Casa Crespo é unha gandería familiar situada en Outeiro, pertencente á parroquia de Santiago de Saa, no concello de Lugo, que basea a súa estratexia na produción intensiva, buscando obter o maior número de litros de leite de cada un dos seus animais. Eloy Luaces e a súa muller, Esther Lage, atenden esta gandería, con 40 vacas adultas e 33 xovencas en recría, e que destaca polas altas producións obtidas.
Cando se lle pregunta cal é o seu segredo para lograr unha media de 14.419 quilos de leite por vaca en dous muxidos, Eloy responde que “o éxito ou fracaso dunha explotación vai no benestar animal” e asegura categórico que “eu canto menos me enfado coas vacas máis leite me dan”. E engade un segundo factor, ao seu xuízo, determinante: “que coman ben e moito”. “Iso é todo, non hai máis segredo”, apostilla.
As vacas en produción de Casa Crespo comen unha media diaria de entre 23 e 24 quilos de concentrado por vaca e entre 6 e 7 quilos de materia seca de silo. As dúas cousas, penso e forraxe, téñenas a discreción. O sistema de alimentación é unha variante do sistema Kemper, aínda que no caso desta gandería non é a empresa Nanta a que lle subministra o penso, senón a cooperativa Aira. Eloy cambiou a herba seca polo silo de herba porque deste xeito aproveita mellor a produción das súas pradeiras.
“No 2011 empecei con este sistema de alimentación dando herba seca pero despois paseime ao silo, porque do outro xeito só aproveitaba un corte para seco e non sabía que facerlle ao primeiro corte, ao da primavera. Desta maneira aproveito os dous cortes”, explica.
O seu ensilado, sen embargo, leva moita fibra, porque agarda a que a herba estea medrada e leve xa espiga tanto no primeiro coma no segundo corte. Para lograr que a planta aguante verde máis tempo emprega un abono con composición nítrica e ureica, aínda que usa o abonado con moderación nas pradeiras “para que a herba non teña moita folla, porque non me interesa”, di.
Ao pasar da herba seca ao silo tivo que cambiar a composición do concentrado para baixarlle á proteína, porque o silo aporta máis proteína que a herba seca “porque na herba seca perdes a folla, que é onde está a proteína”, aclara.
“En momentos de prezos baixos de penso e prezos altos de leite compito ben”
A cooperativa Aira faille o penso á carta, igual que o 80% das racións que saen da cooperativa, que xa son personalizadas. “Ao comer unha cantidade tan elevada de concentrado a súa composición ten que ser distinta, porque senón mataría as vacas”, indica Eloy, que explica que se trata dun penso baixo en proteína e con moita fibra, ao levar máis salvado e pouca cantidade de millo e de soia. Tamén ten menos corrector (unha concentración de 1,5 por mil), aínda que a cantidade realmente inxerida por vaca é elevada (uns 345 gramos de corrector por vaca e día). Casa Crespo leva sen variar a composición do concentrado 4 ou 5 anos e o prezo da súa mestura sae un pouco máis barata porque no penso a fibra custa menos que a proteína.
Este é un factor importante, porque neste sistema de alimentación o prezo do penso inflúe moito no resultado económico final da granxa. “En momentos de prezos baixos de penso e prezos altos de leite compito ben e o rendemento é bo”, afirma Eloy, que pon como exemplo as comparativas dos distintos anos: “no 2011 gastei en penso o 52% do que cobrei de leite, mentres que no 2014, ano bo de prezo de leite, baixei até o 42%; en 2016 e 2017, sen embargo, xa subín até o 58%”.
Multiplicou por cinco a produción da explotación con só aumentar un 30% o número de vacas
A historia desta gandería é a de tantas outras en Galicia. Cando Eloy naceu, no ano 1965, na súa casa había media ducia de vacas rubias para a produción de carne. A comezos da década dos 70 o seu pai trouxo a primeira vaca pinta e en 1975 fixo o primeiro establo para 24 animais de produción de leite. En 1980 instalaron un circuíto de muxido e en 1991 incorporouse Eloy á explotación, que tiña nese momento 100.000 quilos de cota. Cinco anos despois, no 96, facían unha nova nave para 40 animais en estabulación libre que é aínda a usada a día de hoxe.
No ano 2000 Casa Crespo comezou a usar o sistema de alimentación por carro mesturador (primeiro propio, logo dunha CUMA e máis tarde a través da cooperativa Agris). Eloy botaba millo, entre 6 e 8 hectáreas, e ensilaba na casa. Pero “o millo dá traballo e tamén é caro”, di, así que no 2011 decidiu pasar ao sistema de penso e forraxe que usa hoxe.
En abril a media diaria foi de 49,7 litros por vaca e día
Di que a el funcionoulle e dá un dato como exemplo da súa evolución: “cando eu me incorporei, no ano 91, produciamos 100.000 quilos de leite con 30 vacas, hoxe producimos 500.000 con só 10 vacas máis ca daquela”.
