Campaña de millo: retraso no crecemento polo frío e a chuvia e problemas coas malas herbas

O cultivo acumula un déficit de horas de sol que afectou ao desenvolvemento fenolóxico da planta e que a fará chegar á época do ensilado cun menor tamaño do habitual. "As tres ou catro semanas de atraso que leva vai ser xa moi dificil que poida recuperalas de aquí ao momento de recollelo", consideran algúns do técnicos consultados

millo herbicida pouco efectivo2Remata un mes de xuño marcado polas baixas temperaturas e por unhas precipitacións abundantes, sobre todo nas zonas de costa, que afectaron de maneira importante ao crecemento do millo forraxeiro, esencial para asegurar a alimentación do gando durante todo o ano nas explotacións de leite galegas.

Tras semanas de tempo frío e inestable, máis propio de comezos da primavera que do inicio do verán, a imaxe que se pode ver nas terras labradas hai máis dun mes non se corresponde co que debería haber a estas alturas do ciclo natural do cultivo.

O cultivo está acusando a humidade e as baixas temperaturas de todo o mes de xuño

O millo quedouse atrás, aletargado, co seu crecemento parado polo frío, mentres que as malas herbas seguiron avanzando, aproveitándose da humidade e do feito de que o millo, ao non medrar, tampouco cubriu as liñas. A isto engadíronse as dificultades para entrar nas terras e aplicar os herbicidas, que coa chuvia e o maior tamaño das herbas tiveron ademais unha menor efectividade, obrigando a facer segundas pasadas en moitas parcelas e castigando nalgúns casos a unha planta de millo xa debilitada e co ollo amarelo.

É unha situación que se repetiu este ano por toda Galicia e mesmo en Asturias, e que ten carácter xeralizado tanto en áreas de costa como a comarca de Bergantiños como de interior, nas principais zonas de cultivo das provincias da Coruña e Lugo.

Aínda que as pragas están a ter menor incidencia este ano, está a haber maiores dificultades para o control das malas herbas

Aínda que houbo explotacións que non tiveron problemas para o control das malas herbas nas parcelas e as pragas están a ter unha menor afectación este ano, a colleita final será seguramente sensiblemente menor á de campañas anteriores, xa que, por moito que mellore e se estabilice a partir de agora a climatoloxía, o tempo perdido pola planta no seu crecemento inicial dificilmente será xa recuperable.

Falamos con algúns técnicos para analizar a situación e dar algúns consellos e recomendacións para tratar de corrixir os problemas detectados nas terras.

“Pódese estimular a planta con correctores a base de aminoácidos ou moléculas como a glicina betaína”

Plantas amarillentas polo efecto do frío e o exceso de humidade

Plantas amarelentas polo efecto do frío e o exceso de humidade

“Detectamos problemas xeneralizados este ano co crecemento do millo, con atrasos importantes de desenvolvemento. Debido ás baixas temperaturas, o millo non puido acumular os graos/día necesarios para ir avanzando nos distintos estados fenolóxicos. Isto fixo que os millos estean pequenos e non estirasen, algo que non é normal estando en xullo, onde deberían estar xa apuntando agora entre 8-10 follas e inicio da floración para espigado. Pero isto non se está producindo, hai unha demora importante, un atraso próximo a 3-4 semanas”, calcula Manolo Cano, técnico comercial de Kenogard para Galicia e a cornixa cantábrica.

Con tan pouca temperatura o millo está a sufrir. Millos que levan mes e medio na terra teñen un tamaño moi pequeno

É dos que cre que “se se estabiliza o bo tempo poderá recuperar algo e acurtar ese atraso porque o millo é moi agradecido en canto vén temperatura” pero engade que “agora debería vir calor, non podemos continuar así porque entón o millo si que o vai a acusar excesivamente”.

Aínda que asegura que o problema deste ano é xeneralizado e estase dando, con circunstancias parecidas, na Coruña, Lugo e Asturias en todas as fincas labradas con millo, considera que “as sementeiras de mediados de maio son as que mellor están a funcionar”, mentres, di, “está a haber verdadeiros problemas no arranque do millo sobre todo en sementeiras máis temperás”.

