O Sindicato Labrego Galego, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) e a Unión de Asociacións de Traballadores Autónomos e Emprendedores (UATAE), presentaron este verán unha petición ante o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, para demandar que as persoas agricultoras e gandeiras autónomas poidan acceder á xubilación anticipada sen redución de prestacións, ao abeiro do Real Decreto 402/2025, do 27 de maio.
No marco desta reivindicación, o Sindicato Labrego Galego lanza unha campaña a prol dunha xubilación anticipada sen penalizacións para as persoas traballadora do agro, cun vídeo composto de testemuñas que poñen o foco na urxencia desta medida. Ademais, a organización agraria solicitará entrevistas con todos os grupos políticos.
O Sindicato Labrego lembra que no ano 2023 rexistrouse un índice de mortalidade laboral no sector agrario de 8,23 mortes por cada 100.000 persoas traballadoras, unha taxa que case se triplica coa idade, pasando a ser máis de 20 por cada 100.000 persoas a partir dos 55 anos.
As testemuñas recopiladas polos Sindicato Labrego Galego sinalan a dureza a vida no campo, un traballo que se realiza os 365 días do ano. Un traballo físico, onde se cargan pesos constantemente e que é moi complexo seguir realizando a partir 65 anos.
En palabras de Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, gandeira e produtora de faba en Lourenzá: “Estamos a falar dunha actividade que require un uso intensivo da forza física, o manexo de animais de gran porte e de maquinaria pesada, traballo ao aire libre en condicións extremas ou tendo que manter malas posturas e cunha exposición constante a produtos tóxicos. Por poñer un exemplo, unha vaca de carne ou un macho pode superar os 1.000 quilos de peso, e manexar estes animais pode ser bastante perigoso e require unha boa saúde física e mental”, declarou.
“Por este motivo, pensamos que é de xustiza que a nosa profesión se inclúa dentro do catálogo de profesións que poden anticipar a súa xubilación, sen ter que chegar aos 67 anos e cobrando o 100% dos dereitos e prestacións”.
Para o SLG é fundamental que o Goberno aplique os coeficientes redutores para a idade de xubilación no sector agrario, algo que xa se contempla noutros sectores con recoñecemento de penosidade como a minería ou os corpos de bombeiros.
Galego









Control OJD