“Cando botei a vista ó campo, vin que a apicultura era do máis modular que había para emprender”

Entrevistamos a Xurxo Domínguez, un apicultor da Baixa Limia que centra a súa actividade na produción de enxamios. É un dos impulsores dunha asociación que busca aglutinar ós abelleiros dos 11 concellos de montaña do suroeste ourensán

“Cando botei a vista ó campo, vin que a apicultura era do máis modular que había para emprender”

Xurxo Domínguez, nun dos seus colmeares.

Xurxo Domínguez (Bande, Ourense) reencontrouse no 2014 coa antiga tradición familiar das abellas. Eran aínda os anos da crise e Xurxo buscaba o xeito de quedar na Baixa Limia. “Eu non me quería ir” -recorda-. “Naqueles anos houbo un certo ‘boom’ de persoas que comezamos na apicultura a raíz da crise. Se botas a vista ó campo, tópaste con que a apicultura é do máis modular que hai. Igual non tes cartos para poñer 1.000 colmeas, pero se tes 500 euros podes arrancar con 5 e ir medrando. O que pasa é que facer esa actividade rentable xa é outra película”, recoñece.

El comezou cun primeiro enxamio e en lugar de enfocarse á colleita de mel, decidiu facer da produción de abellas a súa actividade principal. A partir daquel primeiro enxamio, Xurxo leva vendidos xa máis dun milleiro de enxamios e ademais montou os seus propios colmeares, ata chegar ás 149 colmeas, cifra límite a partir da que os apicultores están obrigados a dar o salto ó profesionalismo. “Estou agora mirando de dar o salto, de poñer 300 colmeas e facerme profesional”, valora.

A súa aprendizaxe na apicultura foi principalmente autodidacta. Lía todo o que atopaba, en papel e en internet; “preguntaba moito” por grupos de whatsapp e chats, e logo practicaba cos seus propios enxamios. Tamén aprendeu de como se traballaba antes, pois Xurxo lembra que no Ribeiro de Bande, o seu avó sempre tivo colmeas, unha tradición que continuou na familia e coa que el, xa nunha liña de apicultura moderna, se gaña agora a vida. A progresión da súa aprendizaxe foi tal que estes últimos anos xa complementa a actividade de abelleiro coa de formador en cursos de apicultura, como os que imparte para Asefoga.

Cal é a situación da apicultura na Baixa Limia e Serra do Xurés?
– Na Baixa Limia, somos cinco concellos (Bande, Lobeira, Entrimo, Muiños e Lobios) e entre todos, pode haber unha vintena de apicultores profesionais. O que si é que tamén haberá outros tantos que comezamos na apicultura a raíz da crise, no 2014-2015, e que están na súa maioría coma min, valorando comezar a pagar autónomos. O que fixemos todos foi medrar ata as 149 colmeas e aí pararnos a meditar.

Eiquí na comarca estamos na zona por excelencia do mel de montaña, un mel negro con moito mielato de rebolo. Eu, como en primavera centro a forza dos enxamios en produción de abella e en divisións para novas colmeas, poño as alzas tarde, en xuño, e quédame tempada só para que me entre mel de silva, castiñeiro e sobre todo, mielato de rebolo (mel de melada). O resto de apicultores pode facer tamén mel de milflores na primavera.

O mel de melada semella que ten tirón no mercado e de feito, a IXP Mel de Galicia modificou o seu prego para amparalo. Pensas que está ben valorado?
– É valorado, pero non o que debera. Por exemplo o ano pasado foi terrible, pagóusenos o mel a granel a 3,30 euros. Con ese prezo, pagas autónomos, gasoil e gastos e pouco che pode quedar. Un prezo a granel razonable, para darse mantido con 300 – 400 colmeas, habería que comezar a falar a partir de 4 euros.

Colmeas de Xurxo en altitude, baixo a neve invernal.

Colmeas de Xurxo en altitude, baixo a neve invernal.

Hai dous anos si, aí estaba o prezo a 5 euros. A modo de anécdota, no 2018 tiven unha reunión en Madrid onde había algún abelleiro de cada comunidade autónoma. Comezamos a falar do prezo e o primeiro en abrir a quenda foi o de Asturias, onde venderan a 4 euros aquel ano; despois fun eu e expliqueilles que no 2018 venderamos a 5 euros (+Ive), eu imaxinábame que todos estariamos por aí, nos 4 – 5 euros, pero o seguinte prezo máis alto que oín foi para un mel monofloral a 2,85 euros. A excepción era Madrid, onde non se vendía o mel a granel. Son poucos produtores e teñen 7 millóns de consumidores ó lado, co cal venden todo o mel a tarro.

