Campaña de ensilado do millo: máis retrasada e con menor colleita que o ano pasado

A demora nas sementeiras deixarase notar na produción final obtida na maioría das zonas, á espera de que o tempo do mes de outubro permita recoller a totalidade das hectáreas sementadas. A mosca, a rosquilla e o xabarín acabaron por prexudicar o rendemento das fincas

Ensilado de millo este luns en fincas da SAT Carballeiras de Lalín

Ensilado de millo este luns en fincas da SAT Carballeiras de Lalín, con rendementos de 40.000 kg/ha

A campaña de ensilado de millo está a dar comezo estes días nas fincas máis secas das comarcas do interior de Galicia, como o Deza ou Chantada, aínda que o forte do traballo das colleitadoras e remolques no conxunto da comunidade agárdase a partir do 20 de setembro, con máis de 15 días de retraso con respecto a outros anos.

A maior parte das máis de 70.000 hectáreas de millo forraxeiro que se labraron este ano nas principais comarcas leiteiras de Galicia foron botadas máis tarde do habitual, o que se deixará notar na produción final obtida polas explotacións, sobre todo en comparación coa colleita do ano pasado, que foi especialmente boa na maior parte da comunidade, agás na Mariña, onde este ano cambian as tornas e espérase unha boa produción.

O tempo frío e chuvioso desta primavera, sobre todo nos meses de maio e xuño, retrasaron a nascencia e o desenvolvemento da planta, favorecendo nalgunhas zonas a incidencia de pragas como a mosca ou a rosquilla e dificultando a efectividade dos tratamentos para o control das malas herbas, aínda que a situación volveu ser desigual nas distintas comarcas.

Este foi un ano complicado para o cultivo do millo en Galicia e o resultado volverá ser desigual nas distintas comarcas

Tralo remate da campaña de ensilado, que chegará á súa fin cara a mediados de outubro nas zonas máis madrugadoras e en pleno mes de novembro en zonas como a Mariña ou o Xallas, dará comezo a da sementeira das pradeiras naquelas fincas que levan dobre cultivo. Malia a relaxación das esixencias e condicionantes da PAC, a rotación con especies mellorantes volverá ser a protagonista este ano, apostándose de novo por mesturas de cereais de inverno con veza ou de raigrás con trevo. Pero o risco da climatoloxía, metidos xa en pleno outono, podería condicionar tanto o ensilado do millo como a sementeira posterior das pradeiras. 

Jorge Meiriño (Aira)

“Tivemos moito ataque de rosquilla este ano”

O parque de maquinaria da cooperativa Aira empezou a recoller xa algunha finca a semana pasada. Eran todas parcelas nas que o millo se secou.  “Aquí a partir de mediados de xullo non volveu chover e as fincas máis enxoitas sufriron os efectos”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na comarca de Chantada.

“Empezamos máis ou menos como o ano pasado, aquí sempre se empeza cedo porque hai parcelas nas que o millo se seca no final de agosto e hai que sacalas”, di, aínda que o forte da campaña arrincará cara a mediados de setembro.

Eu calculo que teremos unha merca dun 15% na produción con respecto ao ano pasado

Jorge calcula unha merma do 15% na produción con respecto ao ano pasado, que foi un ano bo nesta zona. Os motivos do descenso de rendemento foron varias. Por un lado, atrasáronse as sementeiras e iso obrigou a usar ciclos máis curtos. “Nótaselle ao millo porque as parcelas mellores non se puideron sementar ata tarde ao estar moi encharcadas”, explica.

A maiores, as pragas afectaron máis tamén. “Este ano houbo moitos problemas de rosquilla nesta zona (aramio non é habitual que haxa) e veremos a ver que pasa até o final da campaña, porque cando hai ataques de rosquilla cedo hainos tamén tardíos e se chove e fai vento hai millo que se vai tumbar, porque as raíces non están sas”, advirte.

