A Capelada centrará os esforzos de Medio Rural para loitar contra as bandas do piñeiro

A Xunta ten previsto actuar en 2.000 hectáreas de piñeirais da comunidade con tratamentos fitosanitarios e rareos

Publicidade
A Capelada centrará os esforzos de Medio Rural para loitar contra as bandas do piñeiro

Piñeiral con gando na serra da Capelada. / Arquivo.

Medio Rural deseñou un plan para loitar contra as enfermidades fúnxicas das bandas do piñeiro, tomando a Serra da Capelada como zona prioritaria de actuación. Para esta iniciativa, destinará 1,4 millóns de euros nos próximos catro anos.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal actuará sobre catro eixos: a aplicación de tratamentos fitosanitarios preventivos; os tratamentos silvícolas; a selección xenética de árbores candidatas por resistencia e o establecemento de parcelas e procedementos de contraste das actuacións executadas.

A Serra da Capelada foi elixida como zona piloto debido á alta incidencia das enfermidades fúnxicas na zona e á homoxeneidade da masa en canto á clase de idade, tipoloxía da propiedade (montes patrimoniais, montes de utilidade pública, montes veciñais en man común e montes de particulares) e modalidade de xestión (xestión forestal pública e privada). Ademais, presenta unhas características de climatoloxía que reforzan a selección desta área para realizar actuacións que poidan ser extensivas ao resto do territorio.

A superficie estimada desta actuación será de arredor de 2.000 hectáreas, a metade delas en montes de xestión pública, onde os traballos xa están en marcha, e a outra metade en terreos de xestión privada, en que se procurará a participación e autorizacións dos titulares dos dereitos de uso e xestión.

Seleccionáronse 32 pés que mostraron menor afección ás bandas, na procura de atopar candidatos cunha posible resistencia ou tolerancia

Desde a Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea monte – industria de piñeiro, solicitáronlle recentemente a Medio Rural que procedera a unha declaración de emerxencia sanitaria nos piñeirais de radiata, dada a expansión da enfermidade das bandas. Desde Arume aspiraban a que a Consellería acometera esta primavera o tratamento de arredor de 5.000 hectáras, pero a decisión final de Medio Rural é máis modesta, cunha orientación principal ademais no entorno da Capelada (Cedeira, Cariño, Ortigueira), en tanto que se prevé un esforzo menor para a provincia de Lugo, que aglutina un 85% das cortas de radiata da comunidade.

Actuacións previstas pola Xunta
No que atinxe aos tratamentos fitosanitarios preventivos, aplicarase sulfato cuprocálcico en ultrabaixo volume, principalmente nas épocas de maior expansión dos fungos. Con respecto aos tratamentos silvícolas, faranse clareos, claras e podas baixas, que dificultan a expansión da doenza, así como cortas finais naquelas zonas en que non é doado facer os tratamentos con sulfato.

En canto á selección xenética de árbores candidatas por resistencia, xa se seleccionaron na zona os pés que mostraron menor afección ás bandas, na procura de atopar candidatos cunha posible resistencia ou tolerancia. Escolléronse un total de 32 pés. Por último, estableceranse parcelas con distintas intensidades dos tratamentos silvícolas e dos produtos fitosanitarios. Complementarase a información con análises de solos antes e despois dos tratamentos.

Danos nos piñeiros
O piñeiro radiata ten unha importancia relevante en Galicia tanto no eido económico coma ambiental. Esta especie foi amplamente implantada na rexión debido á súa alta produtividade e pola demanda de madeira para a industria. Esta madeira representa o 50 % dos aproveitamentos de coníferas nos montes galegos e é vital para a industria de primeira transformación (serradoiros e taboleiros). É unha das principais fontes de materia prima para a industria galega debido á calidade da súa madeira.

Co nome xenérico de enfermidade fúnxica das bandas do piñeiro, denomínase un conxunto de especies de fungos que afectan diferentes tipos de piñeiros e outras coníferas. Aínda que esta afección nos piñeirais galegos leva sendo habitual nos fondos dos vales, en zonas con alta densidade de árbores ou espazos cunha alta humidade ambiental, o aumento de temperaturas provocou que se estendese a outras zonas nos últimos anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información