Can Thos, a gandería con mellor índice xenético de España

Ubicada en Tordera, no noreste da provincia de Barcelona, esta explotación familiar combina a produción de leite coa venda de embrións e animais de recría. Galicia é un dos seus mercados principais. Falamos con Pere Serra sobre o traballo na granxa, o futuro do sector e a mellora xenética

Pere Serra, junto a sus vacas en Tordera, en la zona del Maresme de Barcelona

Pere Serra, xunto ás súas vacas en Tordera, na zona do Maresme de Barcelona

Ramaderia Can Thos SL, ubicada en Tordera, no Maresme catalán, é nestes momentos a mellor gandería de España por índice combinado, con un ICO de 3.431 puntos, segundo a última actualización das avaliacións xenéticas de Conafe, correspondente ao mes de xuño, un posto de honra no que repite desde o mes de novembro do 2020. 

É o resultado de anos de dedicación á mellora xenética, concibida nesta gandería como unha ferramenta para conseguir mellores producións de leite na súa propia granxa, e que autofinancian coa venda de embrións e animais de alto valor xenético a outras explotacións de toda España.

Esta gandería catalá é líder actualmente en xenética holstein en España, onde repite como mellor explotación por índice combinado (ICO)

Pere Serra Bigas é actualmente o xerente desta gandería líder en xenética holstein en España. É enxeñeiro técnico agrícola e especializouse en mellora xenética durante unha estancia dun ano en EEUU, onde se formou na Universidade de Minesotta. “Alí foi onde me dei conta de que se utilizabamos todas as posibilidades de mellora xenética na nosa explotación poderiamos incrementar os beneficios”, asegura.

A mellora xenética permite conseguir os obxectivos en produción leiteira reducindo os custos e mellorando as propiedades e a calidade do leite

De volta a Cataluña, no ano 2000, Pere incorporouse a xornada completa á explotación que levaban o seu pai e o seu tío e comezou a aplicar na gandería familiar o que aprendera das ganderías de Estados Unidos, que levaban anos de adianto neste campo con respecto ás ganderías de Cataluña.

Non temos animais preferidos, todos teñen o seu prezo e todos están en venda

“A miña idea era crear un valor engadido ao leite, vía venda de embrións e dalgún macho ou femia de alto valor xenético, para seguir reinvestindo eses ingresos en xenética. Non temos animais preferidos, todos teñen o seu prezo e están en venda. Estamos abertos a todo aquel ao que lle interese un animal noso”, indica.

Pere calcula que entre un 3 e un 5% dos ingresos da granxa proceden a día de hoxe da venda de xenética, tanto de embrións como de machos a centros de inseminación ou femias a outras ganderías, aínda que houbo anos nos que un de cada 10 euros ingresado por Can Thos procedía do negocio xenético.

14 anos traballando con embrións

Dos terneras nacidas fruto de un embrión implantado y dividido dentro de la vaca receptora

Dúas tenreiras nacidas froito dun embrión implantado e dividido dentro da vaca receptora

Unha das claves da mellora xenética desta gandería foi a súa aposta pola implantación de embrións mediante un programa estruturado que en determinados momentos ocupou unha parte importante da actividade da explotación. Desta maneira, puideron acelerar a mellora xenética da explotación de forma máis rápida que coa simple inseminación artificial, obtendo unha importante cantidade de descendentes dos animais de máis alta calidade xenética, aproveitando ademais como receptoras ás vacas menos interesantes.

Obtiveron por segunda vez (en 2007 e 2017) o título de Mestre Criador que outorga Conafe e son habituais nos premios Vaca D´Or que cada ano entrega a Federación Frisoa de Cataluña

“Empezamos en 2007 poñendo embrións. Eu comprara unha tenreira nunha poxa que viña cun contrato de embrións, e a partir de aí empezamos a probar con 1 ou 2 vacas. Por mor diso collemos confianza e houbo momentos que iamos moi lanzados, pero volvemos a poñer os pés no chan e agora usamos só esta ferramenta cando hai demanda ou cando vemos que nos é útil para mellorar nós por esta vía”, admite.

Clientes en Galicia

Personal de Embriomarket realizando tareas de extracción de embriones en Can Thos

Un veterinario de Embriovet&Embriomarket realizando tarefas de extracción de embrións en Can Thos

A empresa galega Embriovet&Embriomarket encárgase de realizar as tarefas de extracción de embrións nesta gandería catalá líder en xenética Holstein e tamén de comercializalos posteriormente. “Realizamos unhas 6 ou 7 extraccións de embrións ao ano en grupos de 6 a 8 animais cada vez. Traballamos con Embriovet& Embriomarket porque son xente especializada”, destaca Pere.

