O éxito da campaña de millo está sometido cada ano a unha serie de imprevistos, principalmente meteorolóxicos, que xeran incerteza nas granxas. Por iso é importante tomar as mellores decisións na planificación da campaña. Iso axudaranos a manter unha estabilidade en rendementos e calidades da colleita. Repasamos co equipo técnico de CLUN os principais factores a ter en conta.
Que variedades de millo recomendan sementar esta campaña, en función das comarcas e condicións meteorolóxicas?
A dispersión xeográfica das granxas de CLUN, desde Costa da Morte ata o occidente asturiano, xunto coas diferenzas climáticas e de chans dunhas zonas a outras, levan a que teñamos que dispoñer dun amplo catálogo de variedades para dar resposta ás demandas dos nosos socios. Pensa que nalgúns casos hai zonas que presentan o dobre de pluviometría anual con respecto a outras.
Desde o departamento de Servizos Agronómicos de CLUN enfocámonos en recomendar para cada caso as variedades que reportan maior produtividade en función da zona e o manexo previsto.
É por iso que non traballamos cunha única marca de sementes, senón que tratamos de confeccionar un catálogo CLUN co que mellor se nos adapta de cada casa comercial.
O verdadeiramente importante é centrarse na elección do ciclo adecuado a cada zona, en base á integral térmica
A experiencia dos nosos técnicos, os datos históricos de rendemento e os ensaios de variedades que facemos cada ano en diferentes zonas de Galicia son sen dúbida o soporte máis valioso para unha elección acertada.
De todos os xeitos, e aínda a propósito das diferenzas produtivas e de calidade dunhas variedades a outras, o verdadeiramente importante é centrarse na elección do ciclo adecuado a cada zona, en base á integral térmica. De pouco nos serve unha variedade moi produtiva que non chegue a madurar no momento da colleita.
Por todo iso, un dato moi importante á hora de elixir a variedade é a data de sementeira, xunto coa integral térmica da zona.
A pasada campaña foi especialmente dura, tanto para sementar como para a colleita, debido aos temporais. Como influirá nas decisións para este ano?
O ano medio está moi definido en cada comarca, logo é certo que o ano medio é aquel que nunca ocorre e por tanto, sempre imos ter anos estraños, como sucedeu no 2024.
Non podemos planificar en base a como foi o ano pasado, porque é case seguro que non se repetirá este ano. Si é certo que nos últimos anos e alentados polo bo tempo que adoitaba haber en setembro e outubro, así como por sementeiras cada vez máis temperás, está a aumentar o uso de ciclos longos, nalgúns casos demasiado longos, xa que cando nos vén un ano chuvioso e con pouca temperatura os ciclos non son capaces de chegar á madurez e vémonos obrigados a colleitalos cando a espiga aínda non está no seu momento óptimo.
Isto supón unha perda importante de enerxía por hectárea e o que é peor, unha ensilaxe menos densa enerxéticamente e por tanto, menos adecuado para as vacas de alta produción, como son a maioría das que temos hoxe nas nosas granxas.
É importante a cantidade, pero ollo, non en detrimento dunha menor calidade, e nalgunhas ocasións con estas prácticas de querer encaixar ciclos máis longos do debido, lévannos a unha perda de enerxía/kg de materia seca de ensilaxe.
Está a aumentar o uso de ciclos longos, nalgúns casos demasiado longos, xa que se vén un ano chuvioso e con pouca temperatura, os ciclos non son capaces de chegar á madurez
E doutra banda, ciclos longos lévannos a colleitas tardías e en ocasións a maior dificultade para implantar o cultivo de inverno.

Colleita de millo no CAVI. / Arquivo.
O vigor inicial da variedade ao plantar, a súa dixestibilidade no rume, a precocidade ou a resistencia ás pragas do millo forraxeiro… Como abordan desde Clun tantos condicionantes?
Moitos dos condicionantes á hora de realizar unha correcta selección da semente de millo forraxeiro quedan resoltos coa elaboración dun catálogo con variedades comerciais adecuadas ás diferentes realidades edafoclimáticas do noso ámbito de traballo.
Partindo desa base, o seguinte paso sería analizar cales son as necesidades que o socio busca satisfacer, tendo en conta os condicionantes clásicos, como poden ser nivel de fertilidade do chan, altitude, integral térmica, data de sementeira, posibilidade de encharcamiento, incidencia do vento…
De entre o grupo de variedades que poidan encaixar nos criterios agronómicos antes mencionados, afinariamos a selección seguindo criterios nutricionais, en coordinación cos técnicos de nutrición da cooperativa, xa que de pouco serve un millo excepcional en aspectos como dixestibilidade de fibras se non conseguimos que se desenvolva adecuadamente na zona na que se vai a sementar.
Que peso ten labrar ben no éxito da colleita? Dispoñen de máquinas especializadas en Clun? Din que a sementadora é o 50% dunha boa sementeira.
Labrar o terreo é un punto crítico para o correcto desenvolvemento vexetativo da planta de millo. Dependendo da zona, podemos empregar un método ou outro en función do cultivo previo á implantación do millo. Por exemplo, nos terreos que non se rotan e sempre que a pedregosidade do terreo nolo permita, cremos moi recomendable o uso de apeiros que actualmente non son moi utilizados na nosa zona, como son os cultivadores.
Con iso conseguimos varios obxectivos, como son o mantemento da estrutura do chan, evitando a creación de solas de labor, mellorando ademais a taxa de infiltración de auga, así como a redución do custo da labra por hectárea, diminuíndo polo tanto a pegada de carbono das nosas explotacións.
