O amidón é un compoñente da alimentación que é altamente dixestible e enerxéticamente denso e que normalmente oscila entre o menos do 20 e máis do 28% da materia seca das racións das vacas de leite. A fonte principal de amidón adoita ser o ensilado de millo, seguido do cereal do penso.
Neste sentido, a concentración e a dixestibilidade ruminal do amidón nas racións para vacas en lactación ten importantes efectos sobre a produción de leite. O amidón é máis fácil de dixerir e sacia menos que a fibra de forraxe e proporciona máis precursores de glicosa que a fibra procedente de calquera fonte.
A fermentabilidade do amidón no rume vese afectada por:
-O tipo de gran: o amidón de trigo, cebada e avea fermenta con máis facilidade que o do amidón de millo, e o amidón de sorgo é o que presenta maior resistencia á fermentación no rume e á dixestión polo animal.
-O tipo de endosperma da semente: canto máis vítreo ou seco estea o gran menos dixestible será e maior dificultade para o moenda. Pola contra, o millo cun endosperma máis fariñento será máis fácil será dixerilo. A vitrosidade do endosperma de millo pode variar do 0 ata o 75%.
-Método de elaboración e de conservación: Pode haber grandes diferenzas de vitrosidade, e por tanto de dixestibilidade do amidón, entre o millo cultivado para ensilar en función da porcentaxe de materia seca. Canto maior sexa a concentración de humidade no gran de millo ensilado, maior dixestibilidade do amidón. A medida que o millo permanece ensilado aumenta a solubilidade das proteínas do endosperma, e por tanto, a súa dixestibilidade. Por iso recoméndase esperar varios meses para empezar o silo.
-O procesamento aumenta a velocidade de dixestión do amidón e os efectos son maiores no caso dos grans con maior proporción de endosperma vítreo, como o sorgo e o millo. O procesamento (rolling) do millo ensilado non é tan efectivo para aumentar a área de superficie de contacto como o moenda fina. O procesado pode reducir, pero non aumentar, as diferenzas na dixestibilidade de fontes de amidón con distintos niveis de vitrosidade.
-Dieta e factores dos animais: As vacas de alta produción a principios ou mediados de lactación mantéñense con racións de altos niveis de amidón altamente fermentable, mentres que a concentración e a fermentabilidade do amidón debe diminuír a medida que a lactación progresa para manter a cantidade de materia graxa do leite e evitar unha condición corporal excesiva da vaca.
As fontes de amidón altamente fermentable deben limitarse durante as dúas primeiras semanas despois do parto para evitar a baixada no consumo de alimento, e diminuír o risco de acidoses e abomaso desprazado
Por tanto, é necesario agrupar ás vacas por estado fisiolóxico (fresco, a principios de lactación, a mediados, e mantemento) á hora de formular a ración para que o amidón poida optimizar a saúde e a produción dos animais.
Analizando este último factor, o estado fisiolóxico da vaca, á hora de formular a ración, as recomendacións son:
-Vaca fresca: Ata os 10 ou 14 días despois do parto
As vacas recén paridas están nun estado lipolítico e corren un maior risco de trastornos metabólicos. Estas vacas necesitan precursores da glicosa e as racións deben conter altas concentracións de amidón na medida do posible. Sen embargo, as vacas neste estado tamén teñen menor masa de bolo alimenticio no rume, o que aumenta o risco de acidoses ruminal e abomaso desprazado.
Por tanto, as fontes alimenticias con amidón altamente dixerible deben limitarse durante este período que dura ata dúas semanas para a maioría das vacas, pero aínda máis para as vacas con excesiva condicións corporal ao parto. É dicir, a fariña de trigo, de cebada, o millo en copos de baixa densidade e o ensilado de millo húmido e maduro (máis de 1 ano de idade) deben limitarse para permitir maiores concentracións de amidón (e precursores da glicosa) con menor risco de acidoses e abomaso desprazado.