Unha das empresas que comercializa os seus embrións é a galega Embriovet& Embriomarket

O proceso iníciase provocando unha superovulación nas mellores vacas da gandería, que son despois inseminadas, no momento no que se atopan en celo, con seme seleccionado internacionalmente. Tanto a fecundación como a xestación prodúcense dentro do útero da vaca (proceso in vivo).

O futuro dos embrións pasa pola produción in vitro con aspiracións foliculares e sen hormonas

Ao cabo de 7 días retiran eses embrións mediante un lavado uterino (flushing) e implántanos noutras vacas do establo con menor potencial xenético, que actúan a modo de ventres de alugueiro, de maneira que a xestación do animal resultante responde aos criterios hereditarios das mellores vacas da gandería.

Subministran machos a Xenética Fontao mediante convenios de colaboración

“Traballamos cos mellores touros do mercado, con todos aqueles que se adapten á nosa maneira de pensar, dáme igual de onde sexan. É seme caro, unha soa dose pode chegar a custar 150 ou 200 euros”, explica. Proceden dos mellores touros de EEUU, Canadá, Países Baixos, Alemaña ou Italia, pero tamén de empresas españolas como Xenética Fontao, á que tamén fornecen machos para sementais. “O macho xenómico número 10 de España, Thos Saturn Greco, saíu de aquí e foi vendido a Fontao nun convenio de colaboración”, detalla.

Todo o establo está xenotipado

A los 8 días de vida realizan la prueba genómica a todos los animales que nacen para conocer su potencial en producción y otros aspectos

Aos 8 días de vida realizan a proba xenómica a todos os animais que nacen para coñecer o seu potencial

Ao contrario do que fan na actualidade a maioría de explotacións enfocadas á produción láctea, non usan seme sexado, nin nas vacas seleccionadas para embrións nin nas xovencas. “Non usamos nada de sexado, porque calquera macho que naza é un potencial candidato ter bos indices, e a poder ser ofrecido a un centro de inseminación, polo que todas as xovencas son inseminadas con seme convencional, xa que todas teñen indices xenéticos altos.”, indica.

Para asegurarse, aos 8 días de vida extraen unha mostra de sangue ás tenreiras para así, mediante a técnica do xenotipado, coñecer o seu potencial produtivo futuro. “Tal como está o prezo do leite e o mercado de animais, non podemos criar a todas as tenreiras, só a aquelas que mellores resultados obteñen nesta proba xenómica. Descartamos as que darán menos leite ou terán máis enfermidades”, explica Pere.

O ano pasado vendemos as dúas primeiras tenreiras de alto valor xenético a dúas granxas de Galicia

Do mesmo xeito que os seus embrións, algúns dos seus mellores animais tamén acabaron en ganderías galegas, como Thos Discjockey Alicia ou Thos Guardian Alumet, que con 4.847 de ICO a día de hoxe e número 1 factor vermello sen cornos, está en Prevediños (Touro) na gandería de Álvaro Martínez Suárez.

Animais equilibrados

Thos Duke Llumina que fue nº1 de vacas genómicas de Conafe en la paridera de la granja

Thos Duke Llumina, que foi nº1 de vacas xenómicas de Conafe, na parideira da granxa

Queren contar cun rabaño uniforme e equilibrado e que a súa granxa non destaque nun único aspecto, por iso buscan animais o máis completos posible, con boa morfoloxía, potencial xenético e produción de leite.
“Tentamos ser equilibrados en todo. Sempre me gustou máis traballar a nivel de granxa que a nivel de animal individual. O acoplamento individual só o usamos para embrións, pero despois traballamos máis en grupo, é máis cómodo e non tes que ter 50 touros no tanque”, razoa Pere.

Priorizamos produción de leite, bos ubres e saúde podal

“Priorizamos leite, 0 en graxa e proteína, bos ubres (touros con máis de 2 en índice de ubres) e saúde podal, que pensamos que é máis importante que céculas somáticas, porque a maioría de machos xa son resistentes e, pola contra, a saúde podal ten maior percorrido a longo prazo”, detalla.

Gando A2A2

Zona de boxes de terneras y machos lactantes

Usan seme dos mellores touros a nivel mundial e con acoplamentos individuais só para os embrións

Levan anos seleccionando tamén aos seus animais pola kapa caseína A2. “Seleccionamos ás vacas que posúen esta proteína e cruzámolas con machos que tamén a posúen. Así conseguimos moi rápido cambiar o perfil do noso rabaño. Ao redor do 50% é xa A2A2 e menos do 10% A1A1”, indica Pere.

