“A capacidade de carga do lobo nalgúns territorios está completándose e iso levaráo a expandirse”

Carlos Nores, doutor xubilado en bioloxía da Universidade de Oviedo, participou nunhas xornadas en Lugo para abordar, desde o punto de vista científico, os cambios históricos da poboación do lobo en España

“A capacidade de carga do lobo nalgúns territorios está completándose e iso levaráo a expandirse”

A historia do lobo pasa por unha desaparición de certas zonas do sur de España a unha expansión no noroeste peninsular

A actual presencia do lobo no noroeste de España é o resultado dunha evolución que xa se comezou a documentar cientificamente a mediados do século XIX. O lobo tiña naquel momento unha ampla presenza en toda a Península, principalmente en áreas de montaña, como a Cordillera Cantábrica e os Pirineos, no norte, ou o Sistema Central e Sierra Morena, máis ó sur.

Desde aquela, a poboación do lobo foise reducindo de xeito progresivo, ata que a inicios do século XXI a súa poboación quedou limitada á zona noroeste de España (Galicia, Asturias, Cantabria e zona norte de Castilla y León). Nos últimos anos, o lobo, sen embargo, está a recuperar territorios e a expandirse por factores como unha maior dispoñibilidade de presas silvestres e a maior protección da especie.

A tendencia á expansión do lobo a novos territorios cara o leste e sur da Península é consecuencia de que o lobo estea a acadar a capacidade de carga nalgúns dos territorios do noroeste peninsular nos que se mantivo a especie nas últimas décadas, segundo interpreta Carlos Nores, doutor xubilado de Bioloxía na Universidad de Oviedo, que vén de participar nunhas recentes xornadas sobre o lobo celebradas en Lugo: “O lobo está preto do límite da capacidade de carga nalgúns territorios. A posibilidade de que o seu censo medre neses territorios é pequena, a única posibilidade é a expansión cara zonas nas que o lobo tiña desaparecido”, sinala Nores.

“O lobo está preto do límite de capacidade de carga nalgúns territorios. A posibilidade de que aumente alí o seu número é pequena, a opción que ten é expandirse a novas zonas” (Carlos Nores)

Evolución da presencia do lobo e algunhas explicacións
A aparición do dicionario de Pascual Madoz, a mediados do século XIX, incluía un dos primeiros estudos poboacionais do lobo. Nesa primeira época, sobre mediados do século XIX, comezábase a percibir “unha desaparición do lobo de certas zonas do sur peninsular, principalmente cara o Mediterráneo”, fenómeno que se interpretaba “como unha regresión da especie”, explica Carlos Nores.

“Pareceume interesante observar en cantos municipios coincidía a presencia de lobo coa presencia dalgún ungulado silvestre”, reflexiona Nores. Neste sentido, “no 1840 rexístrase unha única especie de ungulados -xabaril ou corzo principalmente- en dous terzos dos municipios nos que o lobo estaba presente. A consecuencia disto, na zona noroeste o lobo tiña que depredar gando doméstico, que era o máis accesible”, detalla.

Un século despois, a situación era incluso peor para o lobo. Atendendo aos datos de 1950, “só había presas silvestres nun terzo do territorio lobuno; isto é, a mediados do século XX a situación para esta especie era aínda máis complicada que nas décadas anteriores, sendo case obrigatoria a súa alimentación a través de gando doméstico”, explica Carlos Nores.

A escasa dispoñibilidade de presas silvestres é un dos factores que explican a regresión experimentada polo lobo, xunto a outros como a caza da especie, a eliminación das novas camadas de lobeznos, o uso de velenos ou a perda de hábitats onde se reproducía.

Na actualidade, hai de novo ventos favorables para a especie, pois nas últimas décadas medrou a dispoñibilidade de presas silvestres e ademais, aumentouse a protección legal do lobo: “Agora no 93% dos municipios nos que habita o lobo hai algunha especie de ungulado silvestre” -subliña Carlos Nores-, que apunta tamén que, sen embargo, o lobo continúa depredando o gando doméstico.

O biólogo apunta que o lobo está chegando á capacidade de carga do territorio nalgunhas zonas do noroeste peninsular, o que explica a expansión que iniciou a especie cara outras zonas, como o sur do Duero ou as zonas máis orientais do Sistema Central (Madrid).

Por último, Nores concluíu facendo un plantexamento da cuestión social: “Para abordar a situación do lobo, ecoloxistas e gandeiros teñen que dialogar; pero unha cousa é dicilo e outra cousa é saber como facelo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información