
Sonia Rodríguez, veterinaria do servizo de reprodución de Seragro durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas
A reprodución é un dos piares fundamentais na rendibilidade dunha explotación de vacas de leite. Cada día que unha vaca permanece aberta supón unha perda económica considerable: maior consumo de alimento, menos litros de leite por día en leite, máis risco de eliminación e unha menor eficiencia global do rabaño.
Pola contra, unha boa xestión reprodutiva permite manter unha distribución equilibrada de curvas de lactación, asegurar unha produción media elevada e, sobre todo, dar estabilidade ao sistema produtivo.
Pero, cando é o mellor momento para inseminar unha vaca de leite? “Non existe unha única resposta. Os diferentes niveis de produción e tipo de manexo de cada granxa determinan que teñamos que analizar diferentes factores para establecer cal é o momento óptimo”, asegura Sonia Rodríguez Pazos, veterinaria do servizo de reprodución de Seragro.
Días en leite e curvas de lactación
O parámetro clave para decidir cando inseminar unha vaca é o número de días en leite, pola influenza que estes teñen na produción. “Canto menor sexa este número na media global do rabaño, máis leite teremos”, asegura.
“Nunha granxa cada animal describe a súa propia curva de lactación, que adoita ser similar pero con certas diferenzas. Debemos fixarnos especialmente na das primeirizas, que acadan un pico máis baixo e máis tardío pero que son capaces de manter no tempo”, explica.
Nunha granxa cada animal describe a súa propia curva de lactación, que adoita ser similar pero con certas diferenzas
Para explicar como inflúen os días en leite na produción media das granxas Sonia botou man dos datos das 7.800 vacas analizadas durante o ano 2024 polo servizo de reprodución de Seragro, nos que a media foi de 179 DEL cunha produción promedio de 37,6 litros nese momento. “Se baixamos a media a 150 días xa temos 38,3 litros de produción pero se nos imos a 200 DEL quedariámonos en 36 litros”, compara.
Para ter poucos días en leite hai dúas estratexias: ter moitos partos e ter poucos animais con moitos días de paridos. “Para ter moitos partos é necesario preñar rápido ás vacas e xovencas e para reducir o número de animais con moitos días en leite debemos ter unha estratexia de descarte correcta, deixando de inseminar animais problemáticos a nivel reprodutivo e vendéndoos cando a súa produción non sexa rendible”, engade.
Pico de lactación
Outro concepto fundamental é o pico de lactación, o momento de máxima produción tras o parto. Nas vacas multíparas adoita situarse arredor dos 50-70 días, mentres que nas primíparas pode atrasarse ata os 100-120 días ou máis, xa que, ademais de producir leite, seguen crecendo e desenvolvéndose corporalmente.
Inseminar antes de pasar o pico de lactación supón facelo nun momento de máximo estrés metabólico, que reduce a fertilidade
Logo de analizar durante o ano 2024 os datos de 7.800 vacas de 48 explotacións galegas, todas elas en Control Leiteiro e con visitas semanais ou quincenais dos veterinarios de Seragro, Sonia expuxo os resultados nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite:
- As de primeiro parto acadan o pico de lactación entre os 80 e os 90 días fan 35 litros de media
- As de segundo parto chegan ao pico entre os 40 e os 50 litros e acadan 44,9 litros de media
- As de terceiro parto fan 48,1 litros aos 40-50 días de paridas
- As de máis de 4 partos acadan 45,8 litros de media aos 50-60 litros
“Inseminar antes de pasar o pico supón facelo nun momento de máximo estrés metabólico, co risco de reducir a fertilidade. O ideal é esperar a que a vaca comece a descender lixeiramente a produción, o que indica que o balance enerxético xa mellorou”, defende Sonia.
O ascenso ao pico de produción é máis lento en animais cunha escasa condición corporal no momento do parto
O momento do pico de lactación dependerá de varios factores:
- do número de lactación (as multíparas chegan antes)
- da condición corporal do animal (as primeirizas con escaso desenvolvemento corporal no momento do parto tardan máis, igual que o ascenso ao pico tamén é máis lento en vacas que paren flacas)
- da concentración da ración (animais que comen racións pouco concentradas tardan máis en acadar o pico)
- dos problemas posparto (calquera incidencia que faga que a vaca non coma o suficiente vai retrasar a súa recuperación)
- do manexo que fagamos (número de muxidos, número de arrimados de comida, separación en lotes, etc)
“Canto antes poidamos chegar ao pico mellor, porque máis leite teremos e antes poderemos empezar a inseminalas. Pero se queremos unha arrincada e chegada ao pico rápida e forte, todas as condicións que lle temos que dar aos animais teñen que ser perfectas”, di a veterinaria de Seragro.