O millo necesita calor e o seu crecemento está condicionado por iso. A falta de temperatura nun momento crucial para o millo como é entre a cuarta e a quinta folla ao final afecta á mazorca e a todo

Recomenda “estimular un pouco a planta para axudala” a través de aplicacións de correctores a base de aminoácidos, para adiantar a planta e sacala do estado de letargo motivado por tanta auga, ou de moléculas como a glicina betaína, que axudan cando vai frío para que a planta non sufra de estrés. “Cando se dan anos como este hai que buscar solucións deste tipo”, asegura.

Estes tratamentos estimulantes pódense mesturar cos herbicidas de postemerxencia e resultan efectivos, indica. Con todo, aclara que “todas as plantas teñen o seu ciclo e hai unhas etapas moi cruciais do millo, entre a cuarta e a quinta folla, que é onde decide que vai ser de maior, e este ano pasou unha mala etapa nesa fase que afectará ao seu crecemento e desenvolvemento final”.

En Galicia búscase sobre todo un bo tamaño da planta para silo e este ano non se alcanzarán os rendementos que se pretendían

“O millo necesita calor e o seu crecemento está condicionado por iso; a falta de temperatura ao final afecta á mazorca e a todo”, afirma. Por iso prognostica que de cara ao final da campaña “veremos millos con entrenudos máis curtos e menos altura”.

Maiores concentracións de herbicida e aplicación máis amodo

millo herbicida pouco efectivo

Outro problema engadido este ano á falta de crecemento do millo é a maior dificultade para o control das malas herbas. Aínda que os tratamentos de preemerxencia funcionaron ben polo xeral porque cando se aplican, despois de sementeira, necesitan humidade no chan para ser efectivos, “despois o que se necesita é temperatura para que o millo medre e peche rapidamente as liñas de cultivo, desta forma as herbas non saen porque as follas do millo tápanlles o sol, pero este ano iso non se produciu”, argumenta.

As herbas disparáronse e o control non vai ser tan bo

Por iso, e debido a que nas leiras máis molladas non se puido en moitos casos entrar a tratar en postemerxencia até agora, “a herba está lanzada e a eficacia non vai ser a mesma seguramente”, augura. Por iso, recomenda facer estes tratamentos con “volumes de caldo moi superiores e ir máis amodo na aplicación, para deste xeito asegurar unha boa cobertura, xa que hai máis densidade de herba”.

Aínda que en Galicia é habitual que sempre haxa que repasar algunhas zonas da parcela, Manolo recoñece que este ano moitas ganderías tiveron en moitos casos que tratar dúas veces fincas enteiras co herbicida de postemerxencia. “Debemos aprender da cultura dos herbicidas, en post é bo que maten pouco a pouco, que non sexan moi rápidos para que non provoquen unha reinfectación de herba, sobre todo en anos húmidos como este. Se tratas e rapidamente seca estás a deixar sitio a que saia outra herba, sobre todo se o millo non cubriu a terra; mentres que unha herba que seca aos poucos evita que saia outra no seu sitio”, argumenta.

En postemerxencia é bo que os herbicidas maten pouco a pouco para que non se produza unha reinfectación

Ademais de maior custo, o dobre tratamento en moitos casos pode supoñer un castigo tamén para a planta, aínda que o responsable de Kenogard en Galicia descarta que na maioría de casos a cor amarela que este ano presentan as follas centrais do millo se deba ao efecto dos tratamentos.

“Non vimos fitotoxicidade no millo. É certo que cando hai choiva varios días trala aplicación, o herbicida pode afectar tamén á planta e os gandeiros cando vían que as zonas centrais e de brotación poñíanse moi amarelas tiñan a sensación de que era que lle afectaba o herbicida, pero non, era efecto da baixa temperatura”, asegura.

Pragas non se están producindo, non hai grandes problemas de rosquilla como noutros anos máis secos

Quizais o único efecto positivo do frío mes de xuño fose unha menor proliferación das pragas habituais do millo. “Pragas non se están producindo, non hai grandes problemas como noutros anos máis secos, onde hai máis ataque de rosquilla. Só temos visto que na zona de Muxía está a haber algo de taladro do millo, por ostrimia nubialis ou sexania nonagrioides, unha das dúas”, explica.

“O que recomendamos é agardar dous ou tres días a que o millo enverdeza para dar o herbicida e non castigalo máis nese estado”

Efectos dunha mala aplicación de herbicida sobre plantas débiles polo efecto da baixa temperatura e o mal tempo

Efectos dunha mala aplicación de herbicida sobre plantas débiles polo efecto do mal tempo

A comarca de Bergantiños foi quizais unha das máis afectadas de Galicia polos efectos da baixada de temperaturas e os días continuados de chuvia, aínda que Francisco Gónzález, técnico comercial de Progando nesta zona da provincia da Coruña, considera que a situación cambiou para mellor nos últimos días. “Hai una semana os millos estaban moi amarillos no ollo, pero hoxe xa cambiou. Viñéronlle estes días que non choveu e mellorou moito”, asegura.

