Campaña contra a granxa de 20.000 vacas prevista en Soria

O Sindicato Labrego considera que o modelo da macroexplotación proxectada na localidade de Noviercas constitúe unha ameaza para o sector lácteo galego

Campaña contra a granxa de 20.000 vacas prevista en Soria

Isabel Vilalba e Lupe Prado, na rolda de prensa de presentación da campaña.

Quince macroexplotacións de 20.000 vacas poderían producir tanto como as máis de 8.000 granxas que quedan en Galicia. Sobre esa base, o Sindicato Labrego Galego considera unha moi mala noticia o proxecto dunha macrogranxa de 20.000 cabezas que se anunciou en Noviercas (Soria). A organización agraria ofreceu hoxe unha rolda de prensa en Lugo para presentar unha campaña contra esa iniciativa.

“Aínda que a macroexplotación estará a máis de 500 quilómetros de Galicia, de ir para adiante poñerá en xaque ó sector lácteo galego” -valora o Sindicato Labrego.- “Autorizar a implantación deste modelo de macro-granxas favorecería a súa construción preto dos grandes núcleos de poboación do Estado (área mediterránea e centro peninsular), de cara a fornecelos, eliminando os gastos de recollida e minimizando os de transporte. Isto aceleraría un proceso de deslocalización da produción láctea que xa está en marcha”

A organización agraria lembra que na actualidade o sector lácteo galego suministra preto do 40% da produción leiteira do Estado, cun alto custo de transporte para as industrias. As críticas do Sindicato Labrego á macrogranxa céntrase nos seguintes puntos:

Emprego: unha soa granxa con 20.000 vacas podería producir preto de 180.000 toneladas de leite ó ano. Con 15 granxas industriais como esa cubriríase unha produción como a galega.

Medioambiente: A explotación de Soria consumiría máis de 4 millóns de litros de auga ó día e xeraría unhas 368.000 toneladas de xurros ó ano, o que implicaría unha seria ameaza para o medio e os acuíferos. A empresa promotora, ademais, pide 6 millóns de euros públicos para enfrontar o tratamento dos residuos.

Benestar animal: excesiva intensificación da produción.

Riscos sanitarios: un só caso positivo de tuberculose bovina obrigaría ó sacrificio de toda a cabana. Esa medida implicaría un gasto en indemnizacións públicas de 14,6 millóns de euros, segundo as estimacións do Sindicato Labrego.

Calidade: España convertiríase nun produtor de “leite-lixo”, orientado en boa medida ó mercado de leite en po, pagado a baixos prezos nas granxas.

Accións
En base a estes argumentos, o Sindicato Labrego, conxuntamente coa COAG, está a desenvolver unha campaña a nivel europeo. Pide a implicación de todos os partidos políticos e organizacións do campo para lograr a paralización do proxecto.

Estase a desenvolver ademais unha recollida de sinaturas físicas e a través de internet contra o proxecto. Esta semana tamén se lle entregou un dossier sobre o tema ó comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, que estivo de visita en España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información