“Canto máis axustado estea o prezo do leite, máis determinante é o benestar animal para obter beneficios”

Carlos Romero, enxeñeiro agrónomo e técnico de Pascual, calcula o retorno económico que proporciona a unha gandaría o benestar dos seus animais e sinala os aspectos aos que é preciso prestar maior atención

“Canto máis axustado estea o prezo do leite, máis determinante é o benestar animal para obter beneficios”

Carlos Romero, enxeñeiro agrónomo e técnico de Pascual, durante a súa intervención nas XVIII Xornadas de Seragro.

“O benestar de animal na granxa é un requisito básico e imprescindible. Sen benestar animal non se pode producir nin comercializar leite”. Así de rotundo resolve o enxeñeiro agrónomo Carlos Romero Sala a necesidade de garantir o benestar aos animais da granxa.

Partindo desta premisa, Romero analiza o impacto económico que ten nas granxas de vacún de leite proporcionar benestar aos animais. O experto bota man dos datos de 2018 a 2020 que manexan no Programa de Monitorización Integral de Desenvolvemento Eficiente e Sustentable (Mid€s) de Pascual, do que é responsable.

Neste programa Mid€s analizan un total de 73 indicadores de 150 granxas e agrúpanos en 7 áreas produtivas (alimentación, produción, medio ambiente, produtividade, calidade do leite, reprodución e benestar animal). Coa análise destes factores buscan achegarse a todos os aspectos que entran en xogo á hora calcular a eficiencia produtiva na granxa. Prestar atención a estas áreas permitiulles comprobar a relación entre eficiencia e rendibilidade. “Unha maior eficiencia supón unha maior rendibilidade na granxa”, indica Romero.

A dificultade de estimar o custo do benestar animal

Á hora de avaliar a repercusión económica que o benestar animal ten na granxa atópanse varias dificultades. A primeira delas o propio concepto de benestar animal. Romero, que analizou a cuestión nas recentes XII Xornadas de Seragro, recoñece que pode resultar complicado definir e cuantificar o benestar e confort dunha vaca. O seu programa atende aos elementos que poden proporcionar un equilibrio ao animal coa súa contorna. Así, son piares fundamentais unha boa alimentación, aloxamento, saúde e un comportamento adecuado co resto de exemplares da súa especie cos que convive. “En definitiva, búscase que o animal non sufra fame, sede, incomodidade, medo ou enfermidades”, sintetiza o enxeñeiro agrónomo.

“Resulta moi difícil a medición obxectiva dalgúns aspectos do benestar animal. Ademais, moitas veces os seus beneficios económicos poden tardar en apreciarse”

Outro dos factores que condiciona estimar a repercusión económica de proporcionar benestar animal na granxa é a dificultade de cuantificalo. “Resulta moi difícil a medición obxectiva dalgúns aspectos do benestar animal, mentres que a alimentación ou a produción son valores máis obxectivos e cuantificables”, xustifica Romero.

Do mesmo xeito que ocorre con outras áreas como a reprodución, os resultados dos investimentos en benestar animal non sempre se verán a curto prazo. “Moitas veces os seus resultados son diferidos no tempo. Desde que se alcanza o benestar animal ata que os seus beneficios se traducen noutros factores como a produción para obter unha rendibilidade pode pasar un tempo”, concreta.

Nos propios datos que manexan no programa Mid€s de Pascual, o benestar animal é nunha primeira ollada a área que menor repercusión parece ter nos resultados económicos da granxa, fronte a outras áreas como alimentación e a produción, as áreas máis determinantes na rendibilidade da gandaría. O enxeñeiro agrónomo matiza que esta conclusión inicial está condicionada polos propios datos que manexan para o estudo, posto que todas as granxas incluídas no estudo Mid€s están certificadas en benestar animal desde hai 4 anos e foron mellorando neste aspecto. “Non estamos a incluír granxas que carezan de benestar animal, unhas terán medidas máis básicas e outras avanzarían máis, pero todas elas garanten xa o benestar dos seus animais”, explica.

A pesar de todas estas dificultades á hora de cuantificar o reporte económico na granxa, o estudo nestas gandarías permitiulles determinar a importancia que ten apostar por estas medidas. “Cando unha granxa está en niveis básicos e comeza a apostar por medidas para mellorar o benestar animal apréciase un retorno económico case inmediato. Aínda que, cando xa se atopa en niveis avanzados costa máis que unha mellora en benestar animal se siga traducindo en máis beneficios económicos”, detalla Romero.