“No mes de xuño o millo colleu moita auga, non fixo a fotosíntese como debería e faltáballe lignina nesa parte central. É algo que nunca pasara a estas alturas do ano, pero ese problema xa non existe. O panorama cambiou e o millo mellorou e medrou nestes días, a semana pasada dábache polo nocello pero agora en poucos días xa che dá polo xeonllo en moitos sitios, así que se a previsión do tempo se estabiliza vai estar resolto o problema”, considera.

Este ano o segundo corte de herba retrasouse tamén polo mal tempo e o millo sementouse máis tarde do que se debería e xa levaba retraso, así que a can fraco todo son pulgas

Fran lembra que “nesta campaña o segundo corte de herba retrasouse tamén polo mal tempo e o millo sementouse máis tarde do que se debería”, polo que “a can fraco todo son pulgas”, di, porque “xa levaba retraso a maiores por iso e logo a climatoloxía tampouco lle axudou”.

Agora, di, “o que necesita este mes é sol e calor, porque xa ten auga suficiente até o mes de agosto coa humidade que hai no terreo”. Se esas condicións se dan, agarda que as explotacións poidan minimizar as perdas de quilos por hectárea de colleita.

Os herbicidas tardaron máis en actuar, porque ao chover son máis lentos

En relación ao control das malas herbas, recoñece que “os herbicidas tardaron máis en actuar, porque ao chover son máis lentos, e os gandeiros empezaban xa a preocuparse, pero agora que o tempo mellorou están actuando e están sendo efectivos”, di.

No caso dos seus clientes, Progando recomendou non aplicar o herbicida de postemerxencia mentres o tempo non mellorou. “O que se recomendou é que esperaran dous ou tres días a que enverdecera algo para dar o herbicida, para non castigar máis ao millo nese estado. A xente que fixo iso, logrou bos resultados”, asegura.

“O millo vai tirar moito en canto veña calor porque ten humidade”

Finca de millo na comarca da Mariña, onde o cultivo acumula retraso malia ser labrado cedo

Finca de millo na comarca da Mariña, onde o cultivo acumula retraso malia ser labrado cedo

Noutras zonas de costa, como é o caso da Mariña na provincia de Lugo, o millo tamén acumula certo retraso no seu crecemento, pero o feito de ser unha das comarcas galegas que máis madruga á hora de facer a sementeira axudoulle a pasar mellor a situación de inestabilidade meteorolóxica que veu despois.

“Aquí estaba xa todo sementado cando veu o mal tempo e comezou a chover tanto, as últimas fincas soltas dalgúns clientes botámolas a mediados do mes de xuño, pero o gordo xa estaba todo sementado de comezos de xuño”, conta José Portela, técnico da empresa Comercial Agropres, asentada en Barres pero que ten clientes tanto na zona oriental da Mariña coma no occidente de Asturias.

Na nosa zona os herbicidas funcionaron bastante ben en xeral porque cando comezou a chover xa estaba todo sementado e o tratamento de preemerxencia xa estaba aplicado

Nas 1.400 hectáreas sementadas por eles, 900 delas para as súas instalacións de mestura húmida, “evidentemente o millo polo tema do frío non vai tan apurado coma outros anos en crecemento e en fincas máis molladas ten unha cor entre violeta e morada por efecto do frío e do exceso de humidade, pero non hai outro tipo problemas”, indica.

“Os herbicidas aquí nesta zona funcionaron ben en xeral, porque o de preemerxencia xa estaba aplicado de antes e funcionou ben”, asegura. No caso do de postemerxencia, explica que “a entrada retrasouse en fincas máis molladas”. Nestes casos, di, “ao pillar a herba grande non sei como vai ser”.

As malas herbas avanzan igual co frío, mentres o millo estaba parado

Sen embargo, recomenda facer só unha pasada de herbicida, sen repetir o tratamento, xa que “o millo tamén vai pechar en canto veña algo de calor, porque ten humidade e vai tirar moito”, opina. “É certo que tamén medran as malas herbas, que co frío avanzan igual mentres o millo estaba parado”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información