O carballo americano (Quercus rubra) é unha especie cunha gran área natural de procedencia, que abarca a maior parte de Norteamérica. A Galicia chegou a mediados do século XX e experimentou unha certa difusión en plantacións durante as últimas décadas, tanto en antigas terras agrícolas como en montes veciñais e zonas axardinadas, aínda que sen que a especie acadase unha gran superficie na comunidade.
Unha guía da Asociación Forestal de Galicia, elaborada no seu día por Fernando Molina como autor principal, analiza os tratamentos silvícolas e coidados que precisan as plantacións de carballo americano en Galicia, Resumimos a continuación as principais cuestións a considerar.
As plantacións de carballo americano requiren de solos fondos e ricos en materia orgánica. Vanlle ben os solos ácidos, propios de Galicia, pero a especie aguanta mal tanto os encharcamentos como as secas. A súa madeira é apreciada na carpintería e comezou a usarse xa hai anos pola industria galega do moble, con importacións procedentes de Norteamérica. Ten unha cor máis clara que o carballo do país e é menos veteado.
As repoboacións con esta especie adoitan facerse con plantas de 1-2 anos a raíz núa, entre 70 centímetros e 1,50 metros, sen follas, entre novembro e primeiros de marzo. Se se emprega planta en envase, a plantación pódese alongar fóra da época de repouso vexetativo.
Preparación do terreo
Para a plantación, en terreos con mato ou antigos terreos agrícolas, a parte de eliminar a vexetación e practicar un subsolado fondo, para facilitar a penetración das raíces, aconséllase unha labor con grade para descompactar o solo e dificultar a nascencia da vexetación preexistente.
En áreas anteriormente arborizadas, é suficiente cun subsolado liñal, logo de retirar restos de corta, mato e tocos. Se se utiliza un marco de plantación amplo, tamén hai a alternativa de facer buracos cunha retroescavadora, evitando as dificultades que provocan os canotos para o subsolado.
A densidade inicial máis axeitada para conseguir pés madeirables de calidade é duns 1.250 árbores por hectárea, por exemplo cun marco de 4×2 metros, que permita o acceso de maquinaria nas rúas da plantación. Se o propietario está disposto a aplicar coidados, acometendo un programa de podas de formación desde o segundo ano, pódense utilizar densidades máis amplas, de ata 4×4 metros (625 pés/hectárea).
Coidados nos primeiros anos
O control de vexetación competidora nos primeiros anos, ben con rozas mecánicas ou químicas, é fundamental para a boa medranza e arranque do carballo americano. En veráns secos, se é posible, aconséllase nos dous primeiros anos a execución de regas de apoio.
Outro coidado clave é a poda de formación alomenos durante os primeiros cinco anos, que deberá executarse con carácter anual ou cada dous anos, a máis tardar. O obxectivo é o de acadar un fuste dereito e único, sen gallas.
A intensidade da poda non debe ser tampouco excesiva, pois reduciríase o crecemento da árbore e ésta xeraría ladróns no tronco. Para a época de poda, recoméndase esperar ó verán, cando as medras do ano xa estean consolidadas, se ben podería facerse na primavera. Recoméndase podar as pólas antes de que superen os 3 centímetros de diámetro.
Tratamentos silvícolas
Unha vez que a árbore supera os 7 metros de altura, as podas de formación complétanse con podas dos toros inferiores do fuste, de cara a lograr madeira de calidade sen nós. En árbores de 3 a 7 metros, débense podar as pólas verdes ata un terzo da altura da árbore, e cando a árbore estea entre 7 e 12 metros, ata a metade da altura da árbore, así como todas as pólas secas.
Os cortes das pólas deben ser limpos, sen tocar a casca. En plantacións densas, será preciso acometer rareos a partir dos 15-24 anos para deixar uns 400-600 pés por hectárea. A partir dos 25-30 anos, pódese acometer un segundo rareo para deixar arredor de 200-250 pés / hectárea.
Quendas de corta
O crecemento dunha plantación depende da calidade do emprazamento. Considérase que ten unha medra de 7-9 metros cúbicos / hectárea e ano no longo prazo, pois ao comezo medra de xeito máis lento. Nos mellores emprazamentos, podería chegar a 16 metros cúbicos por hectárea e ano.
O seu turno de corta estímase entre os 40 e os 50 anos
Posibles danos
Durante os primeiros anos, cómpre utilizar protectores individuais en zonas de corzo, coello ou alta proliferación de xabaríns, de cara a evitar danos nos árbores. As plantacións tamén poden verse atacadas pola zeuzera, un insecto que carcome a madeira da árbore. De detectarse, habería que aplicar insecticidas axeitados. Igual que o castiñeiro, o carballo americano tamén sofre a tinta, se ben pénsase que non é tan letal coma no caso do castiñeiro.