
Traballos de sementeira do millo en fincas na zona da costa da Mariña
As previsións de bo tempo para esta semana e a que vén están a facer que as empresas de servizo e os parques de maquinaria das cooperativas estean a apurar para daren o último arreón á sementeira do millo nunha campaña adiantada con respecto ás dos últimos anos e na que se botaron ciclos máis longos.
Pouco millo quedará por labrar en Galicia este ano para xuño, agás nas zonas que van máis retrasadas, coma no sur de Lugo, onde tamén será necesario facer bastantes resementeiras das primeiras fincas labradas no mes de abril e cuxa nascencia estragou a auga.
A chuvia caída nas últimas semanas obrigou a retrasar o segundo corte de ensilado de herba, pero permitiu entrementres avanzar de xeito intermitente na preparación das terras que xa estaban ensiladas e mesmo na sementeira das que estaban listas.
A humidade do solo está a facilitar a aplicación do herbicida e vai favorecer a súa eficacia
En xeral, as precipitacións non prexudicaron a nascencia do millo logo dun mes de abril moi seco que fixo que a terra precisara auga. A humidade do solo está a facilitar tamén a aplicación do herbicida, tanto en pre-emerxencia como en post-emerxencia temperá.
A calor destes días vaille vir ben ao millo, que acusaba a falta de sol, retraso no crecemento e cor amarela, pero tamén a pragas como a rosquiña ou o verme do aramio, que non fixeron acto de presenza polo de agora, pero que haberá que tratar para controlar en canto se deixe ver nas terras.
A suba das temperaturas estalle a vir ben ao millo, pero tamén favorece a aparición de pragas
Facemos un repaso á situación nas distintas comarcas leiteiras de Galicia, entre as que destaca Mazaricos e o interior da Coruña como dúas das máis precoces este ano, fronte a comarcas como a de Chantada, onde normalmente se bota o millo cedo pero que este ano vai máis rezagada.
“O 90% das fincas quedaron labradas en abril, algo impensable outros anos”
Luis Castro é o xerente da cooperativa Ganxabar, que conta en Mazaricos cun centro de forraxes en común para os seus socios. Forraxes de Xallas e A Barcala (Forxabar) aproveitou o tempo estable deste ano no inicio da primavera para adiantar a sementeira.
“O 90% da campaña xa a acabamos no mes de abril. Incluso en fincas molladas entramos a labrar entorno ao 20 de abril, cando outros anos era impensable. Quédanos só un socio para esta semana e acabamos”, describe.
Sementaremos este ano unhas 1.000 hectáreas, das que 900 estaban xa botadas a finais de abril
As chuvias das últimas semanas non interferiu no traballo agrario planificado pola cooperativa e executado con maquinaria propia e dos socios e por empresas de servizos externas nin prexudicou a xerminación do millo.
A calor destes días cambioulle a cara por completo ao millo, que estaba xa amarelo de tanta auga e temperaturas baixas
“Cando veu a auga colléunolo todo xa nacido”, explica. Pero si retrasou o seu crecemento. “Venlle ben a calor destes días, de feito, cambioulle xa a cara totalmente. Estaba medio amarelo de tanta auga, agora xa agradecía sol e calor”, recoñece Luis.
Aposta polo gran húmido
Forxabar botou este ano unhas 1.000 hectáreas de millo, das que 750 están destinadas a ensilado e as outras 250 a facer gran húmido, un produto cun alto valor nutricional do que están metendo 3 kg na ración diaria que serven ás vacas en produción, o que lles permite aforrar penso.
“O gran húmido é boa cousa pero é tamén unha arma de dobre fío, porque dependes do tempo para metelo. O ano pasado a climatoloxía foi moi boa para iso, pero sempre tes ese risco. Para tratar de minimizalo no posible, xa non o labramos en fincas húmidas para arriscar menos. Deste xeito, limitaranos o tempo á hora de recollelo, pero non a finca”, argumenta.
Ciclos máis longos
Forxabar iniciou a campaña de ensilado de herba cun corte nas mesturas con leguminosas en Semana Santa, na primeira semana de abril. “Metemos sempre primeiro as mesturas para que nos dea paso a labrar o millo. Son as fincas que van en rotación”, explica Luis.
