Campaña da pataca: prevese unha redución da colleita polas vagas de calor

As altas temperaturas afectan á produción de pataca da Limia, con menor cantidade de tubérculos e de menor tamaño. Variedades como a Agria é das máis afectadas. Coñecemos as previsións cando comezan a arrancarse as plantacións de cedo

Publicidade
Campaña da pataca: prevese unha redución da colleita polas vagas de calor

Pataca colleitada. / Arquivo.

As previsións da campaña da pataca na comarca da Limia non son nada boas. As vagas de calor que se sucederon ó longo deste verán afectaron de xeito notable á produción do tubérculo. Prevese menos cantidade de patacas e de menor tamaño, sobre todo nas variedades demandadas pola industria e que a día de hoxe son tamén maioritarias na comarca.

“Está a ser un ano moi complicado polas altas temperaturas, sumado a que tampouco hai moita auga para a rega fan que sexa unha campaña difícil e agárdase unha redución da colleita”, valora Amador Díaz Penín, agricultor e presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia.

Por cada semana que a temperatura estivo por encima dos 35 graos perdéronse arredor duns 10.000 quilos por hectárea en produción”: Servando Álvarez, director do Inorde

As estimacións que manexan dende o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) dependente da Deputación de Ourense, son semellantes ás que sinala o produtor. “Por cada semana que a temperatura estivo por encima dos 35 graos perdéronse arredor duns 10.000 quilos por hectárea en produción”, estima Servando Álvarez, director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro pertencente ó Inorde.

Este ano tamén se adiantou un pouco a campaña e a finais de agosto xa se están recollendo algunhas leiras de cedo. “Comezaron a arrancarse algunhas na zona de Monterrei, que veñen cun mes de antelación, sobre todo para tentar atender ó mercado galego, que está completamente desabastecido de pataca”, explican dende o Inorde. Haberá que agardar case un mes, para que os produtores se atopen en plena recollida da pataca. A recollida adoitan realizala arredor do 20 de setembro, pero como é habitual, estará moi condicionada pola meteoroloxía.

As variedades máis afectadas

As vagas de calor rexistradas este verán afectaron de xeito considerable ás plantacións de pataca. “Cando unha planta de pataca soporta máis de 30 graos, o ciclo vexetativo fréase e non se reactiva ata que baixa esa temperatura. Así, nas vagas de calor de case 20 días seguidos nesas temperaturas, as plantas só mantiveron a rama verde, pero non crearon tubérculos. A calor fixo que tuberizaran pouco e eses tubérculos quedaran pequenos”, explica Álvarez.

Variedades como a Agria, empregadas maioritariamente para a industria de frito, están a ser as máis afectadas polas altas temperaturas que se acadaron na comarca da Limia este verán. As estimacións que barallan dende o Inorde apuntan a unha drástica redución da produción nestas variedades. “A día de hoxe a produción media da pataca de industria, que é a maioritaria na Limia, probablemente quede por debaixo dos 35.000 quilos por hectárea, no canto de situarse nos 50.000 que sería o agardado”, estima. A redución da colleita afectará sobre todo a aquelas parcelas que foron plantadas tarde.

Mentres, en variedades como a Kennebec, aínda que se estima que as producións tiren á baixa, atópanse en cifras normais e semellantes ás doutros anos.

A día de hoxe un 70% da produción da Limia son variedades destinadas á industria e que se viron gravemente afectadas polas vagas de calor

A redución na colleita da Agria é aínda máis significativa polo peso que teñen estas variedades para frito na comarca. As variedades para industria foron gañando espazo fronte á Kennebec nos últimos anos. A día de hoxe un 70% da produción da Limia son este tipo de variedades con corte máis ben industrial.

Un dos factores que está a contribuír á expansión das variedades para frito é que a pataca de carne branca, como a Kennebec, tivo moitas dificultades nas últimas campañas para saír ó mercado e as vendas caeron, polo que se seguiu apostando aínda máis polas variedades da industria, coa problemática de que son as máis afectadas polas altas temperaturas.

Cubrir custos de produción?

Á marxe das altas temperaturas, esta campaña ven marcada polo incremento dos custos de produción, disparados no momento da sementeira das patacas e que se mantiveron altos nos últimos meses. “Esta redución da produción xa sería un desastre nun ano normal, pero máis aínda neste, no que os custos de produción se dispararon”, valora Álvarez.

