Carballo galego para o whisky irlandés

A Escola Politécnica de Lugo (USC) colabora coa marca Jameson nun proxecto orientado á certificación forestal das partidas de madeira galega que emprega a firma nas súas barricas

Carballo galego para o whisky irlandés

A marca Jameson está empregar para parte das súas barricas carballo galego.

Unha das marcas máis afamadas no mundo do whisky, a irlandesa Jameson, está a envellecer parte dos seus licores en barricas de carballo galego. A empresa Irish Distillers Inc., propietaria da marca, constatou as propiedades da madeira de carballo galego a través dun proxecto de investigación da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago, USC). Agora, Jameson e a USC van extender a súa colaboración nun novo proxecto orientado á certificación da sostibilidades forestal das masas de carballo galego.

A nova investigación, coordinada polos profesores Pablo Vila e Ignacio Díaz Maroto, traballará na certificación forestal das masas de carballo galego, así como da madeira resultante, de cara a garantir a sostiblidade medioambiental do seu aproveitamento. O traballo, sinalan desde a USC, non está exento de complexidades polo pequeno tamaño das carballeiras galegas. Colaboran tamén no proxecto Maderbar (Baralla, Lugo), o serradoiro que se encarga da elaboración das doelas, e a tonelería gaditana Antonio Páez.

O serradoiro Maderbar, de Baralla, e unha tonelería gaditana colaboran no proxecto

O escenario de colaboración entre a Universidade de Santiago e Irish Distillers Inc. está garantido por tres anos máis, segundo puxo de manifesto unha delegación da empresa nunha recente visita a Lugo para supervisar sobre o terreo os traballos que se están a realizar. No marco do proxecto, a investigadora da Escola Politécnica Adriana Conde está tamén a elaborar a súa tese de doutoramento.

Valor da madeira de carballo
O profesor da USC Pablo Vila incide na importancia do proxecto para a posta en valor da xestión forestal sustentable, xa que a certificación forestal actúa como garantía dun bo manexo e, a maiores, aporta un valor complementario ó recurso natural do monte galego. As expectativas de futuro pasan por unha ampliación do uso da madeira de carballo de Galicia, moi rica en taninos, no envellecemento do whisky irlandés.

Outro proxecto de investigación, este desenvolto pola Universidade de Vigo, xa constatara hai pouco, nun ensaio comparativo, que o carballo galego era a madeira idónea para o envellecemento da augardente, de cara á elaboración de licores tostados.

Una idea sobre “Carballo galego para o whisky irlandés

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información