É doado que cando pese a espiga, o millo afectado pola rosquilla se deite e caia

Agárdase sen embargo que a calidade do silo sexa boa e acade un bo nivel nutricional. “Cando mingua o número de plantas polo efecto da rosquilla, baixas en produción pero acostuma aumentar un pouco o grao, porque as plantas que quedan teñen máis espazo para medar e son máis grandes e fortes, polo que perdes cantidade pero gañas ás veces calidade”, explica. 

Máis danos do xabarín

Os danos provocados pola fauna salvaxe tamén serán maiores nesta campaña na zona sur de Lugo. “Este ano tivemos un pouquiño máis de incidencia de xabarín ca na campaña anterior. O ano pasado houbo máis precipitación e veu máis repartida e eu penso que o xabarín tiña máis comida ca este ano e aproveitou máis outras cousas, este ano foi máis ao millo porque tiña menos alternativas”, razoa Jorge.

A cooperativa Aira prevé rematar de ensilar a mediados de outubro as preto de 2.000 hectáreas que colleitan na comarca de Chantada, onde a campaña vén durando uns 40 días.

De cara á sementeira posterior das pradeiras, na zona vólvese apostar por mesturas de raigrás con trevo e cereais de inverno con veza. Este ano non se espera que se repitan os problemas para conseguir algunhas sementes que houbo o ano pasado e mesmo poderían moderarse algo os custos dalgunhas leguminosas, como a veza, que se disparou de prezo na anterior campaña.  

José Ramón Loza (CLUN): “O millo vai bonito pero moi atrasado; empezaremos a ensilar 3 semanas máis tarde do habitual”

José Ramón Loza, responsable de cultivos da cooperativa Clun e do parque de maquinaria que Irmandiños ten na Devesa (Ribadeo), relata a situación este ano na Mariña: “o millo vai moi bonito pero atrasado, non prevemos empezar a ensilar polo menos até o 20 de setembro”.

“Acurtamos os ciclos un pouco con respecto ao ano pasado, pero fomos un mes máis tarde na sementeira e imos empezar tres semanas máis tarde a recoller”, indica. As primeiras sementeiras que fixeron na zona de costa seguiron sendo ciclo 600, coma outros anos, pero despois víronse obrigados a empregar ciclos 400 “e de aí para abaixo”. “O ano pasado botamos máis ciclos 500, pero este ano practicamente nada, pasamos do ciclo 600 de antes das chuvias da primavera directamente ao 400”, conta. “Este verán houbo falta de sol e non se acumulan os grados necesarios para completar o ciclo do millo”, explica.

Este ano na zona norte de Lugo houbo chuvia abundante no verán pero déficit de horas de sol

Pola contra, houbo moitos días de chuvia repartida en todas as semanas durante os meses do verán e iso está a permitir que o millo se manteña verde. “Non se viu ningún día as follas do millo enroscadas e con síntomas de estrés hídrico, nin en xullo nin en agosto”, salienta José Ramón.

Este ano non houbo tampouco na Mariña problemas de pragas e enfermidades, nin de ouruga defoliadora (Mythimna unipuncta) nin de rosquilla (verme gris). “Detectamos algúns focos puntuais de rosquilla, pero moi localizados e solucionáronse bastante rápido. Unicamente se viu algo de rosquilla no primeiro estadío pero moi pouca e controlouse ben”, di.

Hai moita presenza de xabarín pero os danos están moi repartidos; non hai grandes destrozos polo de agora

Outro dos perigos habituais que acostuma ameazar o cultivo no estadío final, sobre todo tras botar a espiga, é a fauna salvaxe. “O xabarín está tocando este ano moitas zonas pero non provocou aínda grandes destrozos. Hai moita presenza pero os danos están moi repartidos e non chegan ao nivel necesario para dar parte ao seguro”, admite.

