
João Sousa, nos IV Encontros Ibéricos de Calidade do Leite, celebrados en Zamora a finais de xaneiro
João Sousa traballa como veterinario no laboratorio de microbioloxía Segalab, en Portugal, realizando labores de técnico de calidade do leche e é un dos fundadores do Conselho portugués de Saúde do Úbere. Segalab naceu no ano 1991 como un departamento pertencente a Agros, a unión de cooperativas de produtores de leite do norte de Portugal.
A dinámica de traballo dos tres veterinarios de Segalab inclúe as chamadas probas de establo, que son visitas dun técnico ao muxido para a recollida de mostras de mastite, a elaboración dun boletín de análise e informes de resultados caracterizando a situación animal a animal e unha reunión co gandeiro establecendo un resumo coas medidas preventivas máis axeitadas para a súa situación.
En ganderías máis grandes vemos novas infeccións en menos tempo
“Cando facemos visitas de seguimento, a hora da visita é importante, xa que despois dun muxido de 3 ou 4 horas a nosa dispoñibilidade mental e a do gandeiro non é a mellor”, asegura.
Prezos e calidade do leite
“A mellor estratexia en calidade de leite para min é falar co gandeiro, ten que vernos como un aliado que quere axudarlle, non como un técnico que vive do seu diñeiro”, afirma João.
“Nós temos que axudalos a tomar decisións a eles, porque a idea que prevalece ao final é sempre a do gandeiro. Por iso, para que nos faga caso de verdade, ten que estar convencido”, insiste.
O criterio do gandeiro é ao final o que prevalece; ten que estar convencido
“Cando os prezos do leite son bos, os gandeiros esfórzanse máis na calidade do leite”, asegura. “En situacións de dificultade vexo máis resistencias; pero con uns céntimos máis por litro de leite todo o mundo se anima: o gandeiro, por suposto, pero o técnico de calidade de leite tamén”, argumenta.
Reunión co gandeiro
“Somos unha empresa do grupo cooperativo Agros pero facemos o noso traballo de forma independente. A ligazón co gandeiro é fundamental. Tratar con persoas é unha arte e ten moito de psicoloxía. Temos que saber dicirlle ao gandeiro que as súas vacas están sucias sen dicirlle que as súas vacas están sucias”, afirma.
“Hai que buscar en cada granxa o momento óptimo para falar co gandeiro. Se o gandeiro se levantou ás 6 da mañá para muxir e son as 10 da mañá e aínda non almorzou, se cadra non é a mellor hora”, razoa.
Temos que simplificar os protocolos e falar máis co gandeiro
“Mudar protocolos de control de calidade do leite é complicado porque tamén creamos hábitos no gandeiro. Nós antes faciamos unha análise completa da granxa e dos problemas de calidade do leite que detectabamos, pero era un proceso longo, tardabamos entre 2 e 3 semanas e os gandeiros queren tratar rápido, porque teñen un problema e quéreno resolver”, explica.
“Dabamos demasiada información ao gandeiro dunha soa vez, e o gandeiro só facía caso a que vacas tratar e con que antibiótico, o resto da información e recomendacións non eran tidas en conta na maioría dos casos. Por iso cambiamos a metodoloxía de traballo. Hoxe facemos poucas probas de establo (visitas á granxa para tomar mostras no muxido). Só facemos unha proba de establo anual”, explica.
Clasificación de granxas segundo o seu reconto de coliformes en tanque
En canto ás probas analíticas, João indica que “hoxe en día dispoñemos de PCR para detectar os axentes contaxiosos pero a microbioloxía do tanque de leite é algo que para nós ten moito valor e aproveitamos que temos o respaldo dun laboratorio de microbioloxía detrás para clasificar as ganderías segundo o seu reconto de coliformes: alto, máis de 100 ufc/ml; medio, entre 50 e 100, e baixo por debaixo de 50”.
