A forte seca que está a afectar este ano ao continente europeo tamén se deixa notar en Galicia. No caso do millo a práctica ausiencia de precipitacións -nalgunhas zonas desde o mes de maio- está a xerar unha forte preocupación entre as ganderías de vacún de leite, nas que o millo constitúe a principal forraxe para o gando e que se cultiva maioritariamente en secaño en Galicia e a cornixa cantábrica.
En Francia, onde as previsións calculan un derrubamento da colleita de millo forraxeiro de máis do 30%, o instituto Arvalis, referente para cultivos forraxeiros e cerealistas, emitiu unhas recomendacións sobre pautas a seguir á hora de decidir ensilar ou non o millo exposto a seca.
En todo caso, os técnicos de Arvalis lembran que “nas parcelas totalmente secas, un retorno das precipitacións non permitirá recuperar os efectos sufridos. Con todo, nas zonas que aínda permanecen verdes, se volve a choiva, o rendemento aínda pode aumentar”.
Antes de decidir se hai que ensilar, Arvalis ofrece aos gandeiros algunhas claves para realizar un diagnóstico en profundidade. Para o millo forraxeiro cultivado en secaño preséntanse tres situacións:
1/ Cultivo aínda pouco prexudicado, en solos de profundidade media ou profundos:

As follas están enroladas e presentan un ton «verde agrisado», con só algunhas follas inferiores de cor gris-marrón. A emisión de novas follas retardouse e a floración atrásase. A pesar diso, a superficie verde segue sendo funcional: as plantas teñen capacidade para renovar o seu crecemento se volve a choiva, aínda que o rendemento final verase afectado debido ao menor tamaño, que limita a capacidade de alimentar o gran. Tras a floración, será posible avaliar o nivel de fecundación das mazorcas. É demasiado pronto para ensilar.
2/ Caso intermedio: máis do 30% das follas están secas

As últimas follas emitidas adquiren un ton marrón nos seus extremos e branquéanse. A emisión de novas follas e a floración están bloqueadas. Só un rápido regreso das choivas podería permitir unha continuación do crecemento, pero a floración e o enchido dos grans serán incertos. Algunhas plantas non terán mazorcas.
As últimas follas emitidas adquiren un ton marrón nos seus extremos e branquéanse. A emisión de novas follas e a floración están bloqueadas. Só un rápido regreso das choivas podería permitir unha continuación do crecemento, pero a floración e o enchido dos grans serán incertos. Algunhas plantas non terán mazarocas.
3/ Situacións máis preocupantes: quedan menos de dúas follas verdes

Preto do 90% das follas están de cor marrón clara – gris esbrancuxado. O crecemento detívose por completo. Só a base das últimas follas e o talo permanecen verdes. O ensilado pode plantearse sen esperar máis, xa que o rendemento e o valor nutritivo non mellorarán. No entanto, o interese de ensilar debe avaliarse en función da biomasa presente en relación co custo da colleita.
Que rendemento pode esperarse nesta fase?
Para millos que aínda non desenvolveron mazorca, ou para plantas con mazorcas con poucos grans, os métodos clásicos de estimación do rendemento non son válidos. A título orientador, cunha densidade adecuada (máis de 65 000 plantas/ha) e para estados comprendidos entre 10 follas e a floración feminina, o rendemento sitúase:
• entre 2 e 4,5 t de MS para millos de 1 m a 1,5 m de altura;
• entre 3,5 e 7 t de MS para millos de 1,5 m a 2 m de altura.
A dixestibilidade non está relacionada co nivel de desecación das follas
As medicións realizadas en millos desecados de forma precoz revelan composicións químicas moi variables, pero aínda así cun valor enerxético que non diminúe a pesar da ausencia de amidón.
Para rematar, desde Arvalis matizan que o contido de materia seca destes millos sen mazorca pode fluctuar considerablemente ao longo do día; este aspecto debe terse en conta para organizar a ensilaxe e garantir unha boa conservación.
Galego









Control OJD