Xenética Fontao, S.A. aprovisionará de doses de seme bovino ás máis de 2.400 explotacións incluídas nos programas de control leiteiro oficial de Galicia, o que ven a supoñer entorno ao 45-50% do material de reprodución que precisan as explotacións en control leiteiro, a prezos sostibles.
Nesta Campaña anual que desenvolverá neste mes de xaneiro e parte de febreiro, póñense a disposición das explotacións gandeiras en control leiteiro unha relevante cantidade de doses de seme convencional e sexado para atender a reprodución dunhas 192.000 reprodutoras bovinas coa maior calidade e o mellor prezo posible. Ademais facilítanse sen custo en torno a 80.000 doses de seme convencional.
Este ano haberá maior número de touros: 26 en seme convencional e 22 en sexado
“Xunto coas AFRICOR estamos desenvolvendo a campaña conxunta de aprovisionamento de doses seminais convencionais e sexadas para as ganderías do control leiteiro. Este ano co maior número de touros dos últimos anos, maior que en todas as campañas anteriores, poñemos a dispor do sector 26 touros para seme convencional e 22 para seme sexado”, destacan desde Xenética Fontao.
Sexado
Esta campaña de subministro realízase todos os anos no mes de xaneiro e pon a disposición das ganderías en control leiteiro oficial “material reprodutivo de primeira calidade a prezos moi competitivos, cun desconto do 40%-50% sobre o prezo final de venda ao público no caso das doses con prezo”, explican.
Xenética Fontao é consciente de que o uso de seme sexado de touros con xenética de elite é unha parte fundamental do progreso xenético na actualidade, polo que, como en campañas anteriores, gran parte dos touros incluídos ofrécense con seme sexado.
Sementais da campaña 2025
A campaña de seme XF-Africores para este ano 2025 reúne aos mellores touros do panorama nacional polos trazos máis importantes empregados na actualidade na selección xenética da raza frisona:
- Produtivo: kg de leite, graxa e proteína
- Morfolóxico: de tipo xeral, con especial atención a ubres e patas
- Funcional ou de saúde: reconto de células somáticas, facilidade de parto, fertilidade da vaca e velocidade de muxido.
O mellor de todos, MILORD, é un touro de Xenética Fontao (XF), que encabeza a lista GICO española, é o mellor touro novo actualmente no noso país, destacando sobre todo nos trazos produtivos que transmite (kg de leite, graxa e proteína), sendo ademais do líder absoluto (nº 1 GICO), o mellor touro español por kg de graxa (nº 1 kg de graxa).
Preto de trinta touros máis acompañan a MILORD na oferta de seme XF para 2025, conformando a mellor oferta posible da elite xenética a nivel nacional con touros como STROFA (No 2 GICO), FEITIZO (No 4 GICO), GABEIRAS (No. 1 TIPO), MILLENNIAL, RHYTHM, RIPLEY, GABRIELLE, SHEIN RED, ROMAN, POWERMATE e un longo etc..
Os mellores touros a nivel nacional para que o criador elixa segundo as súas necesidades ou prioridades en canto aos trazos de selección a mellorar no seu gando:
- Por Kg. de leite: MILORD, FEITIZO, MILENIAL ou CAMBRE.
- Para calidades de graxa e proteína: RITMO, RIPLEY, SUNDOWNER ou ROMAN.
- Por trazos de tipo: ULOKA, SPERMINATOR, DINAMITA, PEPIN ou TONY P.
- Ou touros que destacan polo balance xeral da súa proba: STROFA, POZOBLANCO, GABEIRAS, GABINET, SHOP, PLATINUM ou TIFFANY, entre outros.
Destaca tamén a oferta de touros portadores de xenes especiais, moi demandados polo sector na actualidade, como o carácter acorne (TONY P, CHEWAKA P ou SUMA P), a cor de pelaxe vermella (SHEIN RED, GABANA RED, PREMIO, RED ou MIX RED) ou o xenotipo A2A2 para caseínas, que son transmitidas por case o 80% dos touros incluídos na oferta.
Gigaball
A oferta da campaña de seme 2025 tamén inclúe o touro probado GIGABALL, moi coñecido no sector por ser xa un superventas na súa etapa xenómica e agora, catro anos despois, e con centos de fillas en produción, ocupa o segundo posto nos touros probados tanto en España como en Holanda.
As fillas de GIGABALL destacan pola súa corrección morfolóxica xeral con moi boa produción de leite e excelentes calidades graxas e proteicas. A opción GIGABALL está dirixida a aqueles criadores que prefiren priorizar a fiabilidade ou seguridade dos touros probados fronte ás figuras “estratosféricas” dos touros novos, que agora denominamos “xenómicas”.
Máis información
- Web de Xenética Fontao
- Teléfono: 982 284 391
- Email: xfontao@xeneticafontao.com