Campo Galego recibe o Premio Semente á divulgación dos valores rurais

A II edición dos Premios Semente coroa a 11 proxectos e entidades na súa gran gala do rural en Piñeira Seca. O evento, organizado polo Concello de Xinzo de Limia, serviu como broche de ouro á semana do agro e destacou a forza do sector primario, o relevo xeracional e o protagonismo da muller rural.

premios semente xinzzo 3 O Concello de Xinzo de Limia celebrou cun éxito rotundo a gala de entrega da II Edición dos Premios Semente, os grandes galardóns da pataca e o cereal de Galicia. O evento, que este ano trasladouse de forma pioneira á Casa da Brea, no lugar de Piñeira Seca, reuniu este venres a autoridades, profesionais do sector e veciñanza nunha noite de auténtica reivindicación e orgullo rural.

A velada comezou coas intervencións institucionais. A Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, tomou a palabra para reafirmar o compromiso do goberno autonómico co desenvolvemento e apoio ao noso agro. Pola súa banda, o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz Penín, ofreceu un discurso moi emotivo centrado na necesidade de dignificar o traballo no campo e na acertada decisión de levar a gala á contorna rural, servindo ademais como colofón perfecto ás xornadas “Ruralmente” impulsadas polo GDR Limia-Arnoia ao longo da semana: “Para min era moi importante sacar esta gala dos despachos e dos auditorios. Os premios do noso agro tiñan que entregarse no rural. Porque aquí, en Piñeira Seca, é onde manchamos as mans de terra. Aquí é onde traballamos, onde suamos e onde nace a nosa riqueza”.

O rexedor quixo tamén dirixirse directamente a todos os galardoados da noite, encomiando o seu traballo diario: “Sodes o orgullo da Limia e sodes o espello no que debemos mirarnos para seguir sementando xuntos o futuro”, sinalou.

Posteriormente, e como antesala á entrega de premios, o acto puxo o foco no rigor académico e os datos obxectivos. O profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Francisco Jesús Ferreiro Seoane, foi o encargado de presentar o estudo “Análise do Sector da pataca e a súa importancia na comarca da Limia”, demostrando con cifras o músculo económico e a transcendencia vital deste cultivo para toda a comunidade galega.

O Rexistro de Gañadores

O momento máis agardado da noite foi a apertura dos sobres e a entrega dos 11 galardóns. O certame estivo marcado polo alto nivel das candidaturas e polo rigor dun xurado técnico que tivo a difícil tarefa de decidir os premiados desta edición de 2026. Unha das grandes sorpresas da velada foi o Premio Especial Semente, desvelado en directo polo propio alcalde de Xinzo e o alcalde de Coristanco, Juan Carlos Pose, que recaeu sobre o grupo Vegalsa-Eroski en recoñecemento á súa aposta incondicional pola comercialización do produto local.

Palmarés Oficial – Premios Semente 2026

Excelencia Innovadora: Harinas Hermanos Reyes

Traxectoria Empresarial: Gallega de Patatas, S.L.U.

Muller Rural: Melani Araujo García

Compromiso Ambiental: Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde

Produto Local do Ano: Festa da Pataca de Vilar de Barrio

Investigación Agraria: Campus Auga Ourense (Universidade de Vigo)

Proxecto Gastronómico: Campeonato de España de Tortilla de Patatas

Repercusión Local: GDR 10 Limia-Arnoia

Divulgación de Valores Rurais: Campo Galego

Xoven Emerxente: Abel Sotelo Castillo

Premio Especial Semente: Vegalsa-Eroski

A velada rematou cunha degustación de produtos locais e o aplauso unánime aos premiados, poñendo o broche de ouro á gran festa do sector agroalimentario galego e consolidando aos Premios Semente como a cita ineludible do calendario do sector primario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información