O 50% da nosa produción xa é A2A2

“Moitas granxas están a tentar ter canto antes toda a produción A2A2 buscando un valor engadido do leite. Ao ser consumida por máis público, pola súa mellor asimilación, espérase que teña máis prezo, como sucede xa en EEUU, aínda que aquí de momento non se paga. Por iso, cando alguén nos compra un embrión escolle normalmente que sexa sexado e A2A2. Se é para nós tamén se ten en conta aínda que non por encima doutros parámetros”, explica.

“O obxectivo segue sendo producir leite; a xenética é un hobbie que nos aporta ingresos complementarios”

Pere, junto al lote de novillas de recría

Pere, xunto ao lote de xovencas de recría, unha das partes esenciais da gandería

A gandería Can Thos, situada na zona do Maresme, conta na actualidade cunhas 400 cabezas totais, das que unhas 250 son vacas en produción. Producen unha media anual de 8.300 litros diarios que entregan a Làctia, a empresa creada en 2016 pola cooperativa andaluza Covap para abastecer a Mercadona en Cataluña.

Aínda que unha parte dos ingresos da granxa proceden hoxe da venda de xenética, tanto embrións como animais, “o obxectivo final da gandería segue sendo a produción de leite”, asegura Pere. “A xenética é un hobbie que nos achega ingresos complementarios de cando en vez e axúdanos a seguir adiante nese ámbito, pero o que me paga as facturas é a venda diaria de leite ”, afirma.

A xenética é un hobbie que non quero que me custe diñeiro, pero eu tento ter animais de alto valor xenético para producir leite todos os días, que é o que me paga as facturas

O obxectivo de produción anual de Can Thos para este ano 2021 con 250 vacas en muxidura é alcanzar os 3,2 millóns de litros de leite, con 36,1 litros de media por vaca lactante e un 7,6% de vacas secas.

“A graxa non nos interesa”

En la selección genética priorizan producción de litros de leche, ubres y salud podal

Na selección xenética priorizan produción de litros de leite, bos ubres e saúde podal

Nesta gandería catalá apostan pola calidade hixiénico-sanitaria do leite, máis que polos niveis de sólidos, con porcentaxes do 3,21% de graxa e 3,48% de proteína. “A nosa filosofía de traballo sempre foi traballar con pouca graxa e con moitos litros de leite. Negociamos un contrato coa empresa para que nos penalizasen o menos posible na graxa, porque nunca chegabamos aos mínimos, e compensando iso con outros factores, como bacterioloxía e células somáticas”.

Producen unha media de 8.300 litros diarios que entregan a Làctia, a empresa de Covap en Cataluña para abastecer a Mercadona

No seu contrato con Làctia o prezo base son 325 euros por tonelada, cun 3,70% de graxa. Descóntanlles 1,5 euros por décima de graxa (a proteína non se ten en conta) e reciben uns 10 euros por dobre A en calidade hixiénica. “A graxa e a proteína van camiño de valer cero nesta zona, onde o que producimos é leite líquido. A proteína no noso caso non se paga e a graxa vai polo mesmo camiño”, opina.

Minimizar os días improdutivos

Zona de boxes de terneras y machos lactantes

Zona de boxes de tenreiras e machos lactantes

Todo o sistema de manexo da granxa vai encamiñado a este obxectivo da produción de litros de leite, buscando minimizar os días improdutivos dos animais. “Tentamos que todos os animais pairan ao primeiro parto entre os 20-21 meses, así temos 90 días máis de produción con respecto ás ganderías que levan a parto ás xovencas con 24 meses e o noso período de secado é de 55 días. O obxectivo final é ter o mínimo de días improdutivos, nos que a vaca só come e caga, pero non dá leite. Eses días inútiles non me gustan e intento minimizalos,”, afirma.

Esperan un mínimo de 200 días en leite para empezar a inseminar e teñen en conta o estado corporal do animal e a súa produción

En materia de reprodución baséanse nese mesmo obxectivo e aplican un sistema distinto de traballo no que o período de espera voluntario vai en función da produción de leite do animal. “Queremos lactacións rendibles que che dean diñeiro. Muxir unha vaca de poucos litros non ten sentido, por iso en vacas adultas inseminamos cando baixan de 40 litros e nas primeirizas cando baixan de 38”, detalla.

Lograr vitalicias de 40.000 litros

CAN THOS (Barcelona) bienestar

Máis ca vacas moi lonxevas, o que buscan son animais capaces de dar moitos litros en poucos partos, o que significa que son moi persistentes e teñen un intervalo entre partos moi longo

Ese mesmo criterio de redución do número de días improdutivos dos animais aplícano aos descartes. “Unha vaca por moi número un que sexa se non é rendible non me vale para nada, por encima de todo tentamos ser rendibles ”, afirma Pere.