Ano a ano Casa Crespo segue mellorando os seus resultados. A media de produción deste mes de abril está en 49,7 litros diarios por vaca, medidos no muxido da tarde, con 30 vacas en muxido e unha media de 123 días en leite. Esa cifra sobe no muxido da mañá, que no mes de marzo indicaba unha produción media diaria de 51 litros por vaca. Con eses niveis de produción, é difícil lograr calidades, así que a graxa está normalmente por baixo do 3% no cómputo anual e a proteína entre o 3,10 e o 3,20%.
Desta explotación saíu no 2015 a vaca con maior produción de Galicia, Risa, que en catro partos subiu dos 80.000 litros producidos. A súa sucesora hoxe na granxa é Tara, que no último muxido da mañá marcou 49,2 litros (93 sumado o muxido da noite).
Detectar e atallar os problemas canto antes
Ao ser unha explotación de pequeno tamaño tamén lles permite facer un seguimento personalizado e exhaustivo de cada animal en produción. “Para conseguir un éxito de produción hai que observar moito o estado das vacas para detectar e atallar os problemas canto antes, ben sexa con prevención ou, de ser necesario, con tratamento. Aquí o ordenador de control somos nós, se detectamos na sala de muxido unha baixa na produción dunha vaca observamos que fai na saída, porque se se vai deitar é que está enferma. Non fai falla estar pendente delas as 24 horas do día, pero si estar alerta cando estás con elas, como por exemplo no momento do muxido. Nós ese seguimento personalizado a cada animal podemos facelo ao ser unha explotación pequena”, explica. Eloy.
Prestan moita atención ás diarreas, que son o máis problemático do sistema de alimentación que emprega Casa Crespo, con penso e silo a discreción dos animais. “Son fáciles de corrixir se as detectas a tempo, se te anticipas ao problema resólvelo antes e con menor custo”, afirma.
Os primeiros días, cando a vaca paire, son os máis problemáticos, porque a vaca multípara xa sabe onde está o penso e engúleo máis aló da capacidade do seu organismo para dixerilo. Esa enchenta de concentrado nos primeiros días xera nesta gandería algún problema de desprazamento de abomaso, así que para evitalo o que fan é ter durante o postparto, os primeiros dous ou tres días, as vacas paridas coas secas, onde reciben o penso racionado. “Antes de parir ás vacas secas xa as iniciamos no penso. Comezamos con 2 quilos por vaca e día e imos subindo até os 7 quilos no momento do parto. Desde que pare, nos dous ou tres días posteriores, seguimos incrementando paulatinamente esa cantidade para preparar ao animal ao seu posterior consumo a discreción”, conta.
Box automatizado para a dispensación de penso e robot de muxido
Este problema resolveríase cun box automatizado de subministro de penso capaz de identificar a cada animal e aportarlle a súa ración individualizada. “É algo que se nos adaptaría moi ben, igual que un robot de muxido, xa que con vacas de altas producións coma estas, lograriamos máis de tres muxidos e, polo tanto, máis produción e tamén muxidos máis frecuentes, o que quere dicir ubres máis pequenos e menos problemas nas vacas”, argumenta Eloy.
“Non me metín de momento por non investir máis”, admite. Ese tamén foi un dos motivos polos que no ano 2011 se pasou ao seu actual sistema de alimentación, ao permitirlle aumentar a produción co mesmo número de animais e, polo tanto, sen necesidade de facer ampliacións nas instalacións.
Esas melloras en canto a robotización e automatización de tarefas, sen embargo, serían as primeiras que acometería Casa Crespo en caso de que o seu fillo Víctor, que até agora estaba estudando e botaba unha man esporadicamente na granxa, se incorporara. “O futuro da explotación depende del, se se incorpora estes 15 anos vindeiros poden ser bos, porque estamos nós, pero logo queda el só, e unha explotación non a leva un só, ese é un dos principais problemas das explotacións familiares”, considera Eloy.
“O principal problema do agro galego é o minifundio”
El e a súa muller Esther botan man do servizo de substitución da cooperativa Aira para poder ter algún descanso. “Úsoo bastante, porque días libres necesitámolos todos, pero unha cousa é substituírte puntualmente un par de días e outra cousa é levar a explotación e suplirte en todo por un período máis longo de tempo. Iso é moi difícil, por iso un dos graves problemas destas explotacións familiares dáse se tes un percance e necesitas a alguén por un período máis ou menos longo para que se faga cargo da granxa porque non podes traballar”, afirma.
Outro dos problemas que describe, aínda que no seu caso non lle afecta en exceso, é o do pequeno tamaño das parcelas, o que dificulta a súa xestión. “O principal problema do agro galego é o minifundio, temos que empezar por aí e por mellorar os accesos ás fincas. Non fan falla autovías para chegar ás terras, pero os accesos teñen que ser decentes e permitir entrar á maquinaria”, reclama.
Facer o silo no momento óptimo e pechalo canto antes
Casa Crespo dispón de 19 hectáreas, todas en propiedade, destinadas na súa totalidade a pradeira. “Teño todo a raigrass, que renovo periodicamente, cando lle fai falla á pradeira, pero todos os anos renovo algo”, explica. Eloy conta con equipo de sementeira propio, igual que para a realización do resto de traballos agrícolas, que fai el na súa totalidade.