Entón, está valorado o mel galego?. Xusto ese ano estaba ó dobre de prezo, pero outros anos non. En xeral, temos un mel apreciado no mercado porque en Europa mestúrase con meles de terceiros países para darlles cor e corpo.

xurxo apicultura 660

Que posibilidades ves na Baixa Limia – Xurés de centrarvos no mel a tarros?
– No Xurés, a maioría dos apicultores ecolóxicos teñen a súa propia marca e entre os outros, tamén os hai que sacan os seus botes. O problema que temos en xeral na comarca é que hai unha despoboación galopante e en cada aldea hai algún abelleiro. Entón, a quen lle vendes os tarros aquí?. Acabas os primos, os amigos e quédanche os tarros na casa.

O noso futuro é sacar o mel daquí e darlle saída en zonas urbáns ou cara grandes consumidores. Eu ata agora non me centrei no mel, podo producir uns 1.000 quilos por tempada, e doulle saída a boa parte en tarros, pero na nosa comarca, logo duns anos podes chegar a 500 – 600 botes, pero se quixeras duplicar esa cantidade, esquécete porque non hai xente. Todos temos que vender a granel.

Desde Bande estades impulsando unha asociación de apicultores de toda a comarca. Cres que pode axudar a mellorar a comercialización?
– O principal obxectivo é precisamente buscar unha saída para a comercialización do mel. Inicialmente creamos unha asociación hai un par de anos que foi fundada en Bande, pero aumentámola e agora podes pertencer á asociación se tes algún colmear nos 11 concellos da serra, os 5 da Baixa Limia, os 3 da Serra do Leboreiro (Verea, Padrende e Quintela de Leirado) e os tres da prolongación do Xurés (Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar).

É un proxecto que leva os seus tempos. Comezamos primeiro en Bande, despois extendemos a asociación á Baixa Limia e agora estamos na fase de darlle un impulso nos outros concellos. Paralizounos un pouco o coronavirus, pero agora volveremos a retomalo, en canto se acabe de quitar o mel. O obxectivo é lograr un bo prezo base para o mel a granel porque para as vendas a tarro, como che comentaba, na comarca temos un mercado moi limitado e a venda a tarro é tamén un traballo sacrificado que esixe adicarlle moitas horas.

No mel a granel, en Galicia hai principalmente tres compradores, con prezos moi similares, e temos que valorar outras vías que nos permitan mellores prezos. Tamén estamos mirando de cara ó futuro facer unha feira na comarca impulsada pola asociación.

A nivel de traballo individual, como vos está a afectar o coronavirus esta tempada?
– Na primavera parouse tanto a venda de mel como, no meu caso, a venda de enxamios. A tempada forte de produción de enxamios é a primavera, ata maio, e tiven que cortar en marzo. Contaba vender 200 enxamios e rematei entregando 105 porque o apicultor, ao reducir vendas e traballo, tamén reduciu as compras de enxamios sobre o que tiña previsto ou sobre o que me tiña encargado.

Que criterios segues para a selección de enxamios?
– Fundamentalmente produción e mansedume. Tamén hixiene.

“Desapareceu o gando, desapareceu o traballo no campo e perdemos moita uz para as abellas”

Xurxo Rodríguez revisando unha colmea.

Xurxo Domínguez revisando unha colmea.

A vespa asiática é o gran perigo que afecta nos últimos anos á produción de mel en Galicia, aínda que na montaña ourensán, as perdas debidas á velutina son polo de agora baixas. Os seus problemas céntranse na varroa e no cambio de hábitat do monte. “Fomos unha zona moi boa para o mel, pero agora xa non o diría”, valora Xurxo. Repasamos os riscos e desafíos de producir mel na Baixa Limia.

Cal é a situación de ataques da velutina na comarca?
– Trampeamos en primavera, pero non padecemos a gravidade do problema da costa. O noso problema é o saqueo en novembro e decembro. As velutinas fichan as colmeas máis débiles, comezan a entrar e elimínanche algunhas, pero non é o problema da costa. En toda a comarca, non coñezo a ninguén que teña que usar arpas. Tamén aquí estamos en Bande, que é a parte máis alta e máis fría. Se baixamos a Entrimo e a Lobios, probablemente haxa máis vespa asiática.

Para evitar que che ataque as colmeas máis débiles no outono, tes tamén a opción de instalar piqueras antivelutinas. Crucemos os dedos de que non vaia a máis o problema porque instalar arpas leva consigo reorganización dos apiarios e un investimento forte. De momento, o frío do inverno axúdanos. As velutinas tardan moito en prosperar e non hai nidos grandes en xuño e xullo. Cando as velutinas teñen forza, xa as abellas teñen pechada a campaña.

As principais perdas de colmeas na Baixa Limia son pola varroa e tamén temos casos de colmeares perdidos nos incendios.

Que impacto está a ter a varroa?
– O problema que temos aquí coa varroa é que acabamos tarde a produción polo mielato de rebolo. Na costa rematan antes e poden medicar pois igual no mes de agosto. Se o fas así, podes manter a varroa a raia, pero aquí tes mielato practicamente ata o 20 de setembro e entón, medicamos moi tarde, igual a comezos de outubro.