Unha vaca por moi numero un que sexa se non é rendible non me vale para nada

Por iso, di, a lonxevidade non é un obxectivo en si mesmo, igual que non o é a redución dos días abertos, o período que pasa desde o parto á seguinte preñez. “Queremos vacas que teñan persistencia, é dicir, que poidan producir moitos litros sen necesidade de preñalas. É máis importante para min iso, que dean leite moitos días, que o feito de que me duren moitos anos. Porque cada 4 partos perdes unha lactación e cada parto é para min unha tensión importante e unha molestia, ademais de supoñer un parón de produción nos 60 días anteriores”, argumenta.

Calculamos que ao longo da súa vida unha vaca debe producir uns 40.000 litros de leite; unha vaca que baixa de 25 litros diarios non é rendible

Por iso, en Can Thos hai vacas con 9 partos e 110.000 litros producidos, porque manteñen altas producións e empreñan aos 250 días sen problemas, e outras que abandonan o establo moito antes. A media de produción vitalicia no momento de saída a matadoiro sitúase habitualmente entre os 40 e os 41.000 litros, aínda que a media do ano pasado caeu ata os 37.000 litros. “Varias xovencas recén paridas romperon pernas por un problema de patios mal raiados e tivemos que mandalas”, xustifica.

A mamite non é un problema nesta granxa e os casos de reabsorcións son moi puntuais, polo que a maioría de descartes que fan prodúcense por baixa produción ou coxeiras. Por iso, insiste Pere, “intento que a saúde podal sexa un punto de selección importante tanto nas vacas das que recriamos como dos touros cos que as inseminamos”.

Loitar contra a calor

CAN THOS (Barcelona) instalaciones

Aproveitan a brisa do mar para ventilar de forma natural as naves sen necesidade de usar ventiladores

Producir leite na zona do Maresme catalán non é facelo en Galicia. Un dos problemas é o estrés por calor no verán, pero os seus efectos no gando poden mesmo dilatarse no tempo. “A baixada en leite pode ser de 3 ou 4 litros por vaca, pero o problema é cando en agosto, que é o punto crítico, hai moita temperatura e humidade durante varias semanas, xa que ás vacas cústalles recuperar despois en setembro e outubro”, explica Pere.

Os animais téñense que adaptar á zona onde están pero a baixada en leite pode ser de 3 ou 4 litros

En Tordera, onde se atopa a granxa, no inverno o clima é suave pero no verán aos 35 graos de temperatura súmase “unha humidade brutal”. Can Thos adaptou o seu establo de produción para aproveitar a circulación do aire. “Só temos dous ventiladores forzados, o resto é ventilación natural. Adaptamos as estruturas para ter unha ventilación óptima coa brisa que vén do mar e poder aproveitala ao máximo. Con ese movemento de aire mantemos aos animais fríos sen ter que poñer auga ou máis ventiladores. O investimento respecto ao retorno non sería adecuado, por como é a estrutura das naves”, asegura.

De maíz a sorgo por culpa do xabarín

Al lado de las instalaciones de la granja disponen de 5 hectáreas de regadío cuyo cultivo principal es el sorgo

Ao lado da granxa dispoñen de 5 hectáreas de regadío cuxo cultivo principal é o sorgo

O clima seco tamén condiciona a produción forraxeira. A gandería dispón de 40 hectáreas de superficie, pero só 5 delas son de regadío e o resto é secaño. Pero máis aló da escaseza de precipitacións, o principal problema para a produción forraxeira é o xabaril.

Os seus cultivos principais son agora o sorgo en rotación con avea e raigrás. O millo teñen que compralo, entre 2 e 3 millóns de quilos ao ano para ensilar

“Na zona de regadío sementabamos millo, pero o xabaril esnaquizábanos todo o cultivo e tivemos que deixar de botalo e substituílo por sorgo. No sorgo o xabaril só vai durmir, pero non o esnaquiza como fai co millo”, relata Pere.

En la pradera permantente siembran una combinación resistente a la sequía

Na pradeira permanente sementan unha combinación de alfalfa, raigrás e bromus resistente á seca

Así pois, nestas 5 hectáreas de regadío fan agora dous cortes de sorgo e antes de sementar o sorgo un corte de avea con raigrás, aínda que “este cultivo anterior non todos os anos podemos facelo”, aclara.

