Campaña informativa sobre os beneficios da carne de Ternera Gallega criada en base a pasto

O Sindicato Labrego Galego realiza en Santiago de Compostela unha campaña informativa entre os consumidores para pór en valor a gandería en extensivo e criticar o que consideran “industrialización” da IXP Ternera Galega

sindicato labrego ternera gallega compostelaNa mañá de hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levou adiante unha xornada divulgativa e de denuncia dos cambios operados no prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Galega/Vaca galega-Boi galego que obriga a acortellar os xatos que se sacrifiquen dende os 8 meses de idade, deixando fóra da marca a todos os xatos que rematan a súa alimentación ao aire libre.

Dando continuidade á campaña Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo”, as persoas que se achegaron pola Praza de Abastos de Santiago de Compostela entre as 12h e as 14h coñeceron a través das intervencións do gandeiro Samuel Formoso, o vogal do SLG na IXP Ternera Gallega; o gandeiro Xosé Carracedo, que fixo a conversión a pasto na súa granxa e a secretaria xeral do SLG, a gandeira Isabel Vilalba, como foi o proceso de modificación deste prego de condicións e “por que este cambio supón unha industrialización da Indicación Xeográfica Protexida que á vista dos argumentos da propia IXP, ten o obxectivo de dar resposta á tendencia á homoxeneización da industria cárnica”.

Ademais, as persoas que se achegaron, moitas delas turistas doutros países, tamén puideron degustar solombo de boi á prancha, miniburguer de boi e tacos mexicanos de agulla de boi nun menú cociñado por Moixo, toda ela carne de produción en extensivo en base a pasto dunha granxa de Xinzo de Limia afiliada ao Sindicato Labrego, “comprobando de primeira man a súa extraordinaria calidade”.

En maio deste ano a IXP Ternera Galega, vaca galega e boi galego publicou modificacións no seu prego de condicións que implican para a IXP Ternera Galega Suprema a obriga de acortellar en recintos pechados e alimentar en base a penso e concentrados os xatos que se sacrifiquen con máis de 8 meses de idade. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas opóñense a esta modificación “porque deixará fóra da marca a todos os xatos maiores de 8 meses que rematan a súa alimentación cas súas nais ao aire libre”.

As persoas consumidoras teñen unha imaxe de marca positiva de distincións como Ternera Galega ou Ternera Galega Suprema estreitamente vinculada ás condicións de benestar animal e calidade propias da gandaría extensiva, na que os animais pacen ceibes. Con este cambio nas condicións da IXP a industria dos cebadoiros aprópiase deste prestixio conseguido co bo facer labrego, ao tempo que se dificulta a supervivencia do modelo familiar. A obriga de pechar o gando e darlle alimentación procesada terá un impacto negativo especialmente destacado na viabilidade económica das pequenas e medianas granxas, que deberán gastar máis en alimentación e en moitos casos construír novas infraestruturas”, argumentan dende o Sindicato Labrego.

Neste sentido, defenden que “a alimentación en base a pasto proporciona carne de calidade diferencia ás persoas consumidoras, mellora o benestar animal e é unha ferramenta fundamental para o coidado do medio ambiente”.

A organización labrega continuará cos actos informativos da campaña Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo” e anuncia que levará adiante “accións legais para frear esta industrialización da IXP Ternera Galega”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información