“Teño maquinaria para todo, quizais en contra do criterio técnico de rendibilidade, porque o investimento feito en maquinaria é moi elevado, pero iso permíteme facer os traballos no momento óptimo e saco mellores resultados”, argumenta.
Iso nótase, por exemplo, no ensilado, di. Aínda que dispón na explotación de silos de zanxa con paredes en formigón de cando botaba millo, prefire ensilar en rolos e conta con todos os apeiros necesarios, como rotoempacadora, remolque autocargador para transporte de 6 rolos cada vez e encintadora. “Fago rolos porque penso que a calidade do ensilado é maior, porque no rolo o fronte do silo sempre está pechado e nunca se estraga, o rolo sempre está fresco”, di. E á hora de ensilar “pouco máis tempo nos leva, porque traballamos tres explotacións en conxunto e facémolo fácil, un fai os rolos, outro carrexa e outro encinta na casa”, describe.
“O rolo non pasa unha hora desde que está feito no prado até que está encintado e colocado na casa”
Outra das cuestións ás que prestan especial atención é a minimizar o tempo que transcorre entre que o rolo está feito e encintado na casa. “O rolo non pasa unha hora desde que está feito no prado até que está encintado e colocado na casa”, indica. Usan para iso unha encintadora estática, xa que o transporte dos rolos é máis doado se se fai sen encintar.
Máis da metade dos descartes son voluntarios
Casa Crespo utiliza no 100% das xovencas seme sexado polo que conta con case tantas xatas en recría (33 neste momento) coma vacas adultas (40). “Teño moita reposición, a taxa é de máis do 40%, polo que elimino moitas vacas voluntariamente todos os anos”, describe. Cada ano manda ao matadoiro entre 12 e 15 animais, dos que máis da metade son descartes voluntarios, ben por problemas de patas, de ubres ou de preñez.
“Temos como norma que se unha vaca aos seis meses de parida non está preñada pensamos se cubrila ou non, e na maioría dos casos non se cubre”, explica. Esta especie de norma só se incumpre en casos excepcionais, como cunha vaca que na segunda lactación chegou aos 40.000 litros de leite producido e non quedou preñada. Eloy desistiu aos 9 meses de parida e no último muxido antes de ir ao matadoiro aínda deu 18 litros.
Grazas á taxa de reposición tan alta, a idade media das vacas en produción está entre 2,5 e 3 partos. Os animais teñen un pequeno patio para o verán, contan con camas de palla e carbonato e Eloy fixo recentemente un picado nos pasillos, xa que considera importante raiar os patios para evitar accidentes.
Ademais dunha das explotacións galegas con maior nivel de produción por vaca, Casa Crespo está tamén entre as 200 mellores explotacións de España pola cualificación GICO das súas xovencas, segundo o ranking de Conafe. “A cualificación non é algo que me preocupe, o que busco no meu rabaño é leite e saúde e que non haxa percances graves”, resume Eloy.
“A fusión das cooperativas é imprescindible, é a única solución de futuro”
Eloy Luaces forma parte do Consello Reitor da nova cooperativa Aira, que lle subministra o penso e que tamén é a que lle recolle o leite desde o ano 2007. Pero a súa traxectoria no mundo do cooperativismo vén de moito máis atrás.
Entrou na xunta directiva de Coseplan en 1992, un ano despois de incorporarse á actividade agraria, así que nestes 25 anos viviu xa catro procesos de fusión cooperativa. “Primeiro foi Coseplan, logo Planmiño, despois Agris e agora Aira”, describe.
Considera ademais que “todo este proceso de fusión é imprescindible, senón estabamos mortos” e afirma categórico que “o futuro das cooperativas pasa pola fusión”, algo que considera “a única solución de futuro”.
Entre as incógnitas de futuro por resolver no sector, Eloy define como un dos principais a incerteza de prezos do leite e di que “de xurdir unha oportunidade de transformación industrial interesante para o leite as cooperativas galegas deberían unirse e dar o paso”.
“De xurdir unha oportunidade para transformar o leite, as cooperativas galegas deberían unirse”
Chama a atención sobre a pouca valoración social que ao seu xuízo existe do leite e os produtos lácteos en comparación con outros alimentos. “O consumidor non está disposto a pagar polo leite o que paga por outros produtos da súa cesta da compra, cando se trata dun produto nutricional fantástico. Sen embargo, o leite é un moi bo alimento a un prezo moi asequible, se comparamos por exemplo un litro de leite cun quilo de froita ou con outros alimentos de uso diario. Porque, ¿cantos produtos hai hoxe en día a menos dun euro, como está o leite?”, pregunta Eloy.
A este problema de prezo estable e xusto para a venda do leite, engade outros factores, como o relevo xeracional, os problemas para atopar persoal cualificado para traballar nas explotacións ou as trabas administrativas á hora de facer melloras e ampliacións, cuestións que ao seu xuízo están a lastrar o futuro e o medre de moitas granxas de produción de leite galegas.