Na pradeira permanente sementan unha combinación de leguminosa (alfalfa) e gramíneas (raigrás e bromus) con boa resistencia á seca

Na zona de secaño, a maioría está a prado permanente, cunha mestura resistente á seca de alfalfa, bromus e raigrás, aínda que un 10% da superficie está destinada tamén a sementar de sorgo en rotación cun cultivo de primavera de avea e raigrás.

A mesma ración todo o ano

CAN THOS nave producion

Can Thos non logra ser autosuficiente en produción forraxeira para as súas 400 cabezas de gando. “Compramos todo o silo de millo, temos xente que nos sementa para nós por esta zona, son agricultores que teñen as súas fincas preparadas contra o xabaril. Necesitamos habitualmente entre 2 e 3 millóns de quilos de millo ao ano. Alfalfa compramos cada vez menos, só usamos medio quilo por vaca. Tamén compramos soia, fariña de millo e algo de colza para mesturar co complexo de minerais”, enumera Pere.

As vacas en produción comen silo de sorgo, silo de millo, alfalfa, soia, colza con minerais e fariña de millo

“Nós apostamos por unha ración simple que tentamos cambiar o mínimo posible dentro do ano. Iso axuda a que os animais manteñan o seu mesmo estado de rumen e produción e a minimizar os días improdutivos”, asegura.

Altos custos de produción

O xerente da gandería número un tanto de Cataluña como a nivel estatal asegura que só mellorando o rabaño no seu conxunto grazas á mellora xenética pódese manter a rendibilidade da explotación nestes momentos de altos custos de produción e marxes tan estreitas.

Chegar a fin de mes neste momento é un suplicio. Se a cousa segue así ata final de ano haberá moitos peches

“Disparáronse os custos de produción moitísimo, chegar a fin de mes neste momento é un suplicio. Tentamos traballar con futuros pero ás veces non logras pechar un bo prezo. O contexto non é diferente en Cataluña a respecto doutros sitios pola carestía do millo e a soia. Polo momento imos aguantando, pero a xente empeza a ir moi apurada xa e haberá moitos peches se a cousa segue así ata final de ano”, prognostica.

Problemas de man de obra

A pesar da súa profesionalización e o seu funcionamento empresarial, Can Thos segue sendo unha explotación familiar na que Pere actúa de “xerente e traballador para todo” apoiado por outros tres empregados para o traballo na granxa.

Muximos dúas veces ao día nunha sala convencional pero teño xa proxecto para montar robots pola falta de persoal

Do mesmo xeito que sucede noutros lugares, como en Galicia, as dificultades para atopar man de obra son xeneralizadas en Cataluña. “É horroroso”, salienta Pere. Na súa gandería están a muxir unhas 250 vacas dúas veces ao día nunha sala convencional e nin se plantexa poder facer tres muxiduras ante a falta de persoal.

Catro xeracións e máis dun século de actividade

Novillas en el pasto al lado de la explotación

Xovencas no pasto ao lado da explotación, que iniciou o bisavó de Pere a principios do século XX

A historia desta gandería catalá remóntase a principios do século XX, cando o bisavó de Pere comprou a masía cunhas cantas vacas. “Nesta zona as casas de payés eran autosuficientes. Traballaban o campo e tiñan a súa vaca. Estamos á beira da costa e o turismo empezou a tirar moito de produtos como o leite e as verduras. Na zona máis de costa especializáronse en produción de verdura e máis cara ao interior, onde estamos nós, fixémolo en produción de leite”, conta Pere.

O meu bisavó empezou con 7 ou 8 vacas para subministrar aos pobos turísticos da costa

A necesidade de leite, tanto polo turismo como polo consumo crecente en cidades como Barcelona, fixo que en 1960 construísen un establo con sistema canadense para 60 vacas atadas en muxido directo. Vendían, a través de intermediarios, a hoteis da costa situados en localidades próximas, como Blanes, Lloret de Mar ou Calella.

En 1970, xa co seu pai Ramón e o seu tío Joan á fronte da gandería, pasáronse a estabulación libre, construíndo unha granxa coa forma típica das explotacións catalás desta época, con zona de descanso e corredor de alimentación en forma de T, sala de muxido 2×8 nunha punta e cama quente para o gando. Variaron entón o destino final do leite, especializándose en fornecer á industria, cunhas 70 vacas en produción.

Trala incorporación de Pere no ano 2000, ao volver de EEUU, a gandería seguiu medrando cunha aposta decidida pola mellora xenética, mantendo a venda de leite á industria como negocio prioritario pero sumando ingresos complementarios pola diversificación coa venda de embrións e animais vivos, un camiño no que continúa desde entón. 

  • Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial de Embriovet&Embriomarket

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información