Campaña para rematar coa discriminación de Galicia no prezo do leite

Unións Agrarias inicia unha campaña para rematar co que considera “diferencial inxustificado” no prezo do leite que se lle paga aos gandeiros de Galicia e aos do resto do Estado: 4 céntimos menos de media en 2024 que chegaron a 7 no caso das pequenas explotacións, e que supuxeron 127,5 millóns de euros menos para as explotacións galegas

ROBERTO UNIONS PREZO LEITEO sindicato Unións Agrarias presentou hoxe unha campaña informativa dirixida a toda sociedade para rematar coa discriminación dos gandeiros de Galicia no prezo do leite: Percibiron unha media de 4 céntimos menos por litro de leite no 2024 -un diferencial que chega aos 7 céntimos no caso das pequenas explotacións- o que supuxo que deixaran de ingresar nada menos que 127,5 millóns de euros.

A campaña informativa leva por lema “Prezo Xusto Xa! O leite galego é de primeira. Os prezos e os contratos de terceira” e lánzase nun momento que non é casual: en breve as explotacións gandeiras empezarán a recibir as primeiras propostas de renovación de contratos e a 31 de marzo deberían estar renovados arredor do 90% dos mesmos, polo que o obxectivo é presionar ás industrias para subir o prezo do leite en orixe e corrixir esta situación.

“Non é xusto que a industria láctea faga caixa a costa dos gandeiros galegos, que a pesar de que temos un leite de máis calidade que no resto do Estado -unha media do 3,85% de graxa no período outubro 2023 a novembro de 2024 fronte á media nacional do 3,79%-, e por tanto de máis valor percibimos de media un prezo ponderado de 0,47 euros por litro fronte á media do resto do Estado de 0,513 euros, é dicir un 8,2% menos”, explicou Félix Porto, responsable de coordinación sectorial de Unións Agrarias.

Isto tradúcese en que as arredor de 5300 ganderías de vacún de leite deixaron de percibir o ano pasado 127,5 millones de euros, “ou o que é o mesmo o presuposto anual da Deputación de Lugo”, exemplificou Félix Porto.

UNIONS CAMPANHA PREZO LEITE 2025 GRAFICO CCAA

“Esta campaña que iniciamos non é unha batalla para que o consumidor final pague máis polo litro de leite, senón para que o que paga se reparta de xeito diferente, e en concreto para que a industria láctea en España deixe de facer caixa a costa dos gandeiros galegos”, engadiu Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Engadiu que recuperar ese diferencial de 4 céntimos entre o litro de leite en Galicia e o que se paga de media no resto de España sen ter en conta a produción galega resulta crucial: “Eses 4 céntimos son o 80% de marxe neta que ten en litro de leite un gandeiro”.

Ademáis, Roberto García rexeitou a argumentación de que a industria láctea pague menos en Galicia porque os custos de produción son menores. “Está claro que producir un litro de leite en Andalucía, por exemplo, é mais caro ca en Galicia, onde temos unhas condicións moi boas para a produción de forraxes, pero a nosa maior eficiencia produtiva non ten que ir á conta de resultados da industria”. “A distribución non lle paga máis ou menos á industria láctea pola súa eficiencia, pero esta si o fai cos gandeiros galegos”, denunciou o representante de Unións.

Unha situación que discrimina especialmente ás pequenas e medianas ganderías galegas

Esta situación discriminatoria agrábase no caso das pequenas e medianas explotacións (aquelas cunhas entregas de menos de 400.000 litros anuais): Arredor de 3000 granxas que producen en torno ao 30% do leite de Galicia e que de media, segundo os cálculos de UUAA, perciben 7 céntimos menos por litro que o prezo medio do resto do Estado. “Estas ganderías son as que xestionan o territorio, as que teñen as vacas en pastoreo, as que crean paisaxe e frean o despoboamento no rural, e nas que en moitas delas habería relevo se os prezos do leite estiveran na media do Estado, corrixindo ese diferencial”, subliñou Félix Porto. “O argumento que empregan as industrias de que lles pagan menos porque lles costa máis recoller o leite non se xustifica nin se sostén”, engadiu Roberto García.

As reivindicacións da campaña

UNIONS CAMPANHA PREZO LEITE 2025

Ás industrias leiteiras:

-Recuperar de forma urxente o diferencial co resto de España no prezo do leite.

-Incorporar nos contratos índices de referencia obxectivos e acordados cos propios produtores.

-Non usar o punto crioscópico como ferramenta de desconto inxustificada ós produtores usando unicamente criterios técnicos acordados cos produtores

Ao goberno da Xunta:

-Actualización de forma urxente do observatorio de custes de produción para que poida ser empregado como ferramenta na negociación de prezos dos contratos de leite.

-Posta en marcha de forma decidida de Aica Galega con persoal e recursos para que poida actuar de forma inmediata e autónoma.

-Condicionar as axudas públicas ó cumprimento da lei, en concreto a que non teñan ningunha sanción por parte da AICA respecto a incumprimentos da lei da cadea, relación cos produtores, impagos ou calquera outra que poña en risco a viabilidade de explotacións produtoras de leite.

Ao goberno do Estado:

Modificación da lei de cadea:

-Eliminar a necesidade de achegar a proba ao denunciante e permitir o seu coñecemento da evolución da denuncia presentada.
-Eliminar a indefensión do denunciante ao descoñecer a evolución da denuncia presentada, os argumentos e a documentación achegada pola parte denunciada para poder rebatela, así como o resultado da instrucción.

Modificación das condicións de negación dos contratos de suministro de leite:

-Impedir que os primeiros compradores burlen ás Organizacións de Produtores e contacten directamente cos produtores membros dunha OP sobre os que exercen a súa posición dominante, xa que non poderían alegar descoñecemento de que un produtor está comprometido cunha OP.
-Creación dun rexistro público de produtores membros dunha OP no que se poidan consultar as inscricións de produtores membros dunha organización de produtores. Devandito rexistro deberá ser usado pola industria para consultar se os produtores están ou non integrados nunha OP antes de iniciar o proceso de envío da oferta e negociación.

-As OP deben dispor de ferramentas para as negociacións, como a posibilidade de prorrogar os contratos actuais se non se chega a un acordo, a presenza do mediador se o solicita unha das partes, o uso de indicadores de referencia, a garantía de recollida en todos os casos, etc.

-Esixir a xustificación fidedigna de que a negociación colectiva non chegou a un acordo para que o primeiro comprador e o produtor poidan negociar individualmente.

Descarga aquí máis información da campaña “Prezo Xusto Xa! O leite galego é de primeira. Os prezos e os contratos de terceira” 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información