Campaña de sidra 2021 en Galicia: altas producións e de calidade

Péchase unha colleita con producións semellantes ás de 2019 e sen case incidencia de pragas coma o verme da mazá. Os produtores buscan profesionalizar o mercado con contratos homologados que lle permitan prezos estables e garantías de recollida

Publicidade
Campaña de sidra 2021 en Galicia: altas producións e de calidade

Coa campaña de recollida da mazá de sidra xa rematada, Galicia pecha unha das mellores colleitas dos últimos anos, aínda que con certa disparidade entre as diferentes zonas produtoras. Así, para comarcas como A Estrada, un dos referentes na produción galega de mazá de sidra, esta foi mellor campaña que a do 2019, cando lograran uns moi bos rendementos. Mentres, en zonas da Coruña e Lugo, as xeadas reduciron en parte a colleita agardada.

Do mesmo xeito que os produtores, tamén dende a fábrica Custom Drinks, asentada en Chantada (Lugo), e principal destino da produción de mazá galega, en especial da ecolóxica, aseguran que se tratou dunha campaña moi boa. “Non foi de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”, valora José Luis Olmedo, responsable de Innovación da fábrica chantadina, propiedade de Hijos de Rivera.

“Non foi unha campaña de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”: José Luis Olmedo, Custom Drinks

Hai varios factores detrás destas boas producións: É un ano impar, ano de carga e de recuperación da colleita, logo de que o ano pasado a vecería reducise considerablemente a cantidade de mazá. Os pomares atópanse nun bo estado sanitario, sen case incidencia dalgunhas das pragas habituais como o verme da mazá. Ademais as condicións meteorolóxicas deste ano contribuíron a que o froito chegase ó final da campaña en moi boas condicións e se lograsen boas producións.

Comarca de Tabeirós

Na Estrada, unha das principais comarcas produtoras de mazá de sidra en Galicia, este ano lograron unha moi boa colleita. Dende a cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ecolóxica, destacan que este ano conseguiron mellores producións que as do 2019.

“Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”: Miguel Soto, técnico de Ullama

Pecharon a colleita na primeira quincena de novembro cuns 850.000 quilos de mazá recollidos na cooperativa. En toda a comarca de Tabeirós producíronse preto de 1,5 millóns de quilos, dos que uns 200.000 quilos son de mazá en convencional e o resto corresponde a pomares en ecolóxico. “Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Provincias de Lugo e A Coruña

Dende a Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recoñecen que esta foi unha boa campaña, pero apuntan a que está por debaixo das cifras que manexaron no 2019. Así, estiman que recolleron un 20% menos que aquel ano.

“Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”: Francisco Otero, Afrugal

Nesta colleita comercializaron uns 500.000 quilos de mazá a través da cooperativa Cabrinfolla, deles uns 250.000 quilos proceden de pomares en ecolóxico. “Este ano nos concellos de Xermade e Vilalba moitos pomares quedaron machacados polas xeadas”, explica Francisco Otero, presidente do colectivo. “Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”, explica o especialista na produción de mazá.

Conseguir contratos homologados

Os produtores están a buscar selar coa industria novos contratos homologados, similares ós que se estipulan para o viñedo, que poidan ofrecerlle estabilidade e maiores garantías. “Buscamos contar con contratos que garantan a recollida e que os prezos se axusten á situación do mercado, xa que no sector primario estamos vendo que todos os custes están a subir”, explican dende Ullama.

Nesta campaña os prezos en Galicia mantivéronse nos 0,30 euros para o quilo de mazá ecolóxica, un prezo que os produtores galegos ven preciso subir, dados os coidados e limitacións que ten este tipo de produción. Mentres, as mazás en convencional estaban nos 0,24 euros o quilo.

Ademais da mazá que se vende en Galicia, case a metade da produción galega ten como destino Asturias, onde os prezos foron máis elevados, aínda que tamén hai que ter en conta os custos do porte que asumen os produtores e que tentan reducir con envíos agrupados, que fan máis rendible a venda.

Os produtores buscan contar con contratos que lle ofrezan estabilidade e garantías de recollida

Dende o sector reivindican a necesidade de comezar a valorar as distintas variedades e calidades no prezo que se lle paga ó produtor. “Se o mercado marca diferencias para incrementar a calidade, dende as cooperativas tamén podemos comezar a traballar naquelas liñas que teñan maior interese”, valora Otero. Na Estrada, este ano xa realizaron unha colleita máis selectiva, diferenciando por variedades para lograr coller a mazá no momento óptimo, comezando a recollida polas variedades máis delicadas.

Sen case incidencia de pragas

Nos últimos anos estase vendo un incremento tanto dos pomares en ecolóxico como da demanda desta mazá. En Custom Drinks, principal industria especializada na elaboración de sidra en Galicia, están a facer unha clara aposta por esta mazá para a produción da súa sidra Maeloc. “Nesta campaña, máis do 70% da mazá que procesamos era ecolóxica. Estamos a ver os resultados dos esforzos por conseguir que os produtores apostasen por este modelo de xestión dos pomares, máis respectuoso co medio ambiente”, detalla Olmedo.

Á marxe da incidencia das xeadas e a inestabilidade do verán, que fixo que as primeiras mazás fosen máis baixas de azucre, como detallan na industria, houbo unha campaña con moi boa calidade. O tempo solleiro do mes de outubro e novembro propiciou que as mazas non caeran antes de tempo e mesmo que o azucre se incrementase. Ademais, propiciou que os traballos se levasen a cabo en mellores condicións, sen ter que realizar as recollidas pasadas por auga.

Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non houbo danos e os ataques conseguiron atallarse con rapidez

Os pomares atopábanse nun moi bo estado sanitario esta campaña e mesmo houbo una menor afección dalgunhas das pragas habituais da mazá como o verme, provocado pola Cydia Pomonella, unha bolboreta que realiza as súas postas entre lusco e fusco nos días en que a temperatura se mantén por encima dos 15 graos. “Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non se produciron danos e só houbo ataques puntuais que se conseguiron atallar moi rápido”, explica Francisco Otero, quen se encarga de coordinar as tarefas de seguimento da incidencia da praga en colaboración tanto coa industria como coa Consellería de Medio Rural. De feito, teñen unha rede de trampas para comprobar a presenza deste insecto en doce puntos das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

A primavera fresca motivou que este ano a incidencia desta bolboreta fose case nula. “En 12 anos, esta foi a primeira vez que tivemos unha presenza tan baixa”, detalla Olmedo. Dos 300 exemplares que adoitaban recoller habitualmente nas trampas de Sada ó longo da tempada, que se prolonga entre os meses de abril ata setembro, este ano non chegaron nin a recoller unha cuarta parte de insectos. “Agora estamos expectantes para ver como se desenvolve a próxima campaña e se realmente ó non se realizar tantas postas tamén é menor a incidencia e a presencia do verme da mazá aínda que as condicións lle poidan ser máis favorables que nesta campaña”, valora Otero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información