitas paradas
Pero convén lembrar que prezo e rendibilidade non son o mesmo. Que unha explotación grande cobre uns céntimos máis por litro non significa que sexa máis rendible ca unha pequena que recibe menos. De feito, unha explotación que non inviste adoita ser máis rendible a curto prazo ca outra que destina recursos a medrar mercando gando, incorporando robots ou ampliando instalacións. É o clásico dilema empresarial: apostar polo crecemento ou priorizar a rendibilidade inmediata.
Galego








Control OJD