Campaña de ensilado da herba: Grandes producións pero atrasada polas choivas

Boa parte das ganderías galegas apuran nestes días as tarefas de ensilado. A inestabilidade meteorolóxica provoca perdas na calidade dos silos, pero deixa un incremento da cantidade de herba nestes primeiros cortes

Campaña de ensilado da herba: Grandes producións pero atrasada polas choivas

Traballos de ensilado realizados pola cooperativa Cobideza nunha finca da comarca do Deza.

O bo tempo desta semana, a pesar das treboadas, apurou as tarefas de ensilado da herba nas ganderías de vacún de leite de toda Galicia. A campaña leva varias semanas de atraso posto que, se o tempo tivera acompañado, boa parte dos gandeiros terían feito xa o ensilado para evitar que a herba se pasase.

A humidade está a condicionar a calidade dos silos así como o atraso no corte, posto que moita da herba cumpriu xa o ciclo. O tempo axeitado para realizar o abonado nos meses pasados e as chuvias que impediron facer cortes de limpeza en moitas fincas deixaron unha gran cantidade de herba para estes primeiros cortes da campaña de ensilado.

Repasamos como está avanzando a campaña de ensilado nas principais zonas gandeiras de Galicia:

Na Mariña: “Ó atrasar o ensilado cabe esperar que os silos teñan tamén máis fibra”

Na Mariña lucense a campaña leva algunhas semanas de atraso, aínda que esta mesma semana agardan deixar listos a maior parte dos primeiros cortes. “Na zona de A Pastoriza, Xermade e Guitiriz aínda queda moita herba por ensilar, pero na Mariña, que adoita ir con algo máis de adianto, xa estamos rematando os primeiros cortes da campaña da herba”, explica Mauro Louzán, técnico da cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun.

A inestabilidade meteorolóxica fixo que os cortes se atrasen e condicionará as calidades dos silos. Aínda pendentes dos resultados das primeiras analíticas, “cabe esperar que os silos teñan tamén máis fibra”, apunta Louzán. Tamén constata que hai un incremento da cantidade de herba con respecto a outros anos e que se evidencia máis tamén nas fincas de A Pastoriza e de Xermade. “Nalgunhas fincas nin se puido facer corte de limpeza co que haberá máis cantidade de herba”, indica Louzán.

Lugo: “Emprégase máis conservante nos silos para tentar paliar as condicións do ensilado”

Na maioría das granxas da zona de Lugo e Pol levan xa arredor de 2 semanas agardando para realizar o ensilado. A inestabilidade meteorolóxica fixo que ata o venres pasado poucos puideran realizar o corte da herba. “A campaña do ensilado vai con atraso e tamén a do millo. Así, na zona de Lugo sementouse xa algún, sobre todo ciclos longos e en terras baldías, pero en Friol ou Pol case non hai millo botado”, explica Rocío Cabado, técnica da cooperativa Aira nestes concellos.

A cantidade de humidade coa que se fixeron algúns silos está a provocar un incremento das vendas de conservantes. “Os gandeiros están cada vez máis concienciados de que é preciso garantir a calidade dos silos e tentan botar man de tódolos recursos que teñen dispoñibles. Emprégase máis conservante para así tentar paliar que as condicións non fosen as mellores para o ensilado”, indica Cabado.

As tormentas dos últimos días tampouco axudaron a realizar os silos da mellor maneira. “Coas chuvias, ademais da humidade da herba, sempre vai máis terra para os silos, que tampouco é o mellor”, valora a técnica.

Sarria: “Facendo ben o ensilado aínda se van poder conseguir boas calidades nos silos”

En Sarria (Lugo) aínda queda boa parte das fincas por ensilar. A finais da semana pasada houbo xa gandeiros que optaron por ensilar, pero o forte concentrase nestes días. “O bo tempo de marzo permitiu abonar, co que hai moita cantidade de herba nas fincas”, explica Alberto Santín, un dos técnicos encargados do ensilado na planta de mestura húmida que a cooperativa Aira xestiona en Sarria, a segunda máis importante de Galicia despois da que Clun ten na Mariña.

