
Información e concienciación
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) ven de lanzar unha campaña informativa e de sensibilización para concienciar da necesidade dun manexo adecuado dos tractores e tentar reducir así a sinistralidade derivada do seu uso nas zonas rurais.
A campaña realízase en formato cartel e documento informativo para a súa difusión tanto en soporte de papel como por vía web e redes sociais. Segundo informa o Issga, o reparto dos documentos informativos realízase por axentes da Dirección Xeral de Tráfico en todo o rural galego.
Vanse distribuír entre os destinatarios da campaña 5.000 guías técnicas ademais dos carteis informativos
Así, están distribuidas guías técnicas e carteis en galego e castelán “co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles e aquelas que teñan relación coa utilización do tractor no campo galego”.
Ademais, vaise facer entrega de exemplares á Consellería do Medio Rural para que se facilite o devandito documento a todas as persoas que realicen o trámite da Inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) así como nas estacións móbiles da Inspección Técnica de Vehículos (ITV) para que lles sexan entregados cando realicen estre trámite nas mesmas.

A campaña vaise desenvolver en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico
O obxectivo que se marca na campaña é o de chegar á poboación rural que utiliza o tractor coas seguintes mensaxes:
• Alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros
• Informar de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros
• Achegar recomendacións básicas, que de terse en conta evitarían os accidentes, ou cando menos, minimizarían a súas consecuencias, xa que, desgraciadamente, moitas veces as lesións son graves e mortais
A campaña está pensada non só para a poboación activa e traballadora, senón para todos aquelas persoas que fan uso de tractores. E é que, din dende o Issga, “nunha porcentaxe moi elevada estes sinistros co tractor sófrenos persoas que están fóra do ámbito laboral (xubilados, agricultores a tempo parcial, actividades de fin de semana…), e cunha incidencia moi importante de accidentes na vía pública, é dicir, accidentes de tráfico”.
Os destinatarios da campaña son todas aquelas persoas que viven no rural e empregan tractores, independentemente da súa situación laboral
Dese xeito, os destinatarios son toda a poboación rural, “dende os traballadores que utilizan o tractor ata o resto de persoas que realizan actividades no ámbito familiar para que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor”.
O Issga lembra que a campaña englóbase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, como unha das liñas de actuación recollidas no seu Plan de actuación para 2026: realizar campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co manexo seguro do tractor e a seguridade viaria.
Documentación técnica
Para ofrecer toda a información e recomendacións posibles, e como órgano técnico especializado en prevención de riscos, o Issga elaborou dous documentos técnicos nos que se recollen os aspectos técnicos en catro ámbitos que se consideran “os máis relevantes na prevención dos riscos e que se derivan da investigación destes accidentes con tractor”:
• Seguridade viaria
• Protección da toma de forza, do eixe cardán e da entrada de potencia da máquina
• Medidas fronte ao envorco
• Protección do tractor fronte ao envorco.
Na documentación técnica da campaña incídese no cumprimento das normas de tráfico e seguridade viaria: velocidade, sinalización e manobras perigosas, así como a necesidade de pasar a ITV e a homologación e matriculación do vehículo.
O documento técnico insiste na obrigatoriedade de cumprir todas as medidas de protección e seguridade
Tamén se indican aqueles casos nos que é obrigatorio dispoñer de estruturas de protección antienvorcamento homologadas (ROPS) e cinto de seguridade e lémbrase que os tractores rexistrados no ROMA en data igual ou superior a 40 anos que non dispoñan de ROPS non se poderán pasar a outra actividade, nin cambiar de titularidade ou transferir, salvo por herdanza.

Como en campañas informativas anteriores, inclúense recomendacións para evitar os envorcamentos
Motivación e factores de incidencia
O instituto público recalca que en Galicia hai un importante número de accidentes no medio rural que teñen o tractor como axente material. E, en moitos casos, o resultado das lesión é grave ou mortal.
Ademais, hai que ter en conta que a gran maioría destes sinistros non teñen a consideración de accidentes de traballo, xa que os sofren en gran número persoas xubiladas ou realizando actividades de fin de semana. Incluso nunha alta porcentaxe son persoas con idade avanzada.
O Issga establece como principais causas dos accidentes -sobre todo nos graves e mortais- as seguintes:
• A envorcadura do tractor
• O atrapamento na toma de forza
• Accidentes de circulación
A incidencia dos accidentes que se producen nos desprazamentos na vía pública tamén é motivo de fonda preocupación. E é que teñen a consideración de accidentes de tráfico, coa peculiaridade de que ademais poden ter consecuencias para terceiros que circulen á vez pola mesma vía.
Como factores que inciden na sinistralidade polo manexo do tractor en Galicia, o Issga destaca:
• Importante dispersión xeográfica da poboación e elevada atomización e dispersión da propiedade
• Significativo peso do sector agrario en Galicia e singularmente na provincia de Lugo
• Envellecemento da poboación, especialmente no medio rural
• Envellecemento do parque de maquinaria agrícola
• Multiplicidade dos riscos no manexo do tractor: atrapamento por envorcadura, atrapamento entre obxectos, golpes contra obxectos en movemento, etc
• A poboación exposta alcanza non só aos agricultores a título principal senón tamén: familiares directos, xubilados, agricultores a tempo parcial, outros traballadores non afiliados pola agraria, etc
• Falta de horarios de traballo definidos, a dureza e exixencia física de moitos traballos agrícolas, factores ambientais, etc., que incide na sinistralidade do sector
• Uso do tractor coma medio de desprazamento en zonas rurais
• Situación especial cando o traballador autónomo contrata a un ou varios traballadores, de xeito que debe cumprir a Lei de prevención de riscos laborais
Galego








Control OJD