“A miña experiencia cos cepillos de predipping usados en sala é mala. En todas as granxas nas que comecei a traballar con estes cepillos acabaron por descartalos. O resultado do reconto de coliformes no tanque de leite é claro; o pezón pode estar limpo, pero hai contaminación”, insiste.
Na zona norte de Portugal temos moitas mastites subclínicas
“Na nosa zona temos ganderías con poucas vacas en muxido e moitas mastites subclínicas. Hai anos Agros tomou a decisión de suspender a recollida de leite na granxa despois do quinto tanque de leite cun reconto de máis de 400.000 células ou tres tanques con máis de 100.000 xermes para concienciar aos gandeiros da necesidade de mellorar a calidade do leite e fanse analíticas en todas as recollidas do camión cisterna no tanque”, explica.
Agros tomou a decisión hai anos de suspender a recollida de leite en granxas con 5 mostras con máis de 400.000 células e 3 con máis de 100.000 xermes
Outra proba habitual nos establos son os tests de California para mastite, pero o técnico portugués asegura que en explotacións robotizadas nas vacas que están recentemente muxidas hai que desconfiar dos resultados do test de California. “Esas vacas que saen do robot pódense marcar e facer o TCM máis tarde. Ademais da dificultade para tirar chorros nestes animais recentemente muxidos, os resultados poden levarnos a engano”, advirte.
“En granxas pequenas sen Control Leiteiro intentamos reunir a maior información posible cos datos de microbioloxía, porque nunha granxa grande de máis de 100 vacas sen Control Leiteiro imos ter máis difícil detectar e caracterizar os problemas”, afirma.
Programas específicos
Segalab levou a cabo hai anos un programa específico de control de Streptococcus agalactiae no tanque de leite, con seguimento mensual durante 1 ano tras o tratamento (terapia Blitz). “Era unha estratexia diferente que nos deu bos resultados. Cando comezamos, o 9,6% das explotacións eran positivas, cunha prevalencia de animais dentro da explotación do 43%. A relación custo-beneficio 6 meses despois do tratamento era de 2,66 euros, é dicir, por cada euro investido o gandeiro recuperaba 2,66 pola mellora no prezo do leite e a cantidade de leite que deixaba de tirar, pero deixouse de facer porque a terapia Blitz ten complicacións asociadas”, recoñece.
A administración de antibióticos intramamarios betalactámicos nos catro pezóns ten complicacións asociadas
Entre elas, coa administración nos catro pezóns de tratamento intramamario con antibióticos betalactámicos aparecían outras infeccións, había animais con reaccións alérxicas e esixía un maior intervalo de seguridade, o que facía que durante unha semana houbese que tirar o leite dese 40% do rabaño que era positivo na explotación. “Era un esforzo económico moi importante”, recoñece. Por iso, na actualidade tratan, con medidas de desinfección de pezóns, tratamentos de secado, etc, baixar a incidencia para despois si tratar de erradicar a enfermidade da granxa.
O Staphylococcus aureus é outra das causas máis comúns de infeccións intramamarias, aínda que João asegura que “cada vez temos menos clientes con problemas de aureus”. Hoxe en día hai cada vez máis granxas limpas de aureus. Habitualmente clasifícase como contaxiosa pero hoxe sabemos que non é puramente contaxiosa, pois ten capacidade de resistencia aos antibióticos na ubre da vaca, pero tamén certa capacidade de ter reservorios ambientais.
A presenza de aflatoxinas nos silos ten relación coa mastite
En Portugal vanse comezar a analizar de maneira sistemática as aflatoxinas presentes por exemplo nas forraxes ensiladas e nos concentrados. A presenza de aflatoxinas ten implicacións a nivel da saúde animal e tamén ten relación coa mastite, porque hai mastites de orixe alimentaria ou nutricional. “Hai unha influencia pero non hai evidencias claras demostrables”, matiza con todo João.
Galego









Control OJD