As treboadas fixeron que a herba espigase xa ou que caese co que está dificultando un pouco as tarefas de ensilado. “Facendo ben o ensilado aínda se van poder conseguir boas calidades nos silos”, indica Santín. Tamén incide en que a conservación dos silos, debido á humidade será unha das maiores complicacións. “Dende a cooperativa recomendamos empregar conservante para aumentar a calidade dos ensilados da herba, que é o que máis costa lograr en Galicia”, detalla. Ó mesmo tempo insiste na importancia de estender a herba no prado e darlle un pouco de presecado, sempre que o tempo acompañe.

Chantada: “A campaña vai atrasa, pero hai unha produción de herba alta”

No sur de Lugo, antes das chuvias ensilouse arredor dun 20% da herba que había para esta campaña e co bo tempo están, ó igual que no resto de Galicia, a apurar o ensilado. “Estes días estamos traballando a tope porque coa calor a herba tamén vai empezar a espigar e pasarse”, explica Jorge Meiriño, un dos técnicos de Aira, que leva a zona de Chantada.

Os labores de ensilado tamén van con atraso nesta zona para o estado no que se atopaba a maior parte da herba. “O atraso non é tanto en datas, senón en como debía de ensilarse esa herba”, explica Meiriño. A campaña está deixando tamén unha produción alta de herba e aínda que hai moitas zonas en que as chuvias deitaron a herba, o bo tempo tamén está permitindo que en moitos prados se ventile e melloren as condicións para o ensilado.

Se as previsións meteorolóxicas se cumpren e o bo tempo acompaña, agardan ter ensilado arredor do 60% da herba desta zona contra finais desta mesma semana.

Guntín: “O abonado fíxose en tempo e agora a herba comeza a pasarse”

Na zona de Guntín e Palas de Rei (Lugo) poucos conseguiron ensilar ata o de agora e o forte da campaña concéntrase nestes días. “Moitos dos que decidiron ensilar antes tampouco conseguiron meter boas calidades porque moita herba foi mollada, xa que case non veu día que non chovera”, indica Silvia Cendán, técnica de Aira responsable desta zona.

Tamén nestas ganderías están a contar cunha importante cantidade de herba para ensilar, pero que xa comeza a espigar. “O abonado puido facerse en tempo e agora a herba hai días que estaba lista para ensilar”, detalla Cendán. O habitual é que xa a finais de abril estea case rematada a ensiladura, mentres que este ano aínda son poucas as granxas que conseguiron facela.

Xallas e Barcala: “A calidade dos silos vaise ver reducida pola humidade”

O ensilado na Cuma Xallas e Barcala, de Mazaricos, (A Coruña) leva algo máis dunha semana de atraso aínda que o primeiro corte xa o fixeron no mes de marzo. “Xa podiamos ter ensilado se o tempo tivera acompañado”, explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, que agrupa a 8 ganderías da zona que comparten a xestión dos forraxes e da recría. Agardan que a finais desta semana ou na próxima poidan facer o segundo corte nas 150 hectáreas que teñen de pradeiras permanentes.

“Hai moita cantidade de herba, pero a calidade dos silos vaise ver reducida pola humidade”, concreta Cundíns. Moitos dos silos conseguiron facer o corte con bo tempo, porén as chuvias condicionaron o ensilado. Ademais, algunha da herba xa non estaba no momento óptimo para ensilar, como recorda o técnico.

Á marxe deste segundo corte, en Ganxabar aínda contan realizar un terceiro corte, como levan facendo nos últimos anos. Agardan facelo no mes de xuño ou xullo nas pradeiras permanentes, unha herba que ensilarán ou deixarán para seco, en función das condicións meteorolóxicas.

Deza: “Aínda queda máis do 80% da herba do primeiro corte por meter”

Na comarca do Deza (Pontevedra), unha das zonas leiteiras do centro de Galicia, estes días son moitos os gandeiros que afrontan o ensilado. Na cooperativa Cobideza a campaña vai con case 3 semanas de atraso e nesta semana comezaron co ensilado para os seus socios. “Aínda queda máis do 80% da herba por meter cando a estas alturas o normal sería ter ensilado xa a metade”, explica Kiko Mosquera, o responsable de maquinaria da cooperativa.

As chuvias, ademais de impedir que se fixera o corte cando a herba o requiría, tamén condicionan o ensilado deste primeiro corte na zona. “O primeiro corte vai ser bastante malo. Hai moita cantidade, pero pouca calidade”, concretan dende Cobideza. A calidade dos silos redúcese ó contar con herba moi grande e estar moi mollada, segundo indica Mosquera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información