Persistencia
Á hora de decidir cando inseminar tamén é importante considerar a persistencia, xa que algunhas vacas manteñen unha produción alta durante moitos meses, o que dá marxe para atrasar algo máis a inseminación sen comprometer a rendibilidade da granxa. Outras, en cambio, teñen lactacións máis curtas e convén preñalas canto antes para evitar perdas de produción.
“Se todas as vacas dunha granxa fosen capaces de manter a produción durante toda a lactación non necesitariamos sometelas a tantos partos, pero como non temos vacas suficientemente boas temos que concentrar o maior número de animais en torno ao pico de lactación para ter producións medias altas”, razoa.
En canto ás xovencas, o pico de lactación no primeiro parto determinará a súa rendibilidade futura na granxa. “O nivel de produción ao que poderá chegar unha vaca en segunda lactación e seguintes dependerá do nivel ao que fora capaz de chegar como xovenca en primeira lactación”, asegura Sonia.
Balance enerxético negativo
O factor fisiolóxico máis importante que se produce nunha vaca despois de parir é un balance enerxético negativo (BEN). Nos primeiros días, a produción de leite supera a capacidade de inxestión e a vaca mobiliza graxa corporal para compensar.
“O balance enerxético negativo é unha situación que se dá na vaca entorno ao parto caracterizada por unha inxestión de enerxía inferior ao gasto, xa que un pouco antes do parto o animal deixa de comer de despois de parir o seu consumo sobe moi lento. Iso sumado a que o gasto debido a que a produción de leite está disparada lévanos a un desequilibrio”, explica Sonia.
É moi difícil empreñar unha vaca mentres perde peso tralo parto, por iso debemos inseminalas despois do pico de lactación e en balance enerxético positivo
Isto provoca unha perda de condición corporal que se reflicte na función reprodutiva: os ovarios tardan máis en volver ciclar e as taxas de preñez son máis baixas. “É moi difícil empreñar unha vaca mentres perde peso tralo parto, por iso debemos inseminalas sempre despois do pico de lactación e en balance enerxético positivo, porque nos é máis doado lograr que queden preñadas e porque evitamos caídas de produción por xestación. Ademais, así estamos garantindo que a futura xata exprese os xens de produción da nai”, asegura.
Saúde posparto
O período de balance enerxético negativo pode durar máis ou menos segundo o manexo alimentario, pero tamén segundo a saúde posparto. Complicacións como a retención de placenta, as metrites, a cetose ou o desprazamento de abomaso prolongan o balance enerxético negativo e atrasan a recuperación. Ademais, aumentan o risco de eliminación de vacas da granxa, reducindo así a vida produtiva media do rabaño.
Por iso, “un bo control sanitario posparto é, polo tanto, unha condición indispensable para mellorar a reprodución”, defende Sonia. As coxeiras tamén prexudican a fertilidade, xa que reducen a condición corporal do animal e alteran a súa ciclicidade no celo.
Das 7.800 vacas analizadas no 2024, o 8% tiveron retención de placenta, unha patoloxía posparto que non ten despois incidencia no intervalo parto-primeira inseminación e nos días transcorridos até a inseminación fecundante. “A produción media dos animais que tiveron retención tamén foi semellante a dos que non a tiveron, os días ao pico parecidos e as curvas de lactación tamén similares”, aclara Sonia.
As vacas que máis sofren desprazamento de abomaso son as vacas de terceiro parto
O desprazamento de abomaso sufrírono un 2% das vacas estudadas e neste caso si que altera o momento da primeira inseminación. “Inseminamos moitos animais antes por baixa produción e outra parte deles máis tarde por retrasos na recuperación”, aclara. De media, as vacas con desprazamento de abomaso quedaron preñadas 7 días máis tarde que o resto. En canto á produción, cando hai desprazamento o pico de produción prodúcese máis tarde e é máis baixo.
Período de espera voluntario
Con estas dúas premisas claras (inseminar sempre tralo pico de lactación e en situación de balance enerxético positivo) , cando empezamos a inseminar as vacas tralo parto? Tradicionalmente establécese un período voluntario de espera (PVE), que adoita situarse entre os 50 e 70 días posparto. Durante este tempo a vaca recupera do parto, estabiliza o metabolismo e prepárase para reiniciar a actividade ovárica.
