‘Campo Galego’ promove un debate sobre propostas para o agro na próxima lexislatura

O acto, organizado en colaboración co Campus Terra da Universidade de Santiago, desenvolverase este venres 26 na Escola Politécnica Superior de Lugo, con participación de voceiros do PP, PsdeG-PSOE, Galicia en común, BNG e Marea Galeguista

‘Campo Galego’ promove un debate sobre propostas para o agro na próxima lexislatura

Paisaxe agraria do interior de Lugo. / Arquivo.

Que medidas se deben adoptar desde o Goberno galego para o agro na próxima lexislatura?. Ese é o punto de partida do debate que organiza Campo Galego, conxuntamente coa Universidade de Santiago (USC), este venres 26 en Lugo. O foro contará coa participación de voceiros do PP, PsdeG-PSOE, Galicia en común, BNG e Marea Galeguista.

Entre os temas que se abordarán no debate, figura a coxuntura actual dos distintos sectores, marcada pola crise do coronavirus, e cuestións de inminente futuro, como as políticas que se implementarán na PAC 2021-2027. Abordaranse ademais prioridades estratéxicas para o agro, como son o relevo xeneracional ou o aumento da base territorial, así como os retos de futuro no ámbito gandeiro, agrícola e forestal.

O debate desenvolverase este venres 26 a partir das 17 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo (Campus Terra, USC). O aforo será limitado polas restriccións preventivas derivadas do coronavirus, polo que poderase asistir exclusivamente por invitación ou mediante inscripción previa, que deberá facerse ó correo electrónico comunicacion@campogalego.com. Entre os asistentes manterase distancia social e usaranse mascarillas. A maiores, o evento retransmitirase por Facebook Live a través da conta de Campo Galego nesta rede social.

Estrutura do debate
O reitor da USC, Antonio López, abrirá este foro de análise e debate sobre o medio rural promovido por Campo Galego xunto coa USC cun breve acto de acollida aos relatores, así como ó público participante.

O debate, que estará moderado polo xornalista de Campo Galego Camilo Friol, contará coa participación de José Balseiros (PP), director xeral de Gandería e Agricultura no último periodo da actual lexislatura; Manuel Marey (PsdeG – PSOE), catedrático da Área de Proxectos de Enxeñería da USC; Marcos Cal (Galicia en Común), voceiro de Medioambiente no Parlamento do Grupo Común da Esquerda; Xosé Luis Rivas ‘Mini’ (BNG), voceiro da súa formación no Parlamento en materia de agricultura e gandería; e Iván Rodríguez (Marea Galeguista), xeólogo ambiental e traballador do Sindicato Labrego na comarca da Mariña.

A sesión rematará cunha quenda aberta de preguntas, durante a que o público presente poderá trasladar a súas interpelacións aos voceiros das formacións políticas representadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información