Campaña da castaña: boa calidade pero menor colleita da agardada

A produción neste ano viuse reducida polos temporais, pero está a ser mellor que noutros anos en calidade, xa que os fungos están baixando nalgunhas zonas

Publicidade
Campaña da castaña: boa calidade pero menor colleita da agardada

Castaña caída en Viana do Bolo pola borrasca Kirk. / Cedida.

En plena campaña de recollida da castaña, produtores e industria fan un balance similar da situación deste ano. Mentres no pasado ano as altas temperaturas e a sanidade do froito foron dous grandes problemas, neste ano a principal problemática céntrase nas inclemencias meteorolóxicas. Aínda así, a calidade do froito está a ser superior.

Dende a Indicación Xeográfica Protexida indican que a campaña está atrasada e aínda acaban de empezar coa colleita. “Aínda non caeu moito ourizo e non se pode asegurar como será esta campaña, pero intúese que algo mellor ca o ano pasado en canto a calidade”, explica Jesús Quintá, presidente da IXP Castaña de Galicia e xerente da empresa Alibós, situada en Monterroso.

Quintá destaca que o temporal Kirk, que chegou a Galicia o mércores 9 de outubro, afectou aos soutos de castaño tirando moito froito e tamén rompendo ramas cargadas de ourizos. “Hai zonas que verán reducida a súa produción por esta incidencia climatolóxica”.

En canto á sanidade do froito, neste ano indica que a avespiña segue estando presente, pero o principal problema de sanidade é o fungo porque lle ataca á árbore e tamén ao froito. “Cabe puntualizar que en zonas da montaña de Ourense xa se mellorou algo e tamén a castaña de altura é mellor ca de chan en canto á sanidade”, resalta o presidente da IXP.

En canto a prezos, lembra que volverán a subir algo e “aínda non están moi marcados”. Aínda así, indica que en zonas malas estase a pagar 1,20 euros o kg en fresco e en zonas boas a 1,50 euros.

Zona de Ourense
En Manzaneda, na cooperativa Amarelante están inicando a recollida e indican que tanto en calidade como en cantidade será mellor que o ano pasado, que tiveron unha campaña moi mala. Óscar Freire, un dos integrantes da entidade destaca que para eles non se está a retrasar a recollida, “no castiñeiro de Manzaneda sempre se empeza na semana anterior a Todos os Santos”.

Polo momento, a castaña que están a recoller presenta unha boa calidade “vese moi sa”, pero aínda é pronto para afirmar se será unha boa campaña xa que teñen moito ourizo sen caer dos castiñeiros. “Vese que hai grandes, pero tamén hai moitos pequenos que non medraron. Aínda así, mellor que o ano pasado debería ser. Non será unha marabilla como hai sete anos, pero iremos recuperando”.

Nesta zona Kirk non fixo tanto dano, aínda que si viron árbores con ramas rotas e algún froito tirado por causa dos fortes refachos de vento, pero non serán motivo de grandes perdas. “Non visitei todos os soutos, pero non hai grandes danos”.

Nos Ancares quedaron sen produción por unha saraibada en xullo

En canto á sanidade, este ano, de momento non hai fungo na zona, pero vai ligado co tempo (por debaixo de 20 graos non debería haber). “ Na castaña que collemos ata agora, que é pouca, non vimos fungo. A nosa castaña sempre é tardía e o tempo sempre axuda”. Lembra que na pasada campaña tiveron sorte, porque cando empezaba a ter presenza o fungo, comezou a chover e axudoulles a que non avanzase.

Na zona de Valdeorras indican, tamén, que a calidade está a ser superior á de outros anos, pero as previsións en cantidade eran maiores que as resultantes. Os danos de Kirk é un dos motivos principais, posto que a finais de setembro había moitos ourizos pero co temporal caeron moitos e haberá menos castañas. En canto á sanidade, o fungo reduciuse con respecto ao ano pasado e a avespiña tamén.

Sen produción nos Ancares e baixa no Courel
Na montaña lucense, dende a cooperativa gandeira A Carqueixa (Os Ancares) explican que este ano na zona principal onde recollen dende a entidade (Cervantes) non vai haber campaña. “A granizada de xullo arrasou con todos os ourizos e quedamos sen produción nos soutos do núcleo da cooperativa”, explica Román Sánchez, xerente da Carqueixa. Destaca que recollerán a produción que entreguen algúns socios que non se viron afectados, pero non contarán coa produción habitual, a cal auguraban “boa porque se vían máis ourizos que nos pasados anos, pero quedamos sen nada”, lamenta.

Algo similar sucede na zona do Courel, aínda que os motivos son diferentes. “Nós xa empezamos e acabamos a campaña porque temos moi pouca castaña”, explica Daniel Arza, socio de Caurelor, empresa especializada na venda de castaña e a elaboración de produtos ecolóxicos derivadas tanto da castaña como doutros froitos da comarca. Indica que a calidade é boa, pero os seus soutos xa son vellos e producen pouca cantidade. Resalta que se a entidade se dedicase só a produción de castaña “poderíamos dedicarlle máis tempo ao coidado e mellora dos soutos”.

En canto ao fungo, lembra que na campaña pasada tivo máis presenza e causou maiores danos, porén “nas que recollemos vimos algún froito afectado, pero moito menos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información