Cremos moi recomendable o uso de apeiros que actualmente non son moi utilizados na nosa zona, como son os cultivadores
Cando non sexa posible, o clásico labor do arado de vertedera é un valor seguro á hora de preparar o chan, sempre que esta se realice coas condicións de humidade adecuadas, xa que é habitual que cando o tempo é chuvioso e “non serve” para outro tipo de tarefas, se aproveite para arar as terras, isto trae graves problemas de destrución de estrutura do chan, sobre todo en chans con elevada porcentaxe de arxila.
En varias delegacións de CLUN dispoñemos de equipos de sementeira de altas prestacións, ao amparo das novas tecnoloxías da “agricultura 4.0”, ademais de convenios con empresas de servizos agrícolas especializadas.
Sobre os fertilizantes, miden previamente a fertilidade do chan?
A principal ferramenta coa que traballamos son as analíticas de fertilidade de chan, aínda que nos últimos anos, para detectar deficiencias en microelementos, realizamos análises foliares máis especializados que nos permiten afinar á hora de realizar futuros tratamentos correctivos, xa sexa a nivel de chan ou ben a nivel de cultivo mediante aplicacións foliares.
Para a abonado base, os técnicos de CLUN apóianse en ferramentas como FERPLAN, desenvolta por Delagro, que nos permite, partindo dunha analítica de terra e do manexo dos xurros das explotacións, realizar unha recomendación de abonado á carta que permita satisfacer as necesidades do cultivo. En base a todo iso, propoñemos un fertilizante cunha fórmula “á carta” para complementar de forma precisa as necesidades detectadas.
Seleccionar a densidade correcta, profundidade homoxénea, regular a sementadora e a velocidade correcta do tractor, elixir o momento de temperatura máis idóneo… que outros condicionantes e necesidades destacan na sementeira do millo?
Na sementeira de millo, hai varios aspectos clave que non se deben pasar por alto, destacariamos os seguintes:
Primeiramente, tense que preparar un bo leito de sementeira, para iso débese elixir o método adecuado para a súa preparación, desde bancadas de discos rápidas, bancadas rotativas ou fresadoras, sempre en función do grao de humidade do chan e da calidade do labor previo. O tamaño dos agregados do chan non debe ser elevado, xa que a semente podería depositarse entre espazos baleiros e iso dificultaría a súa xerminación.
A profundidade de sementeira é outro piar básico e para iso, a parte do estado do solo no momento de sementeira, hai que ver cal é o prognóstico meteorolóxico polo menos a unha semana vista, xa que a presenza ou non de precipitacións, así como a temperatura ambiente van determinar unha correcta e homoxénea nascencia. Posicionaremos a semente máis superficialmente cando haxa previsión de choivas, e máis profunda cando se prevexan episodios secos.
Para unha nascencia homoxénea do millo, a velocidade de sementeira non debe de ser moi elevada
Ligado ao anterior, convén destacar que, para unha nascencia homoxénea do millo a velocidade de sementeira non debe de ser moi elevada (aconsellamos non pasar do 12km/h), xa que, a pesar de que as actuais sementadoras de alto rendemento sitúan a semente cunha elevada precisión na fileira no plano lonxitudinal mesmo a altas velocidades, cando esta é elevada a variabilidade na profundidade da colocación da semente si que é máis ampla, o que trae consigo diferenzas no tempo de nascencia que, a longo prazo, condicionarán un desenvolvemento inferior das plantas que tardaron máis en saír á superficie.

Parcela de millo na Mariña lucense. / Arquivo.
Son fáciles de xestionar os millos Hdi, de alta dixestibilidade?
É evidente que traballamos con ruminantes e que estes teñen a capacidade, grazas ás bacterias do rume, de extraer enerxía da fibra, algo que os monogástricos non poden. Entendendo isto, e sabendo que non toda a fibra é dixestible, é sinxelo entender que este tipo de variedades seleccionadas pola maior dixestibilidade das fibras son un avance en canto a buscar ensilaxes máis enerxéticas.
Pero como sempre, todo o bo ten parte negativa, e neste caso tamén. Xeralmente a maior dixestibilidade vén dada por un menor contido en lignina (que é indixestible mesmo para os ruminantes), pero claro, a lignina é a base da consistencia do talo e é un piar importante para que a planta se manteña en pé, mesmo en situacións adversas de vento.
As variedades seleccionadas pola maior dixestibilidade das fibras son un avance, pero teñen unha parte negativa, a porcentaxe de lignina é menor e tumban con fortes ventos
Nas últimas décadas, a selección xenética avanzou moito na resistencia ao encamado das plantas, e dada a zona en que nos movemos, con fortes ventos en determinadas épocas do ano, debemos ter especial coidado de que o que melloramos polo lado da dixestibilidade non o empeoremos porque as plantas se tumben e por tanto non podamos aproveitalas. Disto temos un bo exemplo nalgunhas zonas da Mariña Lucense nesta última campaña.
“Estamos nunha evolución de agricultores con vacas a gandeiros con terras”
Seguen delegando as granxas a produción de forraxes no Centro de Alimentación de Gando Vacún (Cavi) de Barreiros? Cantos cooperativistas o usan?
O CAVI é un sistema máis, e afortunadamente na nosa zona non é o único, polo que os gandeiros que deciden estar no sistema é porque o ven como unha solución ás súas necesidades, que poden ser moi diversas: falta de superficie, falta de man de obra, dificultade para obter boas ensilaxes, decisión de non facer investimentos en silos nin en maquinaria etc.
Todo isto apunta a que será un sistema que no futuro aumentará a súa demanda e as ganderías dedicaranse cada vez máis a atención ao gando e externalizarán os labores agrícolas. É algo que vén acontecendo nos últimos anos e cremos que irá a máis. As nosas ganderías están a pasar de ser “agricultores con vacas a ser gandeiros con terra”, e este é un matiz moi importante que está catapultando á gandería de leite galego ao máis alto do pódium europeo.