Capsa alcanza en 2020 o seu récord de facturación e un beneficio de máis de 25 millóns de euros

A firma asturiana crece por sexto ano consecutivo e factura máis de 750 millóns de euros. A compañía incrementa as súas vendas en todos os mercados. Segue a súa aposta pola sustentabilidade cunha estratexia de economía circular e neutralidade de carbono acreditadas en todas as súas factorías

Capsa alcanza en 2020 o seu récord de facturación e un beneficio de máis de 25 millóns de euros

Capsa Food é propietaria de Larsa, con instalacións nas provincias de Lugo e Pontevedra.

A firma asturiana Capsa Food (Corporación Alimentaria Peñasanta S.A.) pechou 2020 con cifras históricas, a pesar de ser un ano marcado pola pandemia do Covid-19. A compañía logrou un beneficio de 25,1 millóns de euros, o que supón un 8,6% máis que o ano pasado. O incremento débese á evolución das vendas no mercado de gran consumo, que compensaron a perda de preto do 30% do volume vendas na hostería debido ás limitacións impostas polas autoridades sanitarias.

O Consello de Administración  aprobou este xoves as contas anuais e presentou os resultados correspondentes ao ano 2020 cunha facturación de 750,4 millóns de euros, un 4% máis que en 2019. Desta forma, Capsa segue medrando por sexto ano consecutivo.

A recollida no ano 2020 foi de 908,5 millóns de litros de leite de orixe 100% español

Capsa experimentou tamén un crecemento con respecto do pasado ano nas cotas de valor nos diferentes mercados nos que opera. No mercado de leite, pecha 2020 cunha cota de 19,3% fronte ao 17,9% que tiña en 2019. En nata consolida un 21% de cota de mercado (en 2019 tiña un 19,8%) e en manteiga alcanza un 24,4%, o que supón 0,2 puntos de cota por encima de 2019. Se falamos do mercado de leite vexetais, as súas vendas crecen en valor un 16,4% pechando o exercicio cunha cota do 14,3%. Actualmente, as marcas da compañía teñen presenza en case a metade dos fogares españois. Ademais, en 2020 a cooperativa recolleu 908,5 millóns de litros de leite de orixe 100% español.

Aposta pola sustentabilidade

A compañía asturiana alcanzou en 2020 diferentes fitos en materia de sustentabilidade integral. Así, no mes de xuño, a industria láctea converteuse na primeira empresa española en obter o certificado B Corp por xerar un impacto positivo na sociedade e no planeta a través da súa actividade, apoiado no modelo de negocio cooperativo desde a gandaría até a mesa. Ademais, neste exercicio, tamén se ampliaron os servizos que están baixo o paraugas da certificación ‘Garantía Gandeira’, que avalan o método único de traballo dos gandeiros de Central Lechera Asturiana SAT e contribúe a garantir a sustentabilidade das súas gandarías familiares no futuro.

A compañía continuou avanzando para alcanzar a neutralidade climática no ano 2035 en toda a súa cadea de valor. Este compromiso vai desde as gandarías ata que os seus produtos sexan consumidos co mínimo desperdicio e os envases transformados en novos materiais. O ano 2020 foi importante para alcanzar este obxectivo e por iso baseou a súa xestión no modelo de economía circular, sendo a primeira empresa española en contar cunha ‘Estratexia de Economía Circular’ certificada por Aenor.

É a primeira empresa española co certificado B Corp polo seu impacto positivo e cunha estratexia de Economía Circular acreditada por Aenor

Tamén foi a primeira empresa en conseguir a Neutralidade en Carbono nas súas emisións directas (1+2) en todas as súas factorías e en obter a certificación ‘Residuo Cero’, ámbalas dúas avaladas por Aenor. Durante este exercicio, a compañía investiu 2,5 millóns de euros en instalacións e equipos para optimizar a eficiencia enerxética e protexer o medioambiente. Ademais, neste ano os gastos en protección ambiental supuxeron máis de 13 millóns de euros.

Todas estas iniciativas foron recoñecidas a través de diferentes galardóns, como os Premios da Semana Europea de Prevención e o Premio Nacional de Enerxía na categoría ‘Mellor actuación en materia de eficiencia enerxética e mobilidade sustentable’.

Outro dos programas polos que a compañía segue apostando é Capsa Vida (Vehículo de Investimento para o Desenvolvemento da Alimentación do futuro). No mes de outubro entrou a formar parte de Baia Food, start up que desenvolve a miraculina, unha proteína que transforma o sabor acedo en doce co obxectivo de xerar alimentos e bebidas sen azucres engadidos que sexan beneficios para a saúde á vez que sustentables.

Dentro da actividade de Capsa Vida en 2020, tamén se atopa a creación de La Granja, un laboratorio de Innovación alimentaria, en colaboración co Centro Europeo de Empresas e Innovación do Principado de Asturias (CEEI) cuxa finalidade é implementar as mellores prácticas agro-gandeiras impulsando o que será a gandaría sustentable do futuro.

Ademais, a principios de 2020, a firma adquiriu o 50% da Sociedade Lácteas Flor de Burgos S.L. Trátase dunha operación para liderar conxuntamente o mercado de queixos e produtos frescos ao sumar as sinerxías de ámbalas dúas empresas, creando valor compartido. Tamén en 2020 asinou un acordo de colaboración con Delikia, primeiro operador de vending de España, grazas ao cal colaborarán durante o próximos tres anos para innovar tanto en produtos como en procesos.

100 medidas pola pandemia

A pandemia marcou o desenvolvemento deste exercicio. O coidado da saúde e a seguridade dos seus traballadores concretouse a través da certificación por Aenor do seu Plan Xeral de Actuación fronte ao Covid-19, que incorpora preto de 100 medidas postas en marcha durante esta crise sanitaria.

Ademais, a compañía doou máis dun millón de quilos dos seus produtos aos máis desfavorecidos a través de diferentes organizacións e ONG´s  como a Federación de Bancos de Alimentos, Cruz Vermella Española ou Cáritas, entre outras; así como ao persoal sanitario. Capsa Food tamén apoiou á hostería, outra das grandes prexudicadas nesta pandemia, doándolles o leite necesario para servir máis de dous millóns de cafés con leite na reapertura da actividade hostaleira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información