O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de pór en marcha a campaña de recuperación de árbores froiteiras autóctonas da provincia de Lugo “Froiteiras de Noso”, á que xa se pode acceder a través do blogue Froita da Mariña https://froitadamarinha.blogspot.com/2022/10/froiteiras-de-noso.html
O obxectivo da iniciativa é localizar variedades locais de froiteiras que, por diversos motivos, foron indo a menos no territorio até o ponto de estar en claro risco de desaparecer.
Neste sentido, os organizadores da campaña explican que “son moitas as razóns polas que convén rescatar do esquecemento estas árbores, para que volvan ter a importancia que tiveron noutros momentos: Cremos que poden chegar a ter un papel importante para rachar a nosa dependencia alimentar como país, xa que poden axudar no futuro a asegurar a nosa capacidade produtiva para fornecer de alimentos sans, diversos, locais e de calidade ao conxunto da poboación do territorio”.
A este respecto, están a realizar un traballo de prospección no territorio da provincia de Lugo para tentar recoller información sobre a presenza destas variedades nas distintas comarcas e a súa situación, co obxectivo último de evitar a súa desaparición.
Para este fin, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fai un chamamento á “colaboración de todas as persoas que acrediten na importancia de non perder de xeito irreversíbel estes recursos que son parte do noso patrimonio colectivo; e tamén buscamos a colaboración e a complicidade de asociacións ou colectivos actuantes no territorio que poidan compartir estes obxectivos”.
As persoas e colectivos interesados en participar poden contactar co Sindicato Labrego Galego no teléfono 630 970 132 (tamén Telegram e WhatsApp), no correio ribadeo@sindicatolabrego.com ou en calquer local do Sindicato Labrego Galego.