O risco de que queden fincas sen recoller

Así as cousas, este ano, a expensas de que o tempo permita recoller todas as fincas, a produción pode ser boa. Agárdase unha colleita mellor ca do ano ano pasado, na que de media se recolleran un 20% menos de quilos de forraxe. “Este ano en zonas de costa vai haber facilmente o dobre de millo que o ano pasado e en liñas xerais a produción vai estar un pouco por enriba da media”, prognostica.

En zonas de costa vai haber facilmente o dobre de millo que o ano pasado

“Todo a expensas de que se poida recoller todo o millo, ese é o risco agora, porque este ano haberá que meterse en novembro para poder acabar”, avanza o responsable da maquinaria de Irmandiños.

Teñen por diante 1.400 hectáreas que picar “e as máquinas rinden o que rinden”, recoñece. “Sendo todos os días útiles fannos falta case dous meses. Sairemos con 3 picadoras, máis as de empresas colaboradoras, polo que no forte da campaña podemos estar picando con 5 ou 6 máquinas simultaneamente”, di.

Millo máis húmido no silo

A campaña de ensilado será este ano en pleno outono, cando as temperaturas pola noite xa descenden. “Se non hai moito apuro miramos de empezar a picar un pouco máis tarde, cando sae o sol, pero no forte da campaña iso non é posible e hai que aproveitar todas as horas. Quizais non sexa o óptimo ensilar co orballo de primeira hora da mañá, pero temos que priorizar a loxística e que anden as máquinas”, recoñece José Ramón.

No CAVI de Irmandiños prefiren previr a aparición de posibles problemas no silo coa aplicación de produtos estabilizantes. “Sempre se bota algún inoculante no silo que serve un pouco tamén para curarse en saúde”, di.

As mesturas de cereal con leguminosas poden labrarse máis tarde que o raigrás

O retraso no ensilado condicionará tamén a sementeira posterior do cultivo de inverno. Hai anos que apostan por mesturas de cereais con leguminosas nas fincas de xestión directa con destino ao centro de alimentación da cooperativa (CAVI) e aínda que se poida producir certo retraso no laboreo (condicionado á posibilidade de entrar nas fincas), a esixencia de sementar o cereal antes da chegada do inverno non é a mesma ca no caso das gramíneas.  

Jesús Otero (Forxabar): “Imos tratar de que queden o menor número de fincas baleiras, pero imos ter que labralas en pleno mes de novembro”

Na comarca do Xallas, unha das grandes zonas produtoras de leite de Galicia, o millo vai este ano tamén retrasado. “O ano pasado empezaramos o 7 de setembro a picar e este ano non comezaremos até despois do 20 de setembro pero temos poucas hectáreas que vaian estar para esa época, a maioría estarán para outubro”, explica Jesús Otero, técnico da cooperativa Ganxabar e do centro de forraxes en conxunto Forxabar.

A colleita de millo do ano pasado nesta zona fora excepcional pero as condicións non se deron para que este ano se repita. “O ano pasado fora histórico, non acordamos nunca unha produción tan alta de millo, houbo medias de máis de 60.000 quilos por hectárea nalgúns dos socios e a media total, con pesadas reais, foi de case de 60.000 quilos. Pero este ano prevese unha produción normal, no entorno dos 45.000 quilos”, calcula. 

O ano pasado fora histórico, non acordamos nunca unha produción tan alta de millo na zona

“Este ano a sementeira retrasouse moitísimo porque non houbo estabilidade no tempo para labrar e agora imos sufrir ese retraso na recollida, porque o ensilado vaise facer mais tarde, e tamén porque se vai notar na produción, xa que fomos a ciclos máis curtos. A planta ten moi boa pinta pero a nivel de espiga prevese máis pequena e perderanse quilos de amidón”, indica.

Problemas de mosca na nascencia

A maiores do retraso na sementeira, nas fincas que xestiona Forxabar nas comarcas de Xallas e A Barcala déronse este ano problemas de mosca (Phorbia platura), un díptero pequeno de entre 4 e 6 mm que se sente atraído por superficies húmidas en solos recén labrados.

