Cando comezou a facerse viño en Valdeorras?

A descuberta de dous antigos lagares, que poderían datar da época romana, evidencia o pasado viticultor destas terras ourensás. O achado do viticultor Mario Yáñez, mentres realizaba traballos para plantar novos viñedos, atópase en fase de estudo e catalogación

Publicidade
Cando comezou a facerse viño en Valdeorras?

Un dos lagares descubertos no concello de Lauroco, na comarca de Valdeorras. // Foto Mario Yáñez.

O pasado vitivinícola das terras de Valdeorras ninguén o pon en dúbida, porén ata o momento resultaba difícil concretar canto se remonta no tempo a tradición de facer viño nesta comarca ourensá. “Os restos que tiñamos catalogados daban conta de que se elaboraba viño dende a Idade Media, pero agora poderíamos ter probas que confirmen que xa os romanos facían viño nos propios viñedos que cultivaban en Valdeorras”, declara o experto en arqueoloxía e xeoloxía José Fernández, quen ratificou a descuberta de restos de dous antigos lagares no concello de Larouco (Ourense).

“Poderíamos ter probas que confirmen que xa os romanos facían viño nos propios viñedos que cultivaban en Valdeorras”: José Fernández, experto en arqueoloxía

Aínda que polo momento só se levou a cabo unha primeira avaliación por parte de técnicos de Patrimonio en días pasados, as características arcaicas destes antigos lagares fan pensar ó experto que poidan datar dos primeiros séculos da nosa era. Porén, ata que non se realice un estudo en detalle, Fernández, que ten participado en numerosas escavacións arqueolóxicas, mantense cauto.

lagar-rupestres-Larouco-

A retirada da capa superficial de terra que o cubría permite ver xa a forma do lagar. // Foto José Fernández.

Construcións arcaicas e singulares

Trátase de dous lagares rupestres rectangulares picados na propia rocha, o que evidencia que se trata dunha construción arcaica. “Neles pisaban a uva cos pés, non hai dúbida porque non hai marcas de postes para colocar calquera outro aparello, o que nos asegura que se trata de pezas moi antigas”, explica Fernández, que é ademais o presidente da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudos Valdeorreses. As características dos lagares fai pensar ó experto que poidan ser anteriores ós atopados en Oímbra, considerados os máis antigos da provincia.

A cerámica atopada nos lagares e nas proximidades pode ser determinante para concretar a data do xacemento

Ademais, no depósito onde se decantaba o mosto, apareceron restos de cerámica que poderían ser claves para datar o xacemento e confirmar, que como se sospeita, sexan anteriores á Idade Media. Nas inmediacións dos lagares tamén localizaron restos de tégulas, antigas tellas romanas, o que podería vinculalos á civilización romana. Mesmo a ubicación dos lagares parece reforzar a teoría de que se trate de restos romanos, posto que pola zona transcorre unha antiga calzada romana. A escavación dos restos en detalle sería determinante para poder concretar unha data máis aproximada da construción dos lagares.

Restos-ceramica-lagar-rupestre-Larouco-Valdeorras-

Nos lagares e nas proximidades atopáronse restos de cerámica e tégulas romanas. Foto Mario Yáñez.

O experto tamén destaca que os lagares están realizados en rocha Gneis, unha das pedras máis antigas, o que fai que sexan aínda máis especiais. Así, á parte do seu interese que poida motivar o descubrimento no mundo vitivinícol,a tamén podería ser apreciado no eido da xeoloxía.

Pasado e futuro vencellado ó viño

Os restos dos lagares rupestres foron atopados polo viticultor Mario Yáñez cando traballa a parcela para ter novos viñedos. “Estabamos preparando a finca para dispor de bancais nos que plantar novas cepas de viña cando vin un reborde dunha rocha que me chamou a atención e xa paramos os traballos coa pala”, explica o viticultor.

“Non podía crer que acabaramos de atopar na parcela dous lagares rupestres!”: Mario Yáñez, o viticultor que descubriu os restos

Expectante, Mario retirou manualmente a capa de terra que cubría o primeiro dos lagares detectado. O achado fíxoo revisar a zona, o que lle permitiu detectar un segundo lagar a uns 30 metros de distancia. “Non podía crer que acabaramos de atopar na parcela dous lagares rupestres!”, detalla.