“Nesta campaña os custos de produción incrementáronse en torno a un 40%, tanto os insumos coma os abonos ou combustibles”; Amador Díaz, produtor de pataca

Os prezos dos insumos disparáronse. Así, os fertilizantes que na campaña pasada custaban arredor dos 30 céntimos por quilo este ano acadaron 1 euro. “Estímase que esta campaña os custos de produción se incrementaron en torno a un 40%, tanto os insumos coma os abonos ou combustibles”, sinala o produtor.

Pese a que se esperaba que se plantase máis cereal este ano ó dispararse os custos de produción, a superficie plantada de pataca mantívose, puido variar arredor dun 5 ou 10%. “Mesmo se botou un pouco máis de pataca por temas de axustes de ciclos de rotacións das terras”, explican dende o Inorde. Así, nesta campaña plantáronse arredor dunhas 3.500 hectáreas de pataca na Limia. “Estamos nunha comarca na que a xente se dedica á pataca e pouca variación hai, xa que tampouco hai outras alternativas que sexan moi viables”, coincide en sinalar Amador Díaz.

Agora, ás portas da campaña da recollida e comercialización da pataca, os produtores agardan que se acaden prezos axeitados. “A ver se os prezos nos permiten recuperar a inversión”, apunta Díaz, quen recorda que os céntimos nas patacas sempre son moi importantes, xa que esas variacións mínimas marcan a diferenza entre que sexa sostible economicamente ou non a colleita.

Polo momento, nas zonas produtoras de pataca do sur e centro de España, que xa comezaron a colleita e venda, a campaña está arrancando con bos prezos e unha gran demanda de pataca. “O feito de que haxa menos cantidade de pataca tamén pode ser decisivo para os prezos que se acaden”, apunta Díaz. Falta saber se o prezo que se pague abondará para compensar o incremento dos custos de produción e a perda da pataca producida, e se a tendencia se manterá ata que se arranquen en Galicia, que son das últimas da tempada.

Os prezos na campaña do 2021 situáronse en valores normais e as patacas comercializáronse en prazo, sobre todo nas variedades para a industria. “Ó final resultou un ano medianamente bo, con prezos aceptables, a excepción da variedade Kennebec, que foi moi complicado”, recoñece o produtor. Mentres as variedades como a Agria se venderon entre os 30 e os 35 céntimos, a pataca Kennebec, que compite con outras variedades brancas, tivo dificultades, xa que estas variedades provocan que se deprecie a Kennebec, posto que delas é a que ten un prezo maior.

Nova oficina mellora no regadio na Limia _Inorde

Visita da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, á nova oficina para informar sobre as melloras no regadío.

Os novos pozos

A comarca da Limia segue a agardar polas melloras no sistema de regadío e neste últimos meses déronse xa pasos importantes para avanzar neste proxecto. A Xunta realizou xa un terzo dos 42 novos pozos de sondaxe de auga previstos na bisbarra. O obxectivo é que no 2026 estean funcionando.

A Consellería de Medio Rural puxo en marcha esta mesma semana unha oficina para informar dos avances na mellora e modernización do regadío da Limia ós propietarios das parcelas e ás comunidades de regantes. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitaron este martes as instalacións, situadas no Inorde.

Como explicou Santé, poderán achegarse á oficina a entregar documentación os propietarios de predios xa adheridos ao regadío. Así mesmo, poderán solicitar información os que non se incorporasen ao regadío no seu momento, pero aos que lles gustaría adherirse cando estea ampliado, así como -en xeral- os que estean de acordo coa posta en marcha de polígonos agroforestais, que facilitarán a execución das obras de ampliación.  

“Contar con este sistema de rega vai marcar un antes e un despois na Limia”: Amador Díaz Penín, agricultor

O sistema de regadío permitiría sumar 4.000 hectáreas para a produción agrícola ás que xa hai na antiga Lagoa de Antela. “O feito de ter o regadío ábrelle ó agricultor unha maior diversificación. Poder facer unha maior rotación é moi importante nesta comarca e creo que contar con este sistema de rega vai marcar un antes e un despois na Limia”, valora o agricultor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información