O desenvolvemento das larvas novas despois da posta dos ovos nas cavidades do chan vese favorecido pola presenza de materia orgánica da que se alimentan, antes de atacar aos grans do millo que se atopan en fase de xerminación.

“Cando se sementou o millo que se labrou a principios de abril e despois empezou a chover, o gran estivo moito tempo enterrado e tivemos bastantes problemas de mosca, houbo hectáreas que tivemos que resementar e outras que se deixaron e nas que hai moi bo millo pero poucas plantas”, explica Suso.

Comeza a verse algo de verme soldado na punta das espigas, pero non hai danos importantes nas follas de momento

En cambio, o verme soldado (Mythimna unipuncta), que tivera unha forte incidencia o ano pasado nesta zona, defoliando fincas enteiras, este ano de momento non causou danos. “Empeza a verse algo de verme nas puntas das espigas, o que pode afectar un pouco á conservación por fungos, pero de momento non se ven follas afectadas”, di.

Como prevención, teñen previsto inocular bacterias ao silo para que se acelere o proceso de fermentación e aumente o ácido láctico. Este ano xa as botaron tamén en todos os silos de herba, agás nos primeiros que fixeron, os do corte de limpeza das pradeiras, no que usaron un conservante químico porque a forraxe entrou moi húmida ao silo. “Ese silo estámolo abrindo agora e funcionou ben o produto”, destacan.

Renuncia a facer grao húmido para minimizar riscos

Na última semana de setembro Forxabar recollerá entre o 12 e o 15% do millo labrado, que acada un total de 850 hectáreas, unhas 30 máis que o ano pasado. Comezarán polas fincas que se sementaron a mediados de abril, antes de que empezara a chover, que quedaran no inverno con cultivo verde para enterrar.  

A maioría do millo terá que quedar para recoller en outubro

Pero a maioría da superficie labrada terá que quedar para recoller durante o mes de outubro, avanza Suso, polo que este ano renunciarán a facer gran húmido, como viñan facendo nas últimas campañas, posto que a esas plantas aínda lles habería que agardar unhas semanas a maiores.

“Este ano dadas as condicións que temos, por un lado menos produción e por outro máis risco á hora de coller o gran, imos intentar meter todo a silo na medida do posible, para minimizar o risco que vai supoñer facer o gran húmido, xa que vai vir moi tarde e a nivel de fungos se se colle húmido pode dar problemas despois na ración”, explica Suso.  

O ano pasado Forxabar deixara un total de 190 ha a gran húmido

Despois de encher os silos do centro de alimentación, o ano pasado Forxabar deixara un total de 190 hectáreas a gran húmido, unha estratexia que lles permitiu reducir as necesidades de compra de concentrados e abaratar o custo da ración, algo que este ano non será posible por esta vía. Sen embargo, o custo do gran de millo abaratouse nos últimos meses e “prevese un ano estable do cereal para o ano que vén, aínda que con certa suba”, matiza.

Apurar a sementeira

Coa axuda dos socios, que botan unha man coa súa maquinaria nas campañas, Forxabar tratará de apurar no posible a recollida do millo para acometer despois os traballos de laboreo e sementeira nas terras.

“Até final de outubro, no mellor dos casos, vai ser complicado acabar de ensilar todo o millo e despois vaise intentar que queden o mínimo de fincas baleiras, aínda que iso depende de cómo veña o tempo, se nos permite entrar nas parcelas ou non, porque imos ter que labrar en pleno mes de novembro”, recoñece.

Unha parte das fincas repetirán con cultivo para abono en verde (mestura de leguminosas para enterrar e tamén algunha parcela con nabizas, para que lles aporten materia orgánica e nitróxeno) e no resto da superficie utilizarán cultivos forraxeiros para ensilar (nunhas fincas meten raigrás híbrido só e outras van con mestura de gramíneas con leguminosa para cumprir tamén coa PAC).  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información