Campo Capela: un pequeno paso para facer aos gandeiros donos do seu leite

A cooperativa Campo Capela empezará este ano a vender iogures e leite pasteurizado, aumentando a súa oferta de queixos. Espera incrementar en 2016 nun 25% o leite que transforma.

Campo Capela: un pequeno paso para facer aos gandeiros donos do seu leite

Produtos que neste momento está a elaborar a Cooperativa Campo Capela

A cooperativa Campo Capela márcase como obxectivo para este 2016 seguir avanzando na transformación do leite dos seus cooperativistas e aumentar a súa oferta de derivados lácteos, comercializando tamén leite pasteurizado baixo a súa propia marca así como iogures.

Esta cooperativa do concello coruñés da Capela, en plena comarca do Eume, decidiu hai dez anos comezar a transformar o leite dos seus cooperativistas, 43 gandeiros dos concellos da Capela, As Pontes, Neda e San Sadurniño. O obxectivo non era outro que sacar máis valor engadido ao leite, mellorar os prezos para os gandeiros e crear postos de traballo.

Neste momento, Campo Capela recolle algo máis de 340.000 litros ao mes, dos que uns 90.000 son transformados na propia cooperativa e o resto véndenllo como primeiro comprador a outros fabricantes e compradores. O prezo medio para os seus gandeiros cooperativistas no 2015 foi de 30 céntimos o litro máis calidades e super A.

Ana Vence: “Este ano queremos aumentar nun 25% o leite que transformamos na propia cooperativa”

“O noso obxectivo para este ano é aumentar nun 25% o leite que transformamos na propia cooperativa”, avanza Ana Vence, responsable comercial de Campo Capela.

Salienta que “se trata dun leite de gran calidade, super A, ao tratarse de ganderías de pequeno ou mediano tamaño que basean a alimentación do gando principalmente nos pastos”. A este respecto, Ana Vence pon en valor as calidades deste tipo de leite, cunha media de graxa por riba do 3,85 e picos de 4,18, unha proteína de 3,20 e unha porcentaxe alta de ácidos graxos Omega 3. “É un leite especialmente idóneo tanto para a elaboración de queixos como para outros derivados lácteos”, subliña.

Neste sentido, a responsable comercial de Campo Capela anuncia que “este ano queremos ampliar a fábrica para empezar a elaborar iogures, envasar leite pasteurizado e sacar tamén máis produtos do soro”. Esta ampliación da actual queixería, na que neste momento traballan 8 persoas, suporá un investimento de arredor de 200.000 euros.

O seu queixo “O Mouro” ven de ser premiado en León como o mellor queixo de pasta branda de España

“Temos claro que o noso futuro está en elaborar produtos lácteos de calidade e diversificar a nosa oferta”, recoñece Ana Vence. Así, xunto ao tradicional queixo país, que segue representando a maior parte das súas vendas, tamén elaboran unha ampla gama de queixos en distintos formatos: Queixo Tetilla, Queixo Fresco, Queixo con Chourizo Celta, así como manteiga, nata fresca, requeixo, crema de requeixo ou mesmo licor a partir de soro lácteo. O seu mercado concéntranse nun 80% na provincia da Coruña, un ámbito xeográfico no que ven posibilidades de crecemento sen descoidar a exportación fóra de Galicia.

 “Queremos ir a formatos de menor tamaño e elaborar queixos con leite cru”

A súa última novidade no mercado é o queixo “Mouro”, un queixo de pasta branda con 60 días de maduración que no pasado mes de decembro foi premiado coa Etiqueta de Ouro ao mellor queixo de pasta branda no Salón do Queixo celebrado en León, e no que competiu con 150 queixerías de toda España.

“Trátase dun queixo de 3 quilogramos, con textura cremosa e sabor suave e con baño de manteiga por fóra, que confiamos que terá unha boa aceptación comercial”, asegura a responsable comercial da cooperativa Campo Capela.

Ana Vence tamén salienta a boa aceptación que está a ter entre os consumidores o queixo de roda de 5 kilogramos. De todas formas, a súa aposta de futuro “é por queixos de 480 gramos de peso medio, e a longo prazo esperamos elaborar queixos de formatos máis pequenos”. Este tipo de presentacións de menor tamaño son cada vez máis demandadas para agasallos de voda en forma de cestas de queixos, un nicho de mercado no que a cooperativa Campo Capela tamén está a abrir un oco.

Outra vía que Campo Capela quere explorar de cada ao futuro é a elaboración de queixos con leite crú. “Temos unha materia prima de primeira calidade que parte do pastoreo das vacas e co leite cru mantense toda a personalidade do leite e os seus diferentes matices segundo a tempada no ano”, explica Ana Vence.

“Ao principio houbo gandeiros aos que lles custou apostar pola transformación: hoxe veno moi claro”

A aposta por quitarlle valor engadido ao leite a través da transformación con produtos de calidade é a clave na que todos os expertos coinciden como vía de saída á actual situación de baixos prezos e incerteza que padecen os gandeiros galegos e de gran parte da Unión Europea.

Cun proxecto modesto pero valioso e exemplar, Campo Capela decidiu hai dez anos levalo á práctica facendo aos gandeiros cooperativistas donos da transformación do seu leite.

Queixo Mouro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información