A continuación empezaron xa a preparar as terras e a sementar o millo, posibilitando así que optaran por ciclos máis longos. “Fómonos a ciclos 600 e, nalgunha finca concreta, as menos, a 700, para ensilar no mes de setembro máis ou menos na mesma época que outros anos. O ano pasado ensilamos sobre o 15”, indica.
Este ano fomos a ciclos máis longos, usamos ciclos 600 na maioría dos casos e algún 700 nalgunha finca concreta
No caso do gran húmido, non hai unha previsión concreta para a súa recollida, senón que dependerá do grao de maduración da mazurca. “Cando teña punto negro xa está en condicións. O ano pasado tivemos que meter en dúas tandadas. Ten que valer e ás veces acabas de ensilar o millo e non vale aínda para facer o gran húmido”, conta.
Sulfatado e abonado
A semana que vén, Forxabar ten previsto centrala no ensilado do segundo corte da herba. “No raigrás inglés, que é o que temos a pradeira permanente, fixemos un primeiro corte o 17 de abril e imos facer o segundo este luns. Se chove aínda abonaremos para facer outro corte, pero se veñen temperaturas altas e non chove, que parece que é o que vén, non abonaremos porque non che garante un bo rebrote”, afirma.
Outro traballo pendente é o de repasar o herbicida nalgunhas fincas de millo. “Nas fincas normais non hai unha herba e co tratamento de pre-emerxencia penso que vai ser suficiente, pero nas fincas máis molladas imos ir de novo sulfatar a semana que vén”, avanza.
Nas fincas normais non hai unha herba e nas máis molladas imos entrar a facer un segundo pase a semana que vén
Os socios de Ganxabar repártense ao 50% entre os que aplican o herbicida en pre-emerxencia e os que o fan en post-emerxencia. “ Eu son partidario de sulfatar en pre, porque sempre tes a opción de volver despois en post. Aquí nas terras hai algo de millán, que é unha mala herba que non a matas co herbicida, atóntala. E se vas só en post-emerxencia e te pasas un pouco do momento óptimo é fastidiada, porque xa avanzou”, argumenta.
En canto a posibles pragas, Luis explica que “de momento non temos constancia de ningún ataque de rosquiña ou de aramio, que é un verme que tamén o beneficia o calor, pero a semana que vén até o xoves dan 26-27 graos todos os días e haberá que estar atentos”, di.
Vén calor e haberá que estar atentos á posible aparición da rosquiña e do verme do aramio
A estratexia de abonado de Forxabar inclúe distintas modalidades. “Botamos en fondo e metemos tamén en coberteira urea en cas todas as fincas, normalmente protexida. A maiores, aplicamos amionácidos cando sulfatamos para que non lle pegue tanto ao millo. Usamos tamén algo de abono foliar se vemos que algunha finca está moi atrasada, pero non é o habitual e menos este ano”, detalla.
“Este ano imos apostar polos abonos foliares e os bioestimulantes”

Clun protexerá contra o estrés abiótico as fincas costeiras, máis proclives a sufrir os efectos da seca
José Ramón Loza é o responsable de cultivos e maquinaria da cooperativa CLUN na Mariña, onde sementan unhas 1.300 hectáreas de millo, 800 delas para ensilar no Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI).
“Estamos na recta final. Falta un 30% por sementar, pero se non cambia o tempo a finais de maio ou primeiros días de xuño poderemos rematar de labrar. Acabaremos case un mes antes que o ano anterior”, asegura.
“Mantemos o mes de adianto co que empezamos, porque aínda que choveu nas últimas semanas, non paramos de todo, fixemos cousas de maneira intermitente, permitiu preparar terras e mesmo sementar desde que paraba de chover, agardabamos un día e xa se podían fresar as terras e labrar a continuación porque viñamos dunha época de moita seca e o solo absorbeu ben a auga”, di.
O solo absorbeu ben a auga que caeu nas últimas semanas porque viñamos dunha época de moita seca
“O que choveu foi moi bo para preparar as terras e para botar moito herbicida en pre-emerxencia, que estes últimos anos non o usabamos. Os millos que se sulfataron en pre están moi limpos e onde non chegamos coa pre estamos empezando a sulfatar agora en post”, indica.
Ao igual que Forxabar en Mazaricos, na Mariña CLUN tamén está a usar ciclos máis longos que o ano pasado. “De momento estamos botando aínda 500 e o groso farémolo cun 400, que será ciclo máis curto que usaremos este ano na Mariña, baixando a un 300 nalgunha parcela máis do interior, na zona da Pastoriza”, explica.
