Campomayor impulsa a súa primeira convención para abordar os retos do sector do ovo en Galicia

A compañía celebrará o 10 de outubro un encontro que reunirá en Lugo a 300 persoas, entre clientes, provedores, distribuidores e colaboradores

xornada ovo campomayor 3Con máis de 80 anos de vida, a empresa Campomayor estivo comprometida desde os seus inicios coa excelencia, a innovación e o respecto pola contorna, intensificando nos últimos anos a súa aposta pola investigación, o desenvolvemento de novos produtos e a colaboración co ámbito científico e gastronómico.

E precisamente froito dese espírito é a primeira convención que organizou para o próximo día 10 de outubro en Lugo, onde reunirá a 300 persoas no Auditorio Fuxan os Ventos para compartir coñecemento, xerar sinerxias e reflexionar sobre os grandes retos de futuro do sector.

Así o adiantaron este martes María Caridad García, CEO de Campomayor, e Rodrigo García, director comercial da compañía, que estiveron acompañados na presentación polos concelleiros Maite Ferreiro Tallón, responsable de Cultura, Turismo, e Promoción da Lingua, e Alexandre Penas Roibás, de Infraestruturas Urbanas.

A Primeira Convención de Clientes de Campomayor reunirá a todo o ecosistema que forma parte da compañía: clientes, provedores, distribuidores e colaboradores. “Queremos que esta convención sexa un espazo de diálogo e de construción conxunta”, sinalaron, “no que reforcemos a proximidade que sempre caracterizou a nosa relación con quen fai posible o noso proxecto”.

Ademais, como antesala da convención, o día 9 abriranse as portas das instalacións “para que os invitados poidan coñecer de primeira man a nosa historia, o noso proceso produtivo e a aposta pola calidade e innovación que nos define”.

“Non se trata unicamente dun evento de networking”, sinalan desde a compañía. “O noso propósito é compartir, aprender e crecer xuntos como comunidade. Contaremos cun aforo de 300 persoas, que contamos encher ao completo, e coa participación de profesionais de primeiro nivel do mundo da restauración, do retail e do sector do ovo, ademais de chefs, relatores de ámbito nacional e artistas que farán da xornada unha experiencia única”.

Ademais, tamén chamaron a atención sobre a data elixida, que “non pode ser máis simbólica”, din, “xa que coincide co Día Mundial do Ovo, o que reforza o significado deste encontro e convérteo nun momento especialmente relevante para todos os que formamos parte desta cadea de valor”.

A Convención de Clientes de Campomayor, que se celebra por primeira vez, nace con vocación de continuidade. “Queremos que esta convención sexa só o inicio dun camiño, o primeiro de moitos encontros que sigan fortalecendo os lazos entre empresa, territorio e sociedade”, afirman.

Pola súa banda, a edil responsábel da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, destacou os múltiples usos do auditorio municipal Fuxan os Ventos, “un espazo útil tanto como centro cultural de relevancia e que serve tamén para convencións deste estilo”. Ferreiro destacou que a área de Cultura anunciará proximamente “a intensa programación dos dous auditorios para os últimos meses do 2025.

Ferreiro afirmou que “traballamos para converter a Lugo nunha cidade referencial para eventos especializados, relacionados coa promoción dos productos da nosa terra recoñecidos a nivel internacional”.

O programa contará con mesas temáticas, presentacións e espazos de debate que reunirán a profesionais do ámbito gastronómico, representantes da distribución e axentes craves do sector.

SOBRE CAMPOMAYOR

Fundada en 1942, Campomayor é unha empresa dedicada á produción e comercialización de ovos para consumo humano e os seus derivados (ovoproductos). Cada día saen das súas instalacións ao redor dun millón de ovos, o que supoñen máis de 30 millóns de ducias ao ano. O Complexo de Campomayor naceu no pequeno municipio que leva o seu nome, no que se atopan as instalacións orixinais aínda en activo, e esténdese por varios puntos da xeografía galega: Ximonde, en Palas de Rei, onde se atopa a planta de clasificación e envasado, e a día de hoxe centro neurálxico da empresa; Boimorto (A Coruña), onde se atopa un complexo de galiña campera de Campomayor, e Vilalba, onde está o complexo de ovo ecolóxico de Campomayor.

A compañía conta cunha ampla gama de produtos que abarcan desde o ovo tradicional, o campero, o ecolóxico e as especialidades. Todos os produtos son froito dunha filosofía de traballo que se sustenta en esforzo, calidade e crecemento sólido e sostido, e están recoñecidos entre os mellores do sector alimentario a nivel nacional.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información