A aposta polo benestar animal tamén pode marcar unha gran diferenza nos momentos nos que o prezo do leite é máis baixo. “Canto máis axustado estea o prezo do leite, máis determinante resulta o benestar animal para a marxe de beneficios. Aínda así, co mesmo prezo do leite, a mellor benestar animal maior será o rendemento económico”, concreta o enxeñeiro agrónomo.

12 indicadores claves na granxa

Entre os 73 factores que determinan a rendibilidade económica da granxa, en Pascual fixeron unha selección de 12 indicadores claves para cuantificar e avaliar o benestar animal. “Non é unha lista pechada, xa que estamos a revisala periodicamente”, indica o técnico. Esta ducia de factores están agrupados en catro grandes bloques: aloxamento, alimentación, saúde e comportamento.

Nesta análise de eficiencia produtiva só se contabilizan algúns dos principais factores que xeran gastos e ingresos na granxa, para establecer a rendibilidade económica que se logra. Así, nos ingresos cinguíronse aos beneficios por venda de leite, animais ou cobros de indemnizacións por vaca a través do seguro. No apartado de gastos contabilizan o custo de alimentación, man de obra, encamado e seguro do gando. Desta maneira logran establecer unha marxe EP, resultado da diferenza entre os ingresos e os gastos. Entre as gandarías cunha maior aposta polo benestar animal, esta marxe foi do 35% con respecto daquelas que fixeron ese esforzo en menor medida.

Indicadores claves en bienestar animal.

Comparación das granxas con mellores e peores resultados nos 12 indicadores claves en benestar animal.

A produción vitalicia, a inxesta e a mamite clínica son os tres indicadores claves na gandería xa que son capaces de ofrecer unha referencia do que é o benestar na granxa e unha boa predición da rendibilidade.

Nivel de ocupación das granxas

Cada granxa ten un nivel de ocupación en función do factor máis limitante, que poden ser as camas, os comedeiros ou os bebedoiros. “Temos visto que aquelas granxas que teñen unha menor ocupación, é dicir, con instalacións sen sobreocupación son as que mellores resultados tiveron” indica.

1 e 2_Camas e ocupación en lactación:

Á hora de estipular o nivel de ocupación en base á cama, establecen que cada vaca debería de contar cunha praza para ela, ben sexa un cubículo por animal nas granxas con este sistema, mentres en cama fría ou quente deben dispor duns 10 metros cadrados.

Pasar dunha sobreocupación do 123% a que cada animal dispoña dunha praza suporía uns 3,6 euros por 1.000 litros de leite

A conclusión do estudo é que calquera gandaría que estea por encima dun 123% de ocupación, se reduce esta taxa vai ter un retorno económico. A diferenza de pasar dun 123% a un 100% de ocupación, é dicir a que cada animal dispoña dunha praza, serían uns 3,6 euros por 1.000 litros. “Creo que vale a pena apostar por ese investimento”, valora o enxeñeiro agrónomo.

Do mesmo xeito que precisan unha praza por animal, tampouco é necesario que haxa cama de máis, xa que este espazo extra non se traducirá en maior benestar, nin maiores beneficios económicos. No estudo tamén tiveron en conta o nivel de ocupación nos lotes de lactación. Neste caso, os mellores resultados están nas 91 vacas por praza fronte a granxas cun 134 % de ocupación.

3_Comedeiros:

O óptimo sería que cada vaca teña a súa praza de comedeiro ou en comedeiros lineais deberá contar con 75 centímetros por animal. “Calquera gandaría que estea cunha sobreocupación por encima do 153% ten que mellorar”, apunta Romero. Neste caso, para unha granxa pasar dese 153 a 100% suporía un custo de 9 euros por 1.000 litros de leite, o que implica un investimento máis considerable que as camas, ademais hai que ter en conta, tal e como apunta o técnico, que as vacas pasarán entre 12 a 14 horas deitadas na cama, mentres que o tempo de inxesta é de 4 horas, o que fai que os comedeiros non sexan tan limitantes.

“Un manexo axeitado dos comedeiros pode paliar deficiencias nas instalacións”

Á marxe de garantir ese espazo óptimo de comedeiro, existen outras medidas que poden paliar esa deficiencia e traducirse en maior benestar animal. “Nos comedeiros, un manexo adecuado pode paliar deficiencias nas instalacións. Así, cun arrimado continuo ou co emprego dunha manga para o gando pódese paliar que as vacas non teñan cada unha o seu comedeiro”, valora.

4_Bebedoiros:

É un dos factores nos que ao pasar do valor óptimo económico, a caída da rendibilidade é moi considerable. Este valor óptimo a nivel económico sitúase nun bebedoiro de 7,5 centímetros lineais por animal, mentres que unha praza de bebedoiro para garantir o benestar animal tería que ter uns 8 centímetros lineais.

