Campaña da castaña 2022: a seca reduce a produción e afecta á sanidade do froito

Prevese pouca castaña e moi afectada pola falta de chuvias e as altas temperaturas. As castañas teñen menor calibre e hai gran cantidade danada. Os prezos ó produtor reséntense en boa parte das zonas produtoras

Campaña da castaña 2022: a seca reduce a produción e afecta á sanidade do froito

As altas temperaturas e as escasas chuvias deste verán tamén pasaron factura ós castiñeiros. A campaña, que nalgunhas das zonas produtoras arrancou aínda na última semana de outubro, está a ser complicada. As primeiras castañas recollidas son de menor tamaño e tamén se viu afectada a sanidade do froito.

“As elevadas temperaturas que tivemos nos meses de verán e a escaseza de auga afectaron non só á castaña senón que se aprecia tamén nos castiñeiros, e non vai haber boa colleita, pode que sexa das peores dos últimos anos”, valora Jesús Quintá, presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e xerente de Alibós, unha das industrias destacadas na transformación da castaña. Con todo, apunta que haberá que agardar ó avance da campaña para poder facer unha estimación da redución que se producirá.

As primeiras castañas víronse afectadas pola falta de chuvia e agárdase que as variedades tardías poidan ter mellores rendementos e calidade

Cando aínda queda arredor dun mes da campaña, tanto industria como produtores teñen a vista posta nas variedades de tarde, que puideran ter mellores rendementos que as primeiras castañas recollidas. “Falta ver se as chuvias que se rexistraron en setembro lle serviron ós castiñeiros das variedades de tarde para recuperar e ter mellor produción”, indica Quintá.

Industrias transformadoras como Alibós comezaron a semana pasada a procesar castaña. Con estas previsións e o incremento dos custos de enerxía e embalaxes que rexistraron, o máis probable é que tamén se incremente o prezo das castañas e dos produtos elaborados con elas, mais dende a industria aseguran que será difícil trasladar toda a suba rexistrada nos custos de transformación, xa que temen que se o fan caia o consumo.

Tamén se mira con inquedanza á evolución das temperaturas no resto da Península, xa que o mercado en fresco das castañas está moi condicionado polo frío e os altos rexistros que afectan ó resto de España condicionan a campaña. Aínda que este ano se fixeron virais xa imaxes de xente mercando castañas asadas en manga curta, produtores e industriais coinciden en que “se non vén frío, non se venden tantas castañas”.

Os prezos pagados ós produtores tamén se resentiron nalgunhas zonas produtoras debido á sanidade da castaña. Así, aínda que as primeiras castañas se puideron pagar por encima de 1,10 ou 1,20, hai zonas nas que o prezo xa leva tempo asentado nun euro. Tamén se agarda que variedades de tarde e as de maior calidade e calibre se paguen a arredor dos 2 euros, como viña sendo habitual.

Facemos un repaso por algunhas das zonas produtoras de castaña en Galicia para coñecer como avanza a campaña:

Courel: Agárdase mellor campaña que a pasada

A maior parte dos soutos do Courel son variedades tardías, pero con todo, este ano a campaña foi con certa demora, posto que outros anos a comezos de outubro xa estaban apañando nelas. O verán seco e o tempo solleiro aínda no comezo do outono influíron moito na recollida, facendo que se atrasase.

Agárdase que este sexa algo mellor ano que o pasado, que fora unha pésima campaña. “Alomenos vense ourizos nos castiñeiros, xa que o ano pasado nin iso tiñamos. Fora unha campaña desastrosa, non houbo castaña ningunha”, recorda Verónica Núñez, da firma Caurelor, especializada na transformación da castaña.

A comarca tamén sufriu este verán as consecuencias dun gran incendio, aínda que boa parte dos soutos apenas se viron afectados e serviron de protección a algunhas aldeas, relentizándose alí o lume e podendo apagalo. Así, en pobos como Santa Eufemia, onde reside esta produtora, os soutos víronse afectados minimamente, só con algúns exemplares danados.

Aínda que as previsións de castaña son baixas, o Courel recupera este ano dúas das citas tradicionais arredor deste froito, que nos últimos dous anos se viran suspendidas a causa da crise sanitaria. Por un lado, celebrarase o vindeiro 5 de novembro a Festa da Castaña, que este ano ten lugar en Folgoso. Ademais, o 3 de decembro está prevista a Festa da Pisa en Froxán.

Macizo Central: Prevén unha colleita reducida, un 80% menos que os bos anos de produción

Nos montes de Manzaneda (Ourense), na pasada semana caían as primeiras castañas. Agardan que esta sexa unha mellor campaña que a pasada, na que non recolleran case nada. “Se nun ano bo nesta zona podemos chegar a unha produción duns 250.000 quilos de castaña, este ano se recollemos 60.000 xa sería todo un logro”, apunta Óscar Freire, da cooperativa Amarelante, centrada na produción e transformación da castaña.

Cos últimos días de mes comezaron a recollida de xeito máis intenso, logo dos ventos e chuvias que favoreceron a caída dos froitos. Coma noutras zonas de Galicia, a seca está detrás desta redución da produción, xa que a diferenza doutros anos, nos que a avespiña do castiñeiro fixera estragos, as soltas de parasitos para controlar a incidencia desta praga están a contribuír a reducir a súa incidencia.

Polo momento, os prezos sitúanse en valores semellantes ós do ano pasado, pero aínda queda un mes de campaña.