Previsiblemente poderemos empezar a picar a finais de agosto ou principios de setembro, con 15 días de adianto con respecto ao ano anterior
A recollida do millo dependerá das horas de sol que veñan a partir de agora pero José Ramón considera que, se vén un verán normal, “previsiblemente poderemos empezar a picar a finais de agosto ou principios de setembro, con 15 días de adianto con respecto ao ano anterior”, compara.
Risco de pragas pola suba das temperaturas
A auga non afectou negativamente tampouco á nascencia na Mariña. É máis, “todo o contrario, facilitou que o millo nacese ben, e se non chovera teriamos problemas de nascencia porque estaba moi seca a terra”, asegura.
O responsable de cultivos de CLUN na Mariña recomenda estar vixiantes á posible aparición nos vindeiros días de rosquilla debido á suba das temperaturas para poder tratar a praga canto antes. “Nós botamos insecticida en pre-emerxencia xunto co herbicida. Salvo que haxa un ataque moi forte contamos librar con iso, non pensamos volver entrar nese millo, porque de momento as terras están moi limpas”, di.
É probable que estes días poida empezar a haber problemas de rosquilla polo incremento de temperaturas
Tamén pensa que cun único pase de herbicida será dabondo para controlar a competencia que as malas herbas exercen sobre a planta. “En 10-15 días o millo empezará a pechar o rego se seguen as condicións de calor como dan as previsións”, afirma.
Aplicación de abonos foliares e bioestimulantes
Debido á boa marcha da campaña de sementeira e aplicación de herbicida, o parque de maquinaria de Irmandiños disporá de máis tempo para facer abonados específicos. “Seguramente alongaremos un pouco a campaña aplicando bioestimulantes, abonos foliares e incluso abono sólido por arriba. Outros anos tiñamos que atender ao herbicida e non podiamos aplicar moito”, recoñece José Ramón.
“Xa levamos anos usando abonos foliares e bioestimulantes, pero faciamos tratamentos puntuais. Normalmente tes unha marxe de tempo reducida para facelo, xa que estas aplicacións realízanse cando o millo ten entre 6 e 8 follas, e mesmo até que chega a 10, e acostumábase facer a finais de xuño e principios de xullo, en canto acababamos co pase de herbicida, pero o millo que sementabamos ao principio normalmente non daba xa tempo a botarlle o bioestimulante e quedaba sen el”, conta.
Estas aplicacións realízanse cando o millo ten entre 6 e 8 follas
A maiores de aportarlle, vía abono foliar, algún microelemento que lle poda facer falla ao millo, o que se busca con estas aplicacións é sobre todo previr os efectos negativos dunha seca prolongada e mellorar a tolerancia da planta fronte ao estrés abiótico.
“Trataremos de aplicar bioestimulante sobre todo nas zonas onde previsiblemente poida haber máis risco de estrés abiótico ou zonas de costa para preparar mellor a planta para o estrés do verán, xa que as zonas de costa acostuman ser as máis secas onde se notan máis as condicións de falta de auga”, explica.
“Os herbicidas van funcionar ben porque hai humidade”

Un tractor do parque de maquinaria de Cobideza, con grada rápida e sementadora, traballando na zona
Héctor González é técnico da cooperativa Cobideza, que prevé labrar este ano unhas 800 hectáreas de millo nas comarcas do Deza e A Ulloa. “Falta un 25%, se non cambia o tempo quedará rematado no que queda deste mes”, asegura.
“Este ano vai máis adiantada a sementeira, o bo tempo permitiu facer a metade da campaña xa en abril. Mirando aos 2 últimos anos, estaba moito máis millo sen sementar a estas alturas, a 20 de maio o ano pasado e fai dous anos estaba o 60% sen labrar”, calcula.
Cobideza traballa con 3 sementadoras: dúas delas de 4 liñas e unha de 8 liñas
“Despois do primeiro arreón inicial, as escampadas permitiron facer labores de sementeira naquelas parcelas que xa estaban ensiladas, pero cando houbo moita chuvia houbo que parar. Agora que volveu o bo tempo vanse volver ensilar moitas parcelas que están en rotación con herba e posteriormente labrarase xa o millo nelas”, indica.
