Campaña de ensilado de herba: colleita escasa pola falta de chuvias en marzo e abril

O encharcamento das fincas no inverno impediu en moitos casos poder entrar a triturar e abonar. A seca posterior mermou o rendemento das pradeiras. En moitas zonas só se poderá facer un corte para poder botar o millo a tempo

Parque de maquinaria de Cobideza ensilando unha finca de raigrás

Parque de maquinaria de Cobideza ensilando unha finca de raigrás

A campaña de ensilado de herba avanza a bo ritmo en Galicia favorecida polo tempo estable, que está a propiciar tamén un adiantamento das labores de preparación das terras para a sementeira do millo, que está a comezar xa estes días tanto en zonas de costa como nas comarcas do interior.

Con todo, este non foi un bo ano para a herba, posto que choveu a destempo. As abondosas precipitacións do inverno provocaron un encharcamento das fincas que impediu entrar coa maquinaria no mes de febreiro a triturar e abonar con purín. Tampouco se aproveitou o abono químico botado en marzo, pois a falta de chuvias fixo que non se disolvera e non puidera ser aproveitado pola herba, que notou a falta de humidade e medrou menos.

O tempo estable está a permitir facer un bo presecado á herba pero o rendemento é menor

Así, o rendemento está a ser menor do habitual, sobre todo nas zonas do interior, onde a seca se deixa notar xa nas fincas de cara a botar o millo. Se non chove nos vindeiros días, haberá que apurar a sementalo. As présas estanse a notar na demanda de sementes, pois escasean os ciclos longos, ao contrario do que aconteceu o ano pasado.

Escasean os ciclos longos de millo polo adiantamento da campaña de sementeira

A nivel de custos, a campaña tanto de ensilado da herba como de sementeira do millo está condicionada pola forte suba do gasóleo, que vai encarecer os traballos. A suba dos fertilizantes e dos plásticos, como consecuencia tamén da guerra de Irán, incrementará os custos de produción de forraxe das explotacións arredor dun 15% nun momento de baixada no prezo do leite.

Coñecemos cal é a situación nas distintas comarcas leiteiras de Galicia:

“A herba rendiu pouco; haberá que compensar co millo”

Jorge Meiriño é técnico da cooperativa Aira na comarca de Chantada, onde o parque de maquinaria está a compatibilizar o ensilado da herba co comezo da sementeira do millo. Para a herba, trabállase con 6 colleitadoras e normalmente vai o equipo íntegro, con transporte incluído. As previsións de sementeira de millo rondan as 2.000 hectáreas, pero a superficie de herba multiplica esta cifra por tres ou por catro.

“Levamos ensilado xa a metade. Este ano non houbo segundos cortes. O que ensilou xa está abonando e laboreando. Aquí non podemos agardar a sacarlle dous cortes porque senón o millo penaliza”, indica.

O corte de herba que se está a facer está a render pouco, recoñece. “A calidade polo xeral é boa pero estase recollendo pouca cantidade. Non se puido nin entrar ben para abonar porque ao comezo estaba todo encharcado e logo non volveu a chover nada en todo marzo e no que vai de abril e nalgunha zona tocouna a xeada e parou o crecemento”, di.

Seca no mes de abril

Jorge asegura que “este é un ano moi raro, porque hai moita seca xa a estas alturas”. “Hai zonas nas que a herba vai seca. Como non chova algo non vai retoñar ben a herba para a segunda corta nas zonas onde non se bota millo e tampouco vai haber boa nescencia do millo”, prognostica.

Aira comezou a sementeira do millo a semana pasada con ciclos 500 e 400 longos

Na zona de Chantada, Aira empezou a labrar as fincas que estaban paradas a mediados da semana pasada, aínda que o forte agárdase a finais desta semana. A previsión inicial de sementeira era semellante ao do ano pasado, pero non se descarta que haxa un incremento de superficie. “A herba rendiu pouco, habería que compensar con millo”, recomenda Jorge.

O abono para o millo subiu uns 40€ en tonelada

Pero o tempo non anima a sementar, e a suba de custos tampouco. “Axustáronse os prezos de traballo e modificáronse as tarifas un pouco. Non houbo máis remedio que restruturar iso pola suba do gasóleo”, explica.

O fertilizante do millo encareceuse arredor dun 7%, e iso que cooperativas como Aira foran previsoras e tíñano mercado antes de que estalara a guerra. “Nunha fórmula para millo de 600€ a suba é de 40 euros”, detalla. Proporcionalmente, di, a suba foi maior nos nitroxenados que se empregan na pradeira. “O NAC subiu un 10%”, compara.

“Hai escaseza de sementes de ciclos longos para o millo; o ano pasado fora á inversa”

Ao igual que en Chantada, na comarca do Deza a campaña de ensilado da herba avanza a bo ritmo, aínda que a climatoloxía desta primavera condicionou o resultado final. “Influíu na cantidade e retrasou a fecha de corte. En xeral hai pouca herba por falta de humidade no momento no que facía falta. Por iso o rendemento está a ser máis escaso. A herba este ano foi criada con moito sol, frío e pouca auga”, resume Héctor Gónzález, técnico da cooperativa Cobideza.

“Houbo casos que como choveu tanto non puideron facer unha trituración da pradeira en xaneiro-febreiro para facer un corte único e forte este mes e entón optaron por aproveitala para facer un corte de limpeza ou retirala para un montón de esterco porque xa era moi grande para que o terreo a asimilara”, di.

Como non choveu, o abono químico tampouco cumpriu a súa función

Houbo dificultades mesmo para que o fertilizante químico cumprira a súa función. Aplicouse arredor do San Xosé e desde entón até que se segou non caeu unha gota, polo que non se puido disolver como debera e non fixo o efecto agardado. Cada vez se usa menos o NAC, porque hai outros nitroxenados máis completos e protexidos”, asegura.