Tras o parto débese limitar a inxesta de amidón
Complementar as dietas a base de millo ensilado con millo moído seco funciona ben para este tipo de ración, cunha concentración de amidón total de ata un 28% da materia seca, dependendo da fermentabilidade do amidón no silo de millo.
Como o consumo de alimento vese menos limitado pola distensión ruminal durante este período, e é desexable un maior bolo alimenticio no rume, a concentración de forraxe FND (Fibra Neutro Deterxente), debe ser superior ao 23% da materia seca e o uso de fontes de fibra non efectiva deberíase limitar a diluír a concentración de amidón, se é necesario.
-Ración entre o comezo e a metade do período de lactación:
As vacas a principios ou a mediados do período de lactación teñen altos requirimentos de glicosa para a produción de leite e dedican relativamente pouca enerxía ás reservas corporais. Neste período responden ás racións de forraxe con menor concentración de FND, e con amidón altamente fermentable.
En pico de lactación as vacas requiren máis amidón, chegando ao 30% da materia seca da ración
A concentración de amidón das racións debe estar no rango do 25 ao 30%, aínda que a concentración óptima depende da competencia polo espazo de pesebre, cama, porcentaxe de forraxe dixestible, fermentabilidade do amidón…etc. As racións con máis amidón e menos saciantes xeralmente aumentan o pico de produción de leite e diminúen a perda de condición corporal no comezo da lactación.
Non obstante, unha vez que as vacas repoñen a súa condición corporal perdida no comezo da lactación, debe cambiarse a unha dieta de mantemento con menor concentración de amidón e fermentabilidade ruminal.
-A ración de mantemento:
A ración de mantemento é a compoñente clave da formulación da ración/sistema de agrupamento para aumentar a saúde e a produción das vacas. O obxectivo da ración de mantemento é manter a produción da vaca e a condición corporal ao longo do resto da lactación.
As vacas deben iniciar esta ración cando están a recuperar a súa condición corporal e esta chega a 3. Se seguen recibindo unha ración alta en amidón tenderán a engordar e, por tanto, correrán o risco de sufrir enfermidades metabólicas tras o parto. Baixar a concentración de amidón na ración debería evitar que as vacas sigan engordando, á vez que se mantén e posiblemente mellórase a inxesta de penso, e a produción de leite e de graxa láctea.
Neste sentido, a concentración óptima de amidón depende da produción de leite do rabaño, pero probablemente será do rango do 18 ao 22% da materia seca. Débense evitar as fontes de amidón altamente dixeribles (o millo de alta humidade, millo ensilado antigo, restos de panadaría…etc.). O millo seco moído é unha excelente fonte de amidón porque ten menor dixestibilidade ruminal (en torno ao 60%), pero unha alta dixestibilidade total do tracto (superior ao 90%).
Na fase de mantemento requírese menos amidón na ración e menos fermentable
A concentración de amidón na ración de mantemento debe conter a suficiente, pero non excesiva, concentración de forraxe con fibra neutro deterxente (FND) para manter a inxesta de materia seca, e pódense usar fontes de fibra non forraxe para diluír o amidón á concentración desexada, como polpa de remolacha, pensos de glute de millo, cascas de soia..etc.
É esencial revisar a condición corporal das vacas secas para axustar a concentración de amidón da dieta de mantemento ao longo do tempo.
Conclusións:
-A concentración e a fermentabilidade ruminal do amidón son moi variables nas racións dadas ás vacas en lactación, e teñen grandes efectos sobre o consumo de alimento, a partición da enerxía, a produción de leite e a saúde.
-A concentración óptima de amidón e as fontes de amidón nas racións varían coa condición fisiolóxica das vacas, que cambia ao longo da lactación.
-As vacas deben ser alimentadas con racións diferentes ao longo da lactación para sacarlle o máximo proveito aos coñecementos existentes sobre o amidón na nutrición.