Cándido Cancelo, novo director xeral da Cooperativa Aira tras a xubilación de Daniel Ferreiro

O cambio na directiva da Cooperativa farase o 1 de xaneiro. Aira recoñece o labor de Ferreiro ó longo destes anos para coordinar a fusión que deu lugar ó que hoxe é a Cooperativa, así como para impulsar proxectos destacados da mesma

Cándido Cancelo, novo director xeral da Cooperativa Aira tras a xubilación de Daniel Ferreiro

Daniel Ferreiro, José Manuel López Tellado e Cándido Cancelo, nas instalacións da cooperativa en Taboada.

Cándido Cancelo Cabanas será o novo director xeral da cooperativa Aira a partir do 1 de xaneiro de 2025. Cancelo asume o cargo tras a xubilación de Daniel Ferreiro Otero, que leva vinculado á Cooperativa máis de dúas décadas e conta cunha traxectoria centrada no impulso do cooperativismo e o sector agroalimentario.

Tal e como sinalan dende a Cooperativa, Cándido Cancelo conta cunha destacada traxectoria profesional tanto a nivel nacional como internacional de máis de 20 anos de experiencia na dirección e desenvolvemento de proxectos estratéxicos en mercados globais e en distintos sectores. “Aira é un referente no sector agroalimentario e agardo contribuír a seguir facendo que esta Cooperativa sexa un motor do agro galego, ó tempo que se mantén a carón dos 3.000 socios que a integran”, valora Cándido Cancelo.

Nestes primeiros meses, Cancelo contará coa colaboración do seu predecesor, posto que Daniel Ferreiro continuará vinculado á Cooperativa para facilitar este proceso de remuda na directiva da Cooperativa. “Contar coa colaboración de Daniel Ferreiro ó longo dos próximos meses será de utilidade para que esta transición se faga dun xeito áxil e ordenado”, indica Cándido Cancelo.

Máis de 20 anos na Cooperativa

Dende Aira tamén queren recoñecer e agradecer a dedicación e implicación de Daniel Ferreiro á Cooperativa durante máis de 20 anos de traxectoria. Destacan que o seu traballo e entrega foron decisivos en momentos claves da historia e no percorrido da Cooperativa para chegar a converterse no que é hoxe en día.

Recordan que Ferreiro contribuíu ó entendemento entre as distintas cooperativas tanto para a creación da fábrica de pensos de Taboada, como na integración que deu orixe a Aira no 2018. Ademais, Ferreiro foi clave para que algúns dos proxectos destacados de Aira se fixeran realidade, como é a planta de transformación láctea de Melide, o crecemento sostible e exponencial da propia Cooperativa ou novas liñas de negocio como o recente acordo coa firma García Baquero para a fabricación de queixos en Galicia con leite procedente das ganderías socias.

“Daniel Ferreiro foi o faro que nos guiou no camiño da integración para a creación de Aira e grazas ó seu traballo e tesón viron a luz proxectos cos que conseguir a valorización dos produtos das ganderías e explotacións dos socios e socias de Aira. Estamos fondamente agradecidos pola súa dedicación ó longo de todos estes anos, facéndoo sempre dun xeito próximo e favorecendo o entendemento”, valora José Manuel López Tellado, presidente de Aira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información