Púidose ensilar sen présas, paulatinamente, porque o clima non apuraba

A parte boa do tempo estable que está a haber nas últimas semanas é que aporta unha maior marxe para a realización dos traballos. “Púidose ensilar sen présas, paulatinamente, porque o clima non apuraba. O bo tempo permite facer un presecado moi bo, cousa que vai influír directamente na calidade”, afirma.

Riscos para a nascencia do millo

Cobideza prevé sementar este ano unhas 900 hectáreas de millo nas comarcas do Deza e a Ulloa. “Imos empezar estes días nalgunhas fincas xa ensiladas e en leiras baleiras que quedaron a barbeito ou con cultivo de inverno. Empezaremos por esas e despois polos que fixeron xa o corte”, conta.

“Púidose ensilar sen présas, paulatinamente, porque o clima non apuraba, e o traballo de preparación das terras fíxose tamén de maneira escalonada. Pero se seguimos sen chuvias dentro de dúas semanas estaremos con moito apuro, porque está a terra moi seca e temos que sementar o millo xa, porque temos medo que non naza ben e non se implante ben. Xa estamos todos pedindo auga”, recoñece.

Se seguimos sen chuvias dentro de dúas semanas estaremos con moito apuro por labrar, porque está a terra moi seca e pode influír á nascencia

A urxencia por labrar canto antes está a facer que escaseen os ciclos longos. “O ano pasado fora á inversa, porque houbera un abril moi chuvioso e non permitira facer o corte principal de herba no tempo axeitado e houbera que retrasar a sementeira á segunda quincena de maio”, lembra Héctor.  

“Como moito botamos algún ciclo 500 e maioritariamente 400 na zona do Deza e ciclos máis curtos, entre 300 e 200, na zona da Ulloa e Portomarín porque alí o clima é un pouco máis frío e mesmo máis seco e o terreo máis areoso. Para asegurar o cultivo reducimos o ciclo para que forme a espiga coa humidade da primavera, aseguramos a produción en espiga e amidón e reducimos produción vexetativa da planta, a produción de forraxe para ter unha planta equilibrada. Cun ciclo moi longo naquela zona corres o risco de ter unha cana moi longa pero sen espiga”, di.

O custo da sementeira encarecerase este ano entre un 10 e un 15%

No forte da campaña Aira traballa con 4 sementadoras e Héctor calcula un encarecemento de entre un 10 e un 15% este ano nos custos da sementeira do millo, tendo en conta a suba do gasóleo, dos abonos, da man de obra e do resto de conceptos.

En conxunto, o custo final por hectárea pasará de entre 1.400 e 1.800 euros, dependendo dos traballos contratados, a entre 1.550 e case 2.000 euros, calcula. “O alugueiro das fincas e a semente do millo mantéñense estable, pero a maioría das labores son realizadas con maquinaria, que se verá influenciada pola suba do 30% do gasóleo. O fertilizante subiu en torno a un 10% e os talleres e a man de obra seguen á alza, cun incremento dun 5% anualmente”, detalla.

“Imos con 20 días de adianto na sementeira do millo con respecto ao ano pasado”

Ensilado herba Os Irmandiños Clun A MarinhaJosé Ramón Loza é o responsable de cultivos e maquinaria da cooperativa CLUN na Mariña, onde o parque de maquinaria de Os Irmandiños encárgase de facer unhas 2.500 hectáreas en varios cortes de ensilado de herba.

“A campaña de herba nunha parte moi importante xa está feita. Os últimos primeiros cortes estanse facendo esta semana e quedarían os segundos, aínda que cada vez se fan menos segundos cortes”, di.

“O que botamos para o CAVI é todo cereal con leguminosa, salvo en zonas máis propicias ao encharcamento, onde botamos unha mestura de raigrás con trevo, porque vai mellor nestes casos. Fomos dos primeiros que apostamos polas mesturas de cereal e seguiunos moita xente, cada vez se bota máis”, asegura José Ramón.

En canto aos rendementos por hectárea, recoñece que nalgún caso non se puido abonar polas chuvias do inverno e cando se puido entrar a herba xa estaba moi grande. Neses casos, a colleita está a ser menor, pero nas fincas que se puido facer un manexo normal o resultado está a ser similar ao de anos anteriores: en torno a 20 toneladas de materia verde por hectárea no caso das mesturas de cereal con leguminosa e 13-14 toneladas para o raigrás con trevo.

Sementeira do millo adiantada

O tempo enxoito que se está a vivir tamén na Mariña nas últimas semanas está a adiantar a campaña de sementeira do millo. “Este ano labraremos entre 1.300 e 1.400 hectáreas. Xa empezamos en fincas que estaban paradas e tamén nalgunha que tiña este tipo de mesturas de cereal xa están labradas”, avanza.

“Imos 20 días antes que o ano pasado no inicio da sementeira pero non vai haber moita diferenza en canto a ciclos. Comezamos cun 600 largo na zona de costa. Cara o interior aínda non empezamos a sementar”, matiza.

Traballamos con prezos moi axustados e calquera incremento importante no gasóleo repercute de xeito directo no custo final

O parque de maquinaria de Os Irmandiños traballa na zona da Mariña oriental até Trabada e Mondoñedo, no occidente asturiano, na zona da Terra Chá, chegando a concellos como Abadín, Xermade ou Guitiriz cando algún socio desta zona demanda os seus servizos.

Tamén neste caso os prezos se van ver arrastrados polo encarecemento do combustible. “Traballamos con prezos moi axustados e calquera incremento importante no gasóleo repercute de xeito directo no custo final”, admite José Ramón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información