Capsa defende que as granxas proveedoras de Larsa melloraron os prezos no 2021

A compañía cuestiona a mobilización programada por Unións Agrarias ante a súa factoría de Outeiro de Rei (Lugo). Anuncia que ten o obxectivo de subir o prezo na próxima renovación de contratos coas ganderías

Capsa defende que as granxas proveedoras de Larsa melloraron os prezos no 2021

Factoría de Larsa. / Arquivo.

Desde xaneiro a setembro do 2021, as ganderías que lle entregan o leite a Larsa beneficiáronse dunha suba de prezos de arredor de 1 céntimo, segundo os cálculos de Capsa, a compañía matriz de Larsa. A empresa cuestiona os argumentos de Unións Agrarias para convocar unha mobilización ante a factoría de Larsa en Outeiro de Rei (Lugo) o próximo 11 de novembro.

Capsa considera que os prezos que lle paga ás granxas son xustos. A compañía explica que os contratos de Larsa coas súas granxas proveedoras seguen unha fórmula 70-30, é dicir un 70% do prezo é fixo e outro 30% variable, en función das cotizacións internacionais da graxa e da proteína láctea nos mercados internacionais. Esta fórmula permitiu “compartir a mellora do mercado internacional coas granxas proveedoras”, segundo explica a compañía asturiana, que precisa que durante o periodo xaneiro – setembro os produtos lácteos non tiveron subas de prezo nos supermercados.

En outubro, dado o encarecemento de custos de produción tanto nas granxas como na propia industria, por factores como a suba do prezo da electricidade, Capsa decidiu subir os prezos de venda dos produtos de Larsa, o que tivo a súa repercusión coas correspondentes subas nas cadeas de supermercados.

En base a esta suba de prezos, de cara ó futuro a compañía sinala que se marca o obxectivo de mellorar os prezos no campo nos próximos contratos que asinará coas súas granxas proveedoras. No caso de Larsa, a gran maioría das ganderías renovarán contratos no inicio da próxima primavera.

Contexto no campo
Pola banda das organizacións agrarias, a expectativa é a de forzar ás industrias a unha revalorización dos contratos máis áxil. Unións Agrarias argumentaba días atrás que tódalas industrias se están beneficiando do aumento de prezos que se produciu nas marcas de leite da distribución.

A organización agraria considera que os maiores ingresos que están a percibir as industrias teñen que repercutir de xeito inmediato nas granxas, que ven presionadas as súas contas polo aumento de custos da alimentación animal, da electricidade e doutros insumos, como plásticos e fertilizantes.

Ás mobilizacións convocadas por Unións Agrarias ante Larsa e Lactalis, súmase a convocada para o 4 de novembro por Agromuralla, en Lugo, en tanto o Sindicato Labrego valorará tamén esta semana o inicio de mobilizacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información