Zona centro de Lugo: Prevese menos cantidade e témese que haxa pouca castaña de calidade

Nos soutos de Chantada, onde a seca foi intensa a penas se está a colleitar castaña este ano. “O dito non se cumpriu. A castaña ardeu de máis en agosto e en setembro non bebeu o que precisaba”, recorda Miguel Areán, xerente de Castañas Naiciña, unha das empresas transformadoras destacadas no sector e asentada en Chantada. As temperaturas tan altas rexistradas no verán e a falta de chuvias suficientes cos primeiros días do outono fixeron que a produción se resentise.

“A castaña quedou pequena, os rendementos en quilos poden ser un 30% menos que outros anos. Ademais de ter un calibre por debaixo do necesario a calidade sanitaria tamén se viu afectada pola calor e as néboas que houbo este ano”, explica Areán.

O Deza: A campaña foi máis tardía e a castaña está danada

En Pontevedra, na comarca do Deza, a campaña da castaña tamén veu con certo atraso, con respecto doutros anos. As primeiras castañas recolléronse a finais de setembro, pero aínda se apañou castaña ó longo do mes de outubro. “Apañouse algunha, pero o máis forte da campaña quedou aínda para finais de outubro”, explica Óscar Estévez, xerente da comercial homónima situada en Lalín, un dos puntos de recollida de castaña na vila.

A castaña tamén está a ser de baixa calidade nas terras do Deza. “Hai moita castaña danada, está a ser moi mal ano”, explica Estévez, que este ano deu un paso máis na comercialización deste froito e conta cunha planta en Palas de Rei (Lugo) na que busca transformar a castaña. “Antes vendiámoslla tanto a industrias de Galicia como de zonas de Castela e decidimos comezar a procesar a castaña nós nesta planta”, explica.

Na comarca dezá, os prezos tamén caeron rapidamente. Aínda que as primeiras castañas se chegaron a pagar a 1,40 euros o quilo, agora a maioría está xa pagándose sobre 1 euro, debido á baixa calidade do froito.

Nos soutos ourensáns: En Valdeorras hai aldeas produtoras onde non quedou castaña polos lumes

Nas terras de Valdeorras a campaña da castaña veuse moi afectada polos lumes que arrasaron os montes no verán. “Hai aldeas nas que os soutos quedaron queimados e non hai castaña ningunha”, explica Juan Fernández, presidente da Rede Estatal do Castaño e xerente de Castañas Rafael. “Este ano teremos un 80% menos de castaña con respecto doutros anos, non só polos lumes senón tamén pola incidencia da avespiña, que segue afectando ós castiñeiros, así como pola seca”, detalla Fernández.

Así, aínda que xa contaban cunha baixada da produción, estes tres factores botaron por terra aínda máis as perspectivas da campaña. Ademais da pouca castaña que está habendo, tampouco está a ser de calidade, o que reduce aínda máis a castaña que finalmente se pode comercializar, despois dos procesos de selección. Outro factor negativo foron as previsións dunha superprodución de castaña noutros países produtores, o que provocou que nas primeiras castañas os prezos caeran axiña pola entrada de castaña do estranxeiro.

Subas dos custos de transformación

Esta campaña está caracterizada tamén polo incremento dos custos da enerxía e de materiais para a transformación e envasado das castañas. As industrias galegas están acusando subas que afectan a todo o proceso de envasado e transformación da castaña, o que fixo disparar os custos. Nas industrias transformadoras coinciden en sinalar que os custos se lle incrementaron esta campaña entre un 30 e un 50% con respecto do ano pasado. Os procesos de desinsectación ou refrixeración da castaña teñen un alto custo de enerxía, que se viu fortemente afectado coas subas que se experimentou no último ano.

Tamén a suba doutros materiais coma o cartón, o plástico ou os palets de madeira, que viron incrementado o seu valor notablemente nestes meses afectan directamente ás industrias transformadoras da castaña.

Os altos custos da enerxía e a falta de castaña motivan que haxa industrias galegas que optaran por pechar ó pouco de comezar a campaña

A baixa sanidade da castaña este ano tamén está a incrementar os custos para as industrias, xa que da castaña que se recolle moita dela desbótase tralo proceso de selección. Ante esta situación, houbo industrias galegas que optaron por pechar xa ó comezo da campaña tras ver os gastos e a baixa perspectiva da campaña.

A mala sanidade das castañas, que reduce a cantidade de froito trala selección na industria, ou os procesos que deben seguir as castañas para garantir a súa calidade cando chegan ó mercado están detrás dos prezos que atopa o consumidor. “O prezo débese a todo o procesado que hai detrás da castaña, aínda que sexa en fresco. Hai castaña doutras zonas de España que se paga un 30% máis que a galega ó produtor só pola boa calidade que tes e as poucas mermas de quilos que suporá trala selección”, explican dende o sector.

Aposta pola calidade

Tanto dende a IXP Castaña de Galicia como por parte das industrias inciden na importancia da profesionalización do sector para contar cunha produción cada vez máis regular e de calidade, como xa fixeron outras zonas produtoras próximas a Galicia tanto de España como de Portugal. Así, en Extremadura ou na rexión lusa de Trás os Montes hai anos que apostaron pola produción de castaña de xeito profesional, con novas plantacións, cun coidado axeitado e regular dos soutos, o que permitiu fixar poboación e ter unha produción de castaña máis regular. Apostar por asociacións de produtores e por fomentar as variedades autóctonas son dous dos piares sobre os que apuntan que debe asentarse esta profesionalización.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información