Este ano vai máis adiantada a sementeira, o bo tempo permitiu facer a metade da campaña xa en abril
Héctor considera que non debería ser un problema o feito de que se labrara o millo en dúas fases diferentes distantes varias semanas entre elas. “Ao principio usáronse ciclos 500 e 400 e agora nestas primeiras sementeira trala auga usamos 300 medios e imos pasar a usar os 200 longos. Moitos gandeiros que sementaron en abril ou principios de maio xa fixeron toda a sementeira que tiñan que facer. Noutros casos hai combinación de ciclo longo e curto para tratar de que o momento de recollida sexa o mesmo”, di.
Tendencia crecente a adiantar a sementeira do millo
As estratexias varían tamén en función das reservas de comida e da dispoñibilidade de terras da explotación pero a tendencia que Héctor observa en cada vez máis explotacións e a de tratar de adiantar no posible o momento da sementeira do millo. “Algún sementa un ciclo curto ao principio por escaseza de comida para poder ensilar xa en agosto e ir tirando dese silo mentres non vén o outro”, exemplifica.
Noutros casos, as explotacións apostan por mesturas de raigrás ou cereais con leguminosas para facer un único corte, ou mesmo por deixar unha parte das terras sen cultivo forraxeiro de inverno para poder labrar antes o millo.
“As granxas estanse facendo con base territorial e, se aumentan a superficie e non a carga gandeira, deixan a barbeito ou con abono verde unha parte das terras para telas libres e poder sementar o millo cedo e ao mesmo tempo non esquilmar a terra nesa rotación intensiva de raigrás e millo ano tras ano. O abonado verde é interesante para poder sementar máis cedo e axuda a recuperar o terreo de nutrientes sen estar todo o tempo facéndolle unha demanda de produción á terra”, razoa.
“O que choveu foi bo para a nascencia pero xa precisaba sol”
Cobideza comezou a labrar o millo este ano a finais da abril e principios de maio, antes de que empezara a chover. Esas precipitacións, di, foron boas. “Aquí que de vez en cando chova, aínda que haxa que parar as labores, é importante porque polo tipo de solo que temos enseguida seca a superficie e compromete o nacemento do millo”, explica.
O millo tardou en xerminar practicamente o dobre do que tardaría en condicións óptimas normais pola humidade e a baixa temperatura do solo
“Despois viñéronlles 20 días con moita humidade e baixada de temperatura do solo, o que fixo que o millo tardara en xerminar practicamente o dobre do que tardaría en condicións óptimas normais. Este millo estaba amarelo e algún mesmo morado porque non puido facer ben a fotosíntese e coa metade da talla que tiña que ter. Está nunha fase na que necesita sol urxentemente para espabilar e medrar ao ritmo que ten que medrar e poder gañarlle a vantaxe competitiva ás malas herbas”, explica Héctor.
Tratamentos con herbicida
“Facer o control con herbicida canto antes é moi importante e este ano estanse dando boas condicións porque hai humidade no solo”, asegura o técnico de Cobideza. “Aínda hai tempo para tratar en post-emerxencia e co solo húmido o tratamento é moi efectivo”, di.
“O millo tardou 10-12 días en nacer e saír da terra e ten aínda 1-2 follas verdadeiras na maioría dos casos. Cando o millo ten 1 ou 2 follas verdadeiras xa se pode tratar porque a planta xa ten capacidade para detoxificar o efecto do herbicida. E coa humidade que hai na terra está moi ben para tratar en post-emerxencia temperá, que ten moi boa eficacia, porque mata as herbas que xa xerminaron e ten un efecto residual para seguir combatendo as malas herbas no vindeiro mes, no que o millo xa se apodera da terra e cubre a superficie. Así evítase a competencia das malas herbas nos primeiros estadíos, nos que é crucial, porque se a mala herba achica ao millo en canto a nutrientes e humidade despois o millo xa non dá recuperado como tiña que recuperar”, argumenta.