Mario-Yanez-viticultor-descubridor-dos-lagares-rupestres-de-Valdeorras-

O viticultor Mario Yáñez adquiriu hai anos a parcela e dispoñíase a facer bancais para o viñedo cando atopou os lagares.

Descubrilos resultou toda unha boa nova para o viticultor, posto que leva anos interesado nestes restos do pasado vitivinícola. “Sempre me sorprendeu que na zona de Valdeorras non se tiveran localizado antigos lagares como os que hai en concellos próximos coma Monterrei ou Oímbra”, valora. De feito, o viticultor xa localizara na zona de Portomourisco unha construción o que podería ser un antigo lagar para a elaboración de viño e que durante moito tempo na tradición popular se vinculaba á extracción do aceite, pese a carecer de estruturas para o aproveitamento das olivas, tal e como explica o produtor.

“Para min, contar cun lagar rupestre no viñedo, como hai noutras zonas de España e do mundo, parecíame unha gran sorte”: Mario Yáñez

Por outra banda, para Mario a descuberta dos antigos lagares supón unha confirmación ás súas sospeitas sobre o potencial da parcela. “Se xa na antigüidade facían viño aquí quere dicir que é boa terra para o viñedo”, apunta. Ademais, o produtor tiña claro dende un principio a importancia do achado. “Moitos dicíanme que os rompera ou os tapara, que só me ían supoñer problemas para poder plantar, pero para min, contar cun lagar rupestre no viñedo, como hai noutras zonas de España e do mundo, parecíame unha gran sorte”, apunta. Así foi que xa nun primeiro momento avisou directamente a Fernández, que ademais é oriúndo de Larouco, para que fixese unha primeira avaliación dos restos e puxo a disposición do Concello o xacemento para tentar levar a cabo a súa posta en valor.

Lagar-Larouco--Valdeorras-

Técnicos de Patrimonio e diferentes expertos fixeron xa as primeiras avaliacións dos lagares. // Foto de José Fernández.

Dende Patrimonio confirmáronlle xa que, mentres non se danen os restos, poderá continuar coa plantación das cepas. Os traballos atrasáronse este ano por mor do coronavirus e agarda poder plantalas de cara o outono. “Ata o momento todo o viñedo que tiñamos era de Godello, pero estamos mirando de incorporar variedades autóctonas coma o Brancellao pola calidade dos viños que producen e para diversificar”, concreta o viticultor.

lagares-rupestres-Larouco-Valdeorras-enoturismo

Dende o lugar onde se descubriron os lagares pode contemplarse unha panorámica do val de Larouco, cunha importante produción de viño. // Foto Mario Yáñez.

Novo atractivo para o enoturismo

A descuberta destes lagares pode supor un impulso para o enoturismo na comarca, como indican dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, órgano que colaborou dende o principio na xestión do achado. “No momento en que nos avisaron de que apareceran estes restos empezamos a mobilizarnos para que administracións coma o Concello ou a Xunta, que conta con capacidade orzamentaria, poidan afrontar a súa escavación, estudo e posta en valor”, detalla José Luís García Pando, presidente do Consello Regulador.

“Os lagares son un nexo visible do patrimonio vitivinícola da comarca de Valdeorras”: José Luis García, presidente do Consello Regulador de la DO Valdeorras

Agardan que os lagares rupestres supoñan un novo atractivo. “Son un nexo visible dese patrimonio vitivinícola da comarca de Valdeorras”, reivindica García Pando, quen valora tamén a destreza do viticultor para pensar xa nun primeiro momento que podía tratarse de restos arqueolóxicos. “Pode que teñamos máis restos de lagares na comarca, pero é necesario ter certas nocións sobre estas construcións para poder identificalos sen dañalos, como foi o caso dos de Larouco”, apunta. Tamén o experto en arqueoloxía, José Fernández, tamén valora que “os lagares son un descubrimento importantísimo para a comarca e que pode servir para pór en valor o pobo”.

A situación dos lagares facilitaría que se convertan nun punto de interese enoturístico posto que, ademais de contar con bos aceso, permite contemplar unha panorámica de Larouco, que conta cunha destacada produción vitícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información