Unha inseminación demasiado temperá, cando o animal aínda non superou o estrés posparto, tradúcese en baixas taxas de concepción. Pola contra, atrasar demasiado a inseminación fai que a curva de produción caia antes de tempo, reducindo a produción media do tanque.
Debemos inseminar o suficientemente cedo para manter intervalos entre partos axeitados, pero só cando a vaca está realmente preparada
Por iso, o obxectivo é atopar un equilibrio: inseminar o suficientemente cedo para manter intervalos entre partos axeitados, pero só cando a vaca está realmente preparada. Por iso, “o período de espera voluntario dependerá en primeiro lugar do momento en que as nosas vacas logren superar o desequilibrio nutricional tralo parto”, indica.
Nos animais de primeiro parto a situación é moito máis crítica, porque o balance enerxético negativo dura moito máis tempo, debido fundamentalmente a que aínda están en crecemento e a que a súa capacidade de inxesta de alimento é menor. Por iso, ás novillas é necesario agardarlles máis tralo parto para volver a inseminalas.
Un rango orientativo para inseminar unha vaca sitúase entre os 50 e os 70 días posparto nas multíparas e algo máis tarde nas primíparas
“Un consenso técnico é que unha vaca só debería inseminarse cando superou o balance enerxético negativo e pasou o pico de lactación. En termos prácticos, isto tradúcese nun rango orientativo de 50-70 días posparto en vacas multíparas e algo máis tardío en primíparas, segundo a súa evolución produtiva e corporal.
O momento exacto debe adaptarse á realidade de cada granxa e á observación individual de cada animal”, aclara Sonia, xa que inseminar por rutina a todas as vacas a un determinado número de días posparto non é unha solución acertada, posto que haberá animais que pode que aínda non chegaran ao pico. “Neses casos, inseminalos sen ter isto en conta so serve para ter taxas de preñez a primeira inseminación moi baixas e, no caso de que se quede preñada, caídas de produción por xestación”, di.
Métodos: celo visto e sincronización
Unha vez decidido o momento idóneo para inseminar a cada animal, existen dúas estratexias válidas:
- Celo visto: baséase na detección visual do celo, ben por observación directa, ben con axuda de colares ou podómetros. É un sistema económico, flexible e natural, pero require tempo e dedicación.
- Inseminación a tempo fixo (IATF): a sincronización hormonal permite inseminar sen depender da detección do celo. É útil en granxas grandes, mellora a organización do traballo e aumenta a porcentaxe de vacas inseminadas dentro da ventá desexada.
“Ambas as opcións son válidas e cada granxa debe escoller en función dos seus recursos humanos, do tamaño do rabaño e da experiencia no manexo”, afirma Sonia.
Na media das 7.800 vacas estudadas no 2024 a detección de celos foi do 71,79% e a fertilidade do 39,36%. O 70% insemináronse con celo natural e o 30% mediante tratamentos de sincronización, con éxitos similares, superior ao 40% nos dous casos.
En granxas con sistemas de detección de celo insemínase un 10% máis a celo natural
O obxectivo final de todo programa reprodutivo é lograr vacas preñadas no momento axeitado. Para avaliar ese éxito emprégase a taxa de preñez, que combina dous compoñentes: a capacidade de detectar os celos e inseminar no tempo oportuno, e a fertilidade real das inseminacións realizadas.
Así, unha explotación pode ter boa concepción, pero baixa detección de celo ou moitas inseminacións con baixa taxa de éxito. Só a taxa de preñez ofrece unha visión global e real do funcionamento do programa reprodutivo, e debe ser o indicador de referencia para mellorar a eficiencia da reprodución.
Inseminar máis tarde non sempre é sinónimo de preñar máis tarde
“Non existe unha data máxica que valla para todas as vacas; o que si existen son principios básicos: respectar os tempos de recuperación posparto, superar o balance enerxético negativo, pasar o pico de lactación, valorar a persistencia e medir os resultados coa taxa de preñez”, defende Sonia.
“Unha reprodución ben xestionada garante mellores taxas de concepción, intervalos entre partos máis curtos, curvas de produción máis estables e unha maior rendibilidade global da explotación”, conclúe.
Galego









Control OJD