Cando o millo ten 1 ou 2 follas verdadeiras xa se pode tratar porque a planta xa ten capacidade para detoxificar o efecto do herbicida
Os herbicidas de pre-emerxencia poden funcionar ben este ano tamén, porque se deron boas condicións para que se adherira ao solo. “Necesita choiva para integrarse no solo. Un herbicida de pre-emerxencia aplicado no polvo non serve de nada, non queda preservado da radiación solar. O de pre-emerxencia ten un efecto de 1 mes ou mes e medio. Se o aplicas antes de labrar o millo, non cubres todo o tempo. Pola contra, se o aplicas 20-25 días despois amplías o seu efecto e estás cubrindo un rango moito maior, polo que cunha soa aplicación tes máis tempo cuberto”, razoa.
Os que fixeron tratamento en pre-emerxencia a finais de abril é posible que teñan que facer unha segunda pasada en post-emerxencia
“Os que fixeron tratamento en pre-emerxencia a finais de abril é posible que teñan que facer unha segunda pasada en post-emerxencia. Sen humidade non compensa aplicar un herbicida de pre-emerxencia. Son máis caros e non son efectivos, é tirar con el. É mellor esperar a facer unha post-emerxencia temperá, moitas veces co mesmo produto, pero en condicións de humidade, porque se vén sol e seca a superficie neses 2 primeiros dedos de solo, que é onde se ancla e se adhire o herbicida de post-emerxencia temperá, non funciona ben”, aclara.
“A terra está agora en condicións óptimas para labrar”
Jorge Meiriño é técnico da cooperativa Aira en Chantada, a comarca máis rezagada de Galicia na sementeira de millo este ano, malia que nesta zona sempre se procura labrar cedo para evitar no posible os efectos da seca no verán porque se vén nordés acompañado de altas temperaturas en agosto a planta acostuma sufrir moito polo tipo de solo.
O parque de maquinaria de Aira ten previsto sementar arredor de 1.500 hectáreas na comarca de Chantada e a súa zona de influencia, desde Carballedo a Monterroso e Taboada. Neste momento está botada “a metade ou un pouco menos da metade”, di.
Contan acabar en 15 días, máis aló das resementeiras que haxa que volver facer. “Empezouse a sementar antes das choivas e agora estamos retomando, pero as previsións dan tormentas para os vindeiros días. Aínda estamos en prazo; imos máis ou menos coma os anos anteriores, quizais un pouco por diante aínda nesta campaña”, asegura.
Adiantouse moito traballo no mes de abril, logo parouse, pero imos por diante polo menos 8 días
“A terra está boa agora, en condicións óptimas para labrar. O cultivo de millo necesitaba auga, se non chega a chover sería moito peor. E aínda necesita máis”, afirma.
En canto ao estado sanitario e vexetativo do cultivo, Jorge non prevé que este ano haxa problemas coas pragas. “O solo está frío, non creo que haxa moito ataque de xeito inminente. Non están as condicións de temperatura de solo para que haxa rosquiña, porque as temperaturas de noite foron baixas, mesmo houbo xeadas a madrugada do venres ao sábado pasado, de noite baixou de 0 grados e houbo máximas de 2 grados polo día”, conta.
Mala nascencia nas fincas que se botaron cedo
Aira empezou a labrar un ciclo 500 e agora está botando un 300 longo, que será o que manteña xa case até o final da campaña, agás no caso das resementeiras, que acabarán nun 250.
“Unha parte do que se sementou antes de que empezara a chover estropeouse”, asegura Jorge. “O millo tardou en saír moito e as sementes pudriron por encharcamento. Esas primeiras sementeiras non van ser boas porque a planta ao tardar tanto en xerminar perde moita enerxía e non desarrolla ben despois”, di.
“Poden ser 150 ou 200 hectáreas as que se labraron nesa época. Algunhas haberá que resementalas e outras estamos agardando a tomar a decisión. Hai que ver se o número de plantas é suficiente e despois se esas plantas medran”, xustifica.
Máis vale volver sementar antes que ter unha colleita pobre
“Unha parte das parcelas haberá que sementalas de novo e outra parte vanse conservar e non se van resementar pero vai ser un erro. Á xente amárgalle facelo pero ás veces hai que facelo, porque máis vale volver sementar antes que ter unha colleita pobre”, asegura.
Ademais, unha mala colleita de millo sumaríase á unha colleita tamén pobre de herba. “En marzo e abrirl apenas houbo precipitaicón. A colleita de raigrás foi escasa, a primeira corta moi mala e esta segunda algo mellor para o que ensilou a outra cedo e puido abonar.
Galego









Control OJD