O tempo seco e solleiro e as elevadas temperaturas provocaron que a maior parte das ganderías de Galicia xa ensilasen nesta primeira quincena de abril o primeiro corte de herba, cuns 20 días de adianto con respecto á data habitual. Este adianto vexetativo, unido a falta de precipitacións provocou que o volume de materia húmida colleitada sexa de media un 10% inferior á de 2016, aínda que con excepcións, pois nas comarcas do interior os rendementos baixaron sensiblemente mentres que nas zonas costeiras en xeral mantívose nos mesmos niveis que o pasado ano. Iso si, parece que mellora en regra xeral a calidade, tanto en fibra neutra como en proteína bruta.
Boa parte dos explotacións gandeiras, sobre todo nas zonas máis próximas á costa, están adiantando a sementeira do millo, con algunha que incluso xa sementou na maior parte da superficie. Sen embargo, polo xeral imponse a cautela e, nos que decidiron non agardar por un segundo corte de herba, son maioría os gandeiros que decidiron de momento ter abonadas e aradas as terras, esperando a que se confirme a chegada das choivas para sementar o millo.
A continuación facemos un repaso pola situación nalgunhas das principais comarcas gandeiras de Galicia:
A Mariña:
Na Mariña lucense os rendementos da primeira corta de herba para ensilar en xeral son algo inferiores aos do ano pasado, con algo máis de 11 toneladas de materia húmida por hectárea, e iso si, cuns 20 días de antelación.
Santiago Sousa Lema, director de Área Cultivos e Mecanización da cooperativa Os Irmandiños recoñece que “estamos cortando a herba moi cedo, uns vinte días antes, e os rendementos son algo inferiores porque a herba é miúda, non engordou, e esperamos que o segundo corte veña con máis cantidade”.
En canto á sementeira do millo, asegura que “estamos preparando as terras e acopiando fertilizantes para empezar a sementar esta próxima semana, sobre todo nas fincas que están a barbeito”.
Lugo Sur:
No sur de Lugo, o técnico agronómico de Icos, Jorge Labandeira, informa de que “xa levamos uns dez días ensilando herba, cunhas 1.000 hectáreas cortadas”. Asegura que “a calidade da herba está sendo moi boa, e en cantidade un pouco pequena pero aceptable”.
“A maior parte dos gandeiros nesta zona xa ensilaron na primeira semana deste mes, e deles o 70% vai agardar a un segundo corte a comezos de maio e logo plantarán un ciclo de millo algo máis curto, un 250, que se sementará na segunda quincena de maio”, explica o técnico de Icos.
En canto á superficie de millo que se prevé plantar, Jorge Labandeira asegura que “este ano vai haber entre un 8 e un 10% menos, xa que os gandeiros están optando por ter máis pradeiras permanentes e de calidade e o peche de explotacións fai que as que queden aluguen esas terras e escollan só as mellores para sementar millo”.
Lugo Centro:
Dende o servizo técnico da cooperativa Agris informan de que “os rendementos do primeiro corte de herba en cantidade baixaron unha media dun 15% porque se adiantou moito o ciclo, pero de calidade están bastante ben”.
Neste sentido, aínda que dispoñen de momento de poucas analíticas, as que realizaron revelan unha proteína bruta por riba do 15% e de fibra neutra por debaixo do 40%.
Ao igual que no sur de Lugo, no centro da provincia “a maioría das ganderías van sacar outro corte de herba a comezos de maio, sobre todo os que xa ensilaron o primeiro a comezos de abril”, aseguran dende Agris. “Pero todo depende da choiva, porque se non chove periga todo”, advirten.
Da mesma opinión é Odón Castro, gandeiro de Láncara: “temos boa calidade de herba pero os rendementos no primeiro corte, que se adiantou case un mes, son entre un 15 e un 20% menos que o pasado ano”. “Estamos preocupados porque hai moita seca nesta zona e se non chove como debe nas próximas semanas poderíamos incluso perder o segundo corte de herba”, asegura.
En canto á sementeira do millo, Odón asegura que se guiará pola prudencia: “De momento teño as fincas preparadas pero non sementarei ata que se anuncie choiva”.
Comarca de Santiago:
Na Gandería Sar SL, de Touro, unha das máis grandes da comarca de Santiago, xa ensilaron toda a herba a pasada semana. “A cantidade foi a dun ano normal e de calidade ben, aínda que xa empezaba a querer tumbar. Nas pradeiras temporais non agardamos por un segundo corte de herba e xa temos aradas e abonadas unhas 130 hectáreas e agardaremos para a semana que ven ou para a seguinte, cando chova algo, para sementar o millo”, explica Carlos, un dos socios desta gandería.
Xallas e Barcala:
Na comarca de Xallas e Barcala tanto o ensilado da herba como a sementeira do millo xa están máis adiantadas. Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar explica que “os rendementos foron bos tanto en calidade como en cantidade, cunhas 14 toneladas de materia húmida por hectárea”. Non agardaron a un segundo corte e neste momento están rematando de sementar o millo, para o que elixiron un ciclo longo de 500.
Pola súa parte, Manuel Iglesias Agra, gandeiro de Santa Comba, recoñece que “a produción de herba non foi mala para o cedo que foi e o bo tempo permitiu unhas boas condicións de traballo, sen presas, co terreo enxoito e facendo ben os silos, polo que mellorou a calidade”.
No seu caso decidiu non sementar aínda o millo, a pesar de que xa ten as fincas abonadas e aradas. “Este ano sementareino algo máis cedo polo que irei a un ciclo máis longo, un 400, pero non realizarei a sementeira ata finais da próxima semana, pois canto máis nos acheguemos ao San Xurxo -23 de abril- menos risco haberá de que o millo morra por frío e exceso de humidade”, asegura.
O Deza:
Na comarca do Deza tamén xa levan dúas semanas ensilando. Dende o servizo técnico de Cobideza aseguran que “este ano levamos un mes de adianto no ensilado da herba, algo que tamén se vai trasladar á sementeira do millo, e de feito algún dos nosos socios xa o sementou en fincas que tiña sen herba, cando o habitual aquí é facelo entre o 15 de maio e o 15 de xuño”.