Capsa alíase con Leche Celta para liderar a fabricación de leite de marcas brancas

Iberleche, a sociedade que concentrará o negocio das dúas firmas, aspira a liderar a fabricación e subministración de marcas brancas á gran distribución comercial.

Capsa alíase con Leche Celta para liderar a fabricación de leite de marcas brancas

Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa Food), propietaria de Larsa, e Leche Celta, filial galega do grupo portugués Lactogal, integrarán os seus negocios de comercialización de marcas brancas para grandes distribuidores co propósito de liderar a venda deste tipo de produtos. A integración recibiu o visto e prace da Comisión Nacional da Competencia.

Segundo informa hoxe Faro de Vigo, a alianza permitirá a ambos os dous socios gañar dimensión fronte aos competidores e capacidade para acceder a novos contratos. Por separado, Capsa Food e Leche Celta xa elaboran marcas de distribuidor para grandes cadeas comerciais. A concentración de negocios de ambas as dúas compañías concretouse mediante a súa integración en Iberleche, sociedade filial de Leche Celta e que a partir de agora compartirá con Capsa. A unión aspira a liderar a fabricación e subministración de marcas brancas á gran distribución comercial.

Mantemento dos equipos e dos centros de produción en España

A sociedade Iberleche será a que contrate cos distribuidores a subministración dos produtos lácteos de marca branca, que seguirán producíndose nas fábricas de Capsa e de Leche Celta. Iberleche usará, nos termos pactados polos socios, a actual rede industrial de ambas as dúas sociedades, que suman 11 factorías con capacidade para procesar 2.300 millóns de litros de leite ao ano.

A operación non implica polo tanto o traspaso de instalacións ou equipos fabrís a Iberleche. Capsa ten sete centros de produción repartidos entre, Galicia Asturias, Cataluña, Madrid e Baleares. Leche Celta fabrica na Coruña, Lugo, Ávila e Cantabria. Ambos os dous socios traballan xa por separado para grandes distribuidores como fabricantes de marcas brancas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información