Que pasa se medicas tarde?. Podes matar a varroa, pero xa tes a colmea moi débil. A abella de verao, en setembro ou outubro fai a camada de abellas de inverno, que vai durar 6 meses e vai manter a colmea. Se cando medicamos, as abellas xa fixeron a camada de inverno, vai nacer con moita varroa e en malas condicións. Quedan as colmeas moi débiles e pequenas para invernar. Igual che quedan dous panais nunha esquina e o resto morreu. Na primavera, con sorte sobreviviuche un núcleo, pero nun caso así xa non podo adicar a colmea a producir enxamios; se evoluciona ben produciría mel ese ano.

Eu na miña experiencia, un colmenar de 60 colmeas que mediquei o pasado ano o 17 de setembro, tiven só 2 – 3 baixas no inverno. Outro que mediquei un mes máis tarde, perdín o 45%.

Equipo para a aplicación de ácido oxálico, elaborado por un abelleiro da comarca.

Equipo para a aplicación de ácido oxálico, elaborado por un abelleiro da comarca.

Como estades a tratar a varroa?
– Eu este ano empreguei oxálico en agosto nas colmeas nas que aínda mantiña a produción de mel, que é un tratamento ecolóxico, e nas que non tiña produción, adiantei a medicación. En xeral, tódolos apicultores estamos usando o amitraz, estabamos rotando tratamentos, pero agora mesmo o resto de tratamentos, como o ‘Checkmite’ (cumafós), non son efectivos porque xeneráronse resistencias.

Comentabas antes que tamén vos afectan os incendios.
– Os incendios é un risco que sempre está aí. Hai que machacarse moito nos desbroces ao redor das colmeas e aínda así, cruzar os dedos, porque se vén un lume cunha vaga de calor e vento, mal asunto. Aínda que o incendio non chegue ó pé do colmear, con que lle chegue o fume xa é suficiente para perdelo.

A min directamente nunca me afectou, pero por exemplo, un compañeiro hai un par de anos perdeu un colmear cunhas 60 colmeas no Xurés, que quedou arrasado nun lume. Eu téñoas aseguradas polo que poida pasar. Desbrozo, limpo e se pasa algo, apoiaríame no seguro.

Os incendios afectan tódolos veráns en especial a moitas comarcas do interior de Ourense, como a vosa. Como ves a situación dos lumes?
– A cuestión é que aquí o campo non está traballado. Hai unha continuidade terrible da masa forestal, que chega das portas das casas dun pobo ás portas das casas do pobo seguinte. Non hai fincas no medio traballadas, a penas queda agricultura máis que de autoconsumo, xunto ás vivendas. Eu traballei na extinción de incendios, como conductor de motobomba, e se te atopas con que todo o monte é mato e arborado, sobre todo piñeiros, é unha situación complicada.

Queda pouco gando que controle o combustible e aí, como abelleiros, sufrimos outro problema. Quedámonos sen flor, o gando mantiña o monte nunha cota de altura do mato que permitía que houbese moita erica, moita uz, pero desapareceu o gando, desapareceu o traballo no campo e os fentos e codesos fanse donos de todo. Acadan alturas de metro e pico e a uz rastrera está desaparecida.

O cambio do hábitat da Baixa Limia é unha cuestión que se nota nas producións de mel?
– A ver, sempre que se fala de tempos pasados, pode esaxerarse algo, pero falábase de lograr ata 30 Kg. por colmea e ano. Que foran 20 ao mellor, pero nos últimos cinco anos levamos un promedio de 10 Kg. por colmea e ano, quizais tamén por impactos da meteoroloxía e do cambio climático.

Fomos moi boa zona para a apicultura, pero hoxe en día xa non o diría. Tamén é certo que nos colmeares das partes altas, cando os demais temos 10 Kg., eles poden acadar 20 – 25 Kg. porque o mato alí non colle tanta altura e manteñen as ericas.

Cal é a situación dos montes veciñais na comarca, hai unha parte que están quedando abandonados polo despoboamento e pola baixada da gandería?
– A maioría de montes comunais ou están desaproveitados ou teñen un aproveitamento centrado no piñeiro. Se está a piñeiros, trátase dun aproveitamento que xestionan en xeral empresas externas, con traballos subvencionados de plantación, desbroces e podas feitos por brigadas que normalmente veñen de fóra.

Verdadeiramente, o cultivo do piñeiro nin deixa cartos na comarca nin a penas postos de traballo. Eu sería partidario de que se lle dese emprego en traballos forestais ás persoas da comarca que queiran traballar. Non pode ser que veñan brigadas de fóra a traballar un monte veciñal no que hai comuneiros no paro que estarían dispostos a traballar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información