Canadá fíxase nos viños de Rías Baixas

A Master of Wine canadense Barbara Philip visita a denominación de orixe Rías Baixas e participa nunha cata de 30 marcas de viño no pazo de Mugartegui

Publicidade
Canadá fíxase nos viños de Rías Baixas

A Master of Wine canadense Barbara Philip

A Master of Wine canadense Barbara Philip visitou o pasado venres a Denominación de Orixe Rías Baixas co fin de, nas súas propias palabras, “ampliar os meus coñecementos sobre estes viños e poder dalos a coñecer na Columbia Británica”. Ademais de visitas a varias adegas das subzonas de Val do Salnés e Condado do Tea, esta profesional acudiu á sede do Consello Regulador para participar nunha cata de trinta marcas de viño sen importador en Canadá.

Gran parte das referencias degustadas eran monovarietais, aínda que tamén se incluíron nesta listaxe varios plurivarietais das subzonas do Rosal e Condado do Tea. Tras a cata, Barbara Philip destacou “a alta calidade en xeral dos Rías Baixas”, á vez que augurou que estes viños “poden ter un gran futuro en Canadá”. Ademais, mostrouse “gratamente sorprendida por ?as sutís diferenzas entre uns viños e outros”, aínda que en xeral o que máis valorou é “a súa mineralidade e complexidade”. A Columbia Británica é un mercado ao que lle gusta coñecer novos detalles sobre o mundo da enoloxía. Neste sentido, asegurou que os Rías Baixas “son uns viños premium dirixidos a un público moi específico”.

Por outra banda, Barbara Philip tamén valorou o potencial que os viños amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas teñen na gastronomía. “Son uns excelentes acompañantes para a comida asiática en xeral, e para a chinesa e xaponesa en particular, ademais de resultar ideais para mariscos e peixes”, asegurou.

Mercado en auxe

Encargada da selección de viños europeos dentro da firma British Columbia Liquor Stores, Barbara Philip regresou ao seu país cun coñecemento máis amplo sobre a elaboración dos viños de Rías Baixas, así como das súas principais potencialidades. Unha información que poderá transmitir aos consumidores canadenses, moi interesados en descubrir novas marcas. Neste sentido, a Master of Wine canadense espera incorporar ao mercado da Columbia Británica maior número de referencias amparadas por esta Denominación de Orixe.

Canadá é un dos mercados exteriores en auxe da Denominación de Orixe Rías Baixas. Así, o pasado ano exportáronse a este país un total de 67.038,05 litros de viño, por un valor de 442.343,32 euros. Estas cifras supoñen un incremento dun 5% e un 2%, respectivamente, con respecto aos resultados de 2014.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información