Campaña de tratamentos para o control das bandas nos piñeirais galegos

Medio Rural ten previsto actuar este ano en arredor de 4.000 hectáreas de propiedade privada ou veciñal. A dirección técnica dos traballos corre a cargo

Publicidade
Campaña de tratamentos para o control das bandas nos piñeirais galegos

Visita a un piñeiral afectado polas bandas en Vilasantar por parte dunha delegación da Xunta e da Fundación Arume.

Medio Rural anunciou hoxe que este ano ten previsto aplicar tratamentos en arredor de 4.000 hectáreas de piñeirais de xestión privada afectados polos fungos das bandas. A actuación contempla dúas intervencións anuais de fertilización foliar, unha en primavera e outra en outono, acompañadas dun seguimento técnico das masas para avaliar a súa evolución sanitaria. Estas accións espérase que permitan mellorar o estado nutricional das árbores, incrementar a súa resistencia fronte á enfermidade e manter o potencial produtivo da masa.

Os propietarios forestais disporán así dun servizo gratuíto, que se ofrece desde o Goberno galego en colaboración coa Fundación Arume, que desempeña un papel de carácter técnico na campaña. Arume encargarse da identificación de superficies, o contacto cos propietarios e a coordinación coa empresa pública Seaga, encargada da execución dos traballos.

Detalles e operativa da campaña

Os tratamentos darán comezo a finais de abril e prolongaranse ata o remate do verán ou principios do outono, dependendo sempre das condicións meteorolóxicas para garantir a máxima eficacia. A estratexia baséase na aplicación de produtos fitosanitarios, adaptándose ao ciclo biolóxico dos fungos causantes.

A selección das zonas prioritarias seguiu criterios técnicos rigorosos, poñendo o foco nos seguintes factores:
• O nivel de afectación actual das masas.
• A densidade de masas de Pinus radiata, especie especialmente vulnerable.
• A continuidade das superficies para optimizar o impacto dos tratamentos.

Mapa de áreas prioritarias para o tratamento das bandas. / Fundación Arume.

Mapa de áreas prioritarias para o tratamento das bandas. / Fundación Arume.

Chamamento á participación dos propietarios

Para que a campaña sexa efectiva, a Fundación Arume convida a todos os propietarios forestais interesados en tratar as súas parcelas a que realicen a correspondente solicitude, pois a súa colaboración é esencial para acadar o obxectivo de tratar o máximo número de hectáreas afectadas.

Os propietarios deberán formalizar a súa solicitude mediante unha Declaración Responsable. Para obter este modelo oficial, poden contactar coa Fundación a través do correo arume@fundacionarume.gal ou no teléfono 648 662 296

Para axilizar o proceso, os interesados deberán facilitar os seguintes datos básicos:
• Datos do titular e teléfono de contacto.
• Referencias catastrais das parcelas a tratar.
• Información da masa: especie dominante, idade aproximada e superficie real obxecto do tratamento (especialmente se a parcela non está ocupada integramente por piñeiro).

A Fundación recomenda aos propietarios que non demoren a súa solicitude, xa que a planificación dos tratamentos require organizar as actuacións por áreas e priorizar aquelas zonas onde a afección é máis urxente. Canto antes se formalice o rexistro, maior será a capacidade de resposta sobre o terreo.

O anuncio da campañas de tratamentos fíxose hoxe durante unha visita da directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, a unha plantación de pinus radiata do concello de Vilasantar (A Coruña), na que se actuou o pasado ano nunha superficie de preto de 30 hectáreas.

Este ano, a Fundación Arume definiu un mapa de áreas prioritarias de tratamento, que engloba principalmente a provincia de Lugo e zonas do leste da provincia da Coruña.

Publicación da instrución sobre a moratoria

A maiores, a directora xeral indicou que xa está publicada na web da Consellería a instrución sobre a substitución por eucalipto das masas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón, para o caso daqueles propietarios forestais que queiran acollerse a esta medida de flexibilización da moratoria. Como xa se anunciara, os propietarios cun grave impacto dos fungos das bandas nos seus piñeirais poderán plantar ata un 50% das parcelas afectadas con eucalipto, nunha única quenda de corta, se ben antes terán que enfrontar unha tramitación complexa ante a Administración.

O documento da instrución concreta os trámites necesarios A plantación de eucaliptos quedará limitada a un máximo do 50% da superficie de piñeiro eliminada e o outro 50% deberá repoboarse con calquera outra especie de coníferas ou frondosas.

Tal e como se precisa na instrución, a plantación afectada por esta doenza ten que estar en pé, agás que se cortase nos primeiros meses do 2026 e se teña toda a documentación que o acredite. A gravidade da afectación sanitaria e a inviabilidade técnica e económica da masa deberán acreditarse mediante un informe técnico.

Este documento terá que certificar o axente causal da enfermidade, cun boletín oficial de resultados emitido por un laboratorio de referencia ou acreditado, achegar tamén evidencias gráficas xeorreferenciadas (fotografías) sobre a afectación e verificar a gravidade de afectación e a mortalidade real da masa.

Nesta liña, considerarase que existe unha grave afectación sanitaria da masa cando a mortalidade real (pés mortos e puntisecos por hectárea) supere o 25 % da densidade obxectivo establecida polo modelo silvícola correspondente. Todos os pés que excedan da densidade obxectivo serán tidos en conta para o cálculo da mortalidade real da masa.

Asemade, a solicitude de repoboación incorporará unha proposta completa de reforestación, que incluirá cartografía coa delimitación das superficies destinadas a eucalipto e a xustificación da viabilidade silvícola da nova configuración. A maiores, os interesados poderán optar pola posibilidade de solicitar que sexa a administración forestal a que realice a toma de mostras e a súa análise en laboratorio, previo pago da taxa correspondente.

Segunda flexibilización da moratoria
Cómpre lembrar que a través da lei de medidas fiscais, a Xunta puxo en marcha unha segunda flexibilización da moratoria do eucalipto esta campaña: o traslado da superficie de eucalipto a outra parcela, sempre e cando a parcela inicial se transforme a coníferas ou frondosas e a superficie da nova repoboación non supere, con carácter xeral, o 75 % do eucalipto que había na inicial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información