O aumento dos custes de produción no sector agrogandeiro está motivando o desenvolvemento da innovación e da investigación no entorno das materias primas. A mestura para o gando foi o punto de atención da xornada organizada o pasado mércores no concello coruñés de Mazaricos por Fertiprado, en colaboración con Fertiberia Tech, Botica do Xallas e a SAT Busto-Corzón. O obxectivo era amosar sete campos demostrativos diferentes con distintas solucións de mesturas anuais biodiversas de herba, todas elas ricas en leguminosas.
Neste caso examináronse as posibilidades de mesturas de herba para un só corte e caracterizadas pola alta cantidade de produción e por elevados contidos en fibra e proteína. A finalidade destes ensaios centrouse en extraer conclusións a cerca da viabilidade da produción de forraxes propias, baixo as condicións de uso, climáticas e dos solos presentes en Galicia. Os resultados cumpriron as expectativas dos promotores dos campos de ensaio, permitíndoos incentivar a posta en marcha destes cultivos.
Iniciativa, variedades utilizadas e pauta de abonado
“A adaptabilidade das mesturas biodiversas a Galicia, e a mellora continua dos nosos produtos levounos a promover o desenvolvemento destes campos de ensaio coas posibilidades máis adaptadas a esta rexión”, explica o xestor de produto de Fertiprado, Joel Presa. Deste xeito, o ano pasado, a empresa portuguesa Fertiprado planificou, en colaboración con Fertiberia Tech e a Botica do Xallas, a posta en marcha dun campo de ensaio de cultivos anuais de herba biodiversos, sementando en franxas sete mesturas diferentes. A superficie utilizada forma parte da propiedade da gandería de vacún de leite SAT Busto-Corzón (Mazaricos).
Para levar a cabo esta comprobación a pé de campo, seleccionáronse sete tipos diferentes de mesturas anuais, seis delas concibidas para a alimentación gandeira, e unha última unicamente de leguminosas destinada á captación de nitróxeno como abono verde para un posterior cultivo de millo.
Na parcela 1 plantouse ‘Speedmix XL’ (30 kg/ha); na 2, ‘Fertifeno XL’ (35 kg/ha); na 3, ‘Avex AC’ (40 kg/ha); na 4, ‘C-Mix AC’ (40kg/ha); na 5, ‘Centauro AC’ (40g/ha); na 6, ‘Tritimix L’ (65kg/ha); na 7, ‘Max AC’, para enterrar e así producir abono verde e captar nitróxeno, nunha proporción de 35 kg/ha.
Dentro das seis primeiras mesturas forraxeiras, destacaron as variedades de leguminosas, tales como o trevo persa Maral, trevo vesiculoso Fertiseta, trevo squarroso Fertirrosa e a veza villosa Amoreiras combinadas con varios tipos de raygras e cereais.
Na parcela unicamente de leguminosas as especies cambian radicalmente pasando a formar parte da mestura variedades como a serradella Orniferti, trevo encarnado Diogene, veza Piedade, tremocilla Mister e Baryt, Altramuz Karo e Rumba.
Estas variedades foron sementadas o 13 de outubro do ano pasado, cunha única pauta de abonado de 500 kg/ha de abono de Fertiberia ‘Corbigran’, introducida o 25 de febreiro de 2022. Neste caso “Fertiberia Tech apostou por unha fertilización máis sostible con menos unidades de aplicación, para que sexa mellor tanto para o gandeiro como para o medio ambiente, sen ter que recorrer a abonos nitroxenados que supoñen un aumento dos custes de produción”, detalla o director rexional de Fertiberia Tech, Nemesio García.
Resultados e conclusións obtidoas: “Redúcense entre un 60 e un 70% os custes de abonado”
“Aínda falta entre unha ou dúas semanas para rematar e facer o ensilado”, avanza Joel Presa, pero cun ciclo de cultivo case completado, as agrupacións que levaron a cabo o proxecto organizaron unhas xornadas para a presentación dos resultados nos campos demostrativos. O xerente da Botica do Xallas, Pepe Agra, explicou que “cómpre partir da satisfacción percibida pola produción obtida cunha redución dun 60-70% dos custes de abonado”.
Pola súa parte, o presidente da SAT Busto-Corzón, José Manuel Fernández, afirmou que “coa semente de Fertiprado, notamos un aforro bestial este ano porque practicamente non utilizamos nada de purín e apenas abonamos”. Ademais, o gandeiro conclúe facendo fincapé en que “hai unha gran forraxe, e pensamos que imos sacar unha gran cantidade de quilos e cunha gran calidade en base a proteína”.
O punto de vista do xestor de produto de Fertiprado, respalda as percepcións de José Manuel, explicando que “se demostrou que é posible producir forraxes de alta calidade, optimizando recursos e utilizando menos abonos nitroxenados; de feito, obsérvase como herbas como o raygrass ten boa cor e bo tamaño grazas ao aporte das leguminosas e á biodiversidade da semente, polo que en Galicia pódese conseguir producir reducindo costes”.
En conclusión, Joel Presa cree que “este tipo de mesturas biodiversas ricas en leguminosas (MBRL) son unha boa solución para a rotación de cultivos, protección do solo, fomento da biodiversidade e redución da pegada de carbono nas explotacións introducindo prácticas de agricultura rexenerativa”.