“Polinízate, ponte as pilas”, así se chama a campaña lanzada pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos para poñer o foco na situación da avespa asiática (‘Vespa velutina’). Indican que a primavera que se achega vai ser crítica e os produtores advirten de que as colleitas deste ano corren un serio perigo se non hai unha actuación rápida.
As raíñas desta especie invasora saen nesta época dos seus agochos de inverno para comezar a construír os niños novos, por iso indican que é fundamental facer a súa captura durante estas semanas, do contrario “no verán teremos milleiros de avespas cazando e esnaquizando aos nosos polinizadores autóctonos”, resaltan dende a Asociación.
O colectivo lembra que as abellas e outros insectos, coa labor de polinización que fan, son os verdadeiros traballadores do souto; “sen eles, sinxelamente non hai castañas nin froita”.
A través desta campaña, a asociación pide á veciñanza das aldeas e aos produtores que coloquen trampas nas súas fincas canto antes. Desde a entidade insisten en que non fai falla gastar cartos nin mercar material complicado. Abonda con usar unha simple botella de plástico reciclada e preparar un líquido atraínte na casa, tal e como explican nos carteis que xa están a distribuír.
Para iso, deseñaron un protocolo que debe comezar por observar o entorno das vivendas e demais espazos cubertos, así coma árbores e arbustos durante uns minutos buscando movemento de velutinas. Unha vez localizadas, recomendan fabricar as trampas caseira cunhas botellas recicladas e un líquido atraínte. Finalmente, colocar as trampas en zonas soleadas, preto de flores ou de fontes de auga, xa que será o momento no que busquen alimento e auga para preparar a pasta coa que fan os seus niños.
Desde a asociación inciden na observación constante e recalcan que “se hoxe non hai nada, nuns días xa pode haber, por iso é necesario estar moi pendentes xa dende agora”. E, por suposto, recalcan que no caso de atopar un niño, é necesario chamar ao 012 e nunca actuar sen a protección adecuada.
Toda a información técnica, os detalles da campaña e os pasos exactos para preparar estas trampas caseiras de forma segura están subidos na web oficial da asociación.

Galego









Control OJD