“Pasar deses 7,5 a 8 centímetros supón un investimento de 0,3 euros por 1.000 litros de leite. O investimento é mínimo, polo que non merece a pena escatimar nisto”, concreta. Aínda que, para determinar un bo benestar non só é determinante o tamaño do bebedoiro, tamén debe de haber un caudal suficiente de auga, que estean ben distribuídos na granxa e que sexan accesibles para o animal. “Traducir estoutros factores nun custo é xa moito máis complexo, polo que se cingue á lonxitude lineal do bebedoiro, aínda que haxa outros aspectos que inflúen”, recoñece o técnico.

plazas bebederos_bienestar animal

Nivel de ocupación de bebedeiros no lote de lactación nas granxas do estudo.

Alimentación

5_Inxesta:

É un dos indicadores máis transcendentais do benestar animal, non só porque unha vaca inxere maior cantidade de comida cando se atopa confortable, senón porque no estudo este indicador foi capaz de predicir un 16% dos casos de rendibilidade na granxa.

A mellora da marxe é continua e pode haber unha estabilización ao redor dos 27 quilos de inxesta por animal, aínda que en moi poucas granxas se superan esas cifras. Así, canto maior é o consumo da vaca menor é a marxe. “Podería esperarse unha inxesta maior nas granxas con mellor benestar animal, con todo, houbo unha inxesta superior en 1,2 quilos entre as gandarías con mellores e peores resultados, que pode traducirse en 1,7 litros de leite de diferenza”, argumenta Romero.

Saúde

En todos os indicadores relacionados coa saúde hai unha notable diferenza ao apostar polo benestar dos animais.

6_Produción vitalicia:

Unha das maiores diferenzas atópase na produción vitalicia. As gandarías que teñen uns mellores índices de benestar animal conseguen de media uns 12.650 quilos de produción vitalicia máis que as granxas máis deficitarias. “As vacas duran máis e en cada lactación dan máis leite. A maior produción vitalicia, maior marxe”, destaca Romero.

Producción vitalicia_ bienestar animal

Producción vitalicia nas granxas do estudo.

7_ Taxa de mastite clínica

O nivel de mastite na granxa é outro indicador do benestar dos animais. Á hora de avaliar a incidencia desta enfermidade tomaron como base o número de casos que hai en control leiteiro por encima de 800.000 células somáticas ao longo de todo un ano. Canto maior sexa a taxa de mamitis clínica, menor é a marxe. “Un só indicador, e ademais moi obxectivo, é capaz de predicir o 10% da rendibilidade da gandaría”, informa o enxeñeiro agrónomo.

8_Permanencia en lactación

Tal e como argumenta Romero, a maior duración da lactación da vaca a rendibilidade vai crecendo. Aínda que, tamén se establece un punto óptimo, que neste caso fíxase nos 41 meses, é dicir máis de 4 lactaciones completas.

A diferenza entre as gandarías que apostaron por medidas de benestar animal e aquelas que o fixeron en menor medida tradúcese en 10 meses menos en produción.

Aínda que é importante para a rendibilidade económica a permanencia en lactación, sitúase por detrás doutros indicadores como a produción vitalicia, xa que non só resulta importante que a vaca estea moito tempo en produción senón que teña unha boa produción, por iso é polo que a produción vitalicia contribúe máis a predicir a rendibilidade e a marxe económica da gandaría.

9_Eliminación total

A partir dun 29% de eliminación das vacas empézase a perder marxe. Este valor significa que as vacas duran 3 partos ou menos, polo que vai ser moi difícil cubrir os gastos que xera a recría na granxa. Por iso cando este indicador está por baixo de 29% tampouco supón gran melloría, xa que o custo da recría xa estaría amortizado.

10_Eliminación involuntaria de vacas

Este indicador responde ás vacas que morren na granxa. Empézase a perder marxe cando estamos en valores por encima do 3%. Nas gandarías cunha maior aposta polo benestar animal esta cifra adoita situarse no 4% e sube até unha taxa do 7% naquelas con menor implantación de medidas para garantir o benestar animal.

11_Eliminación temperá de vacas

É un indicador dos problemas metabólicos no postparto. Son vacas que paren e non terminan de recuperarse tras o parto, polo que se sacrifican con menos de 60 días de parir. Neste caso empeza a supor unha diferenza significativa da marxe a partir do 6%.

12_Eliminación temperá de tenreiras

Son becerras que morren na granxa con menos de tres meses de vida. A partir dun 7% empeza a haber unha perda significativa de marxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información