Unha concentración en Xinzo de Limia deu inicio a unha campaña do Sindicato Labrego en demanda de melloras para o vacún de carne. A organización agraria fixo unha entrega de propostas de medidas a todas as formacións políticas do Concello, centradas en cuestións como a crise de prezos ou a alza dos custos de produción. Son propostas que tanto a alcaldesa de Xinzo como o alcalde de Vilar de Barrio se comprometeron a levar ós seus respectivos plenos municipais, de cara a dirixirllas á Xunta.
“Estamos vendo como continuamente están a aumentar os nosos custos de produción; como non existen mecanismos reais que eviten que nos merquen o noso produto a perdas e garantan un verdadeiro poder de negociación; como nos recortan nas axudas da PAC que percibimos para ir parar a mans de explotacións intensivas dun modelo desligado totalmente da terra e dunha produción de alimentos saudábel, ou como os nosos tenreiros, criados nun modelo sostible, con benestar animal e dun xeito tradicional, non están a ter ningunha diferenciación no mercado respecto dos produtos do modelo agroindustrial”, cuestiona o responsábel do sector vacún de carne no Sindicato Labrego Galego, Samuel Formoso.
O Sindicato Labrego cre que é preciso que a Xunta convoque de xeito inmediato unha mesa sectorial na que estean presentes representantes do sector produtor, industria e distribución. Tamén avogan por potenciar unha rede de matadoiros comarcais que faciliten a venda directa e acurten a cadea comercial.
Convocatoria de axudas
En paralelo ó acto do Sindicato Labrego en Xinzo, a Xunta anunciou onte unha convocatoria de axudas para o sector cárnico, uns apoios que veñen a complementar ós xa dispostos polo Ministerio, que deberían ser ingresados este mes na conta bancaria das granxas.