Campaña publicitaria de 1,4 millóns de euros para a promoción da carne de Ternera Gallega Suprema en toda España

O conselleiro do Medio Rural asinou hoxe o convenio co presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún de Galicia

Campaña publicitaria de 1,4 millóns de euros para a promoción da carne de Ternera Gallega Suprema en toda España

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún de Galicia, Jesús González

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do consello regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de carne de vacún de Galicia, Jesús González, para levar a cabo unha campaña de promoción, fomento e difusión da carne de vacún certificada co selo Ternera Gallega Suprema. O obxectivo é aumentar o seu consumo e os prezos que perciben os produtores, que nos últimos meses veñen reclamando unha suba que cubra os custos de produción.

Segundo destacou o conselleiro, a campaña comportará un investimento de 1,4 millóns de euros dos que a Xunta -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- aportará a metade. O consello regulador achegará os outros 700.000 euros, entre a aportación asociada ao convenio asinado hoxe e a campaña que presentou á convocatoria de axudas do Goberno galego para a promoción dos selos de calidade.

A campaña de promoción -que se difundirá a nivel nacional en radio, prensa, televisión, redes sociais e puntos de venda- centrarase na categoría Ternera Gallega Suprema dentro da IXP Ternera Gallega, que é a que procede de explotacións tradicionais con vacas nais e con base territorial. O principal obxectivo é aumentar a sensibilización do público en xeral en relación con esta IXP e co consumo de vacún de calidade diferenciada.

Así, segundo apuntou o titular de Medio Rural, “a campaña quere ser un revulsivo diante da difícil situación na que se atopa o sector galego de vacún de carne a causa do incremento dos custos de produción de 2021 que se viu agravado tras a invasión rusa de Ucraína”. “Trátase, ademais, de poñer en valor a aposta que este eido produtivo fai pola calidade, polo benestar animal, pola biodiversidade, polo medio ambiente e pola xestión do territorio”, destacou.

Galicia, unha potencia en produción de carne de vacún

Galicia é unha das comunidades autónomas máis importantes de España na gandaría de vacún, tanto en cifras de produción como, sobre todo, en número de explotacións, o que converte o sector nun dos piares máis importantes da economía rural galega. Así, o sector gandeiro desta comunidade acadou unha facturación global no ano 2021 de 1.409 millóns de euros, xerando un total de 17.503 UTAs ou postos de traballo directos. Deles, 414 millóns corresponden ao sector de vacún de carne que, con 95.600 toneladas sacrificadas no ano pasado en Galicia, representa o 14,11% da produción total de España, tan só por detrás de Cataluña (18,52%) e Castela e León (16,36%).

Así mesmo, a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España (case un 60% da carne de vacún comercializada con denominación), cun valor en